Arquivo por etiquetas: literatura trobadoresca

Actualización de materiais sobre lírica medieval galego-portuguesa

No primeiro trimestre publicaba unha selección de recursos sobre a lírica trobadoresca que acostumo a empregar nas aulas para acompañar unha proposta de comentario de cantigas. Cómpre agora unha nova actualización daquela entrada para traer ao blogue unha presentación de diapositivas moi completa (orixe, cronoloxía, autores e intérpretes, códices e xéneros maiores profanos, con abundantes exemplos de tópicos temáticos e recursos formais) asinada polo usuario de slideshare Vinseiro. Semella que este traballo terá continuidade nunha segunda parte para atender ao cancioneiro relixioso e aos xéneros menores.

Así mesmo, recomendo tamén considerar os materiais do colega portugués blog12cad:

Por último, completamos a escolma con estoutro diaporama sobre os tópicos de amor elaboarda no IES de Tomiño:

Proposta de comentario literario para unha cantiga medieval

Actualizamos os recursos sobre a literatura medieval con esta proposta de comentario literario para as cantigas coa intención de saír dos comentarios guiados con preguntas que se adoitan realizar neste nivel.

Ao mesmo tempo, acompañamos esta modesta achega con materiais de referencia de elaboración allea, en concreto da incansable Sofía Rama e de Ana Martíns.

Da primeira compañeira, á que lle agradecemos a inxente cantidade de materiais, recursos e propostas de calidade que partilla na rede con toda a comunidade LGL e os Equipos de Normalización Lingüística, traemos aquí unha presentación xeral sobre a literatura medieval da que destacaría a súa dimensión visual, importante para comprender os recursos formais:

Este traballo compleméntase co desenvolvemento do tema en formato textual e con esta proposta de esquema dese tema (que vén moi ben para traballar as tñecnicas de estudo e mesmo a análise de textos expositivos). Pasando xa ás cantigas de amigo, destacariamos, ademais dunha selección de textos de Sofía Rama,  outros dous diaporamas sobre este xénero. Por unha banda, da mesma profesora temos unha presentación xeral que achega dúas interesantes relacións das cantigas de amigo coas carxas e co “neotrobadorismo” do Colectivo Ronseltz e mais Antón Reixa, ademais da xa mencionada achega visual aos recursos formais.

Por outra banda, Ana Martíns é autora deste traballo que se detén na tan interesante e suxerente simboloxía presente nas cantigas de amigo:

Non queda máis que agradecerlles a contribución a amabas e lembrar outras entradas anteriores relacionadas con esta temática:

Para descender a un nivel máis especializado, na páxina do Grupo de Investigación Lingüística e Literatura Galega ILLA dungha completa listaxe de recursoe en liña.

Presentación sobre literatura galego-portuguesa medieval

Dende hai un tempo tiña no meu computador esta presentación sobre a literatura galego-portuguesa medieval que agora comparto na rede aproveitando a creación do Grupo LGL de slideshare. O seu autor é o profesor Ramón Cruces Colado, actualmente no IES de Cacheiras (Teo), aínda que penso que descarguei este material da web antiga do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis. Este slide respecta o traballo deste compañeiro, tanto o contido como as animacións, xa que só modifiquei o tamaño dalgunhas letras e imaxes.

Ademais dunha introdución ao contexto no que se crean esta tradición literaria, esta presentación inclúe unha descrición dos xéneros líricos trobadorescos, tanto dos motivos temáticos como dos principais recursos formais, sempre apoiados en exemplos. Así mesmo, nas súas 80 diapositivas hai espazo para os xéneros menores e para a prosa medieval, todo isto adobiado con debuxos de Pepe Carreiro e ilustracións medievais.

Entradas relacionadas no Caderno de Lingua:

Cantigas de hoxe

Literatura trobadoresca galego-portuguesa: esquema dos xéneros profanos

Como se facían os manuscritos medievais?

Cantigas de Martín Códax

Cantigas de hoxe

Na procura de recursos para traballar as cantigas medievais nas aulas atoparemos na música, campo no que xa fixemos unha primeira incursión neste blogue, uns materiais ben interesantes que, se cadra e salvando as diferenzas, lle devolven ás cantigas a súa dimensión primixenia, a de seren cantadas.

Neste sentido, nos últimos meses naceu un proxecto moi atractivo, o blogue Son de poetas, unha “antoloxía de poesía galega musicada” impulsada polo departamento de lingua galega e literatura e o Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre. O seu obxectivo é achegar un poema musicado cada semana do curso 2007-2008 e abofé que están actualizando o blogue continuamente. Nel recóllense textos de todas as etapas da literatura galega dende as cantigas medievais até as últimas décadas e ofrece unha información moi completa sobre o/a poeta, o tema musical, o grupo ou solista, etc.

No que se refire á lírica medieval, Son de poetas achéganos dúas ducias de cantigas, entre as que destacamos:

A descuberta das cantigas medievais galego-portuguesas nas primeiras décadas do século XX deu orixe á corrente do neotrobadorismo, representada por Álvaro Cunqueiro e Álvarez Blázquez. Do primeiro coñecemos un fermoso poema, “No niño novo do vento”, que se popularizou a través da música. En Son de Poetas fornécennos varias versións musicais deste poema, dende a xa clásica de Luís Emilio Batallán á rockeira da banda do Morrazo Astarot, incluída no disco O sentir dunha terra (2000), pasando por Amacio Prada, os Milladoiro e Xoel López.

Estes solistas, bandas e grupos de cámara contribuíron a popularizar as cantigas, que seguiu dando os seus froitos na poesía. Nos anos 80 foron varios os autores que transitaron pola tradición literaria como o Colectivo Ronseltz ou Antón Reixa.  

Neotrovadorismo (I)
Os espárragos son diuréticos
E ti es o amor da miña vida
E ti es o amor da miña vida

Neotrovadorismo (II)
(Cantiga de amigo, escarnio e maldicir)
Antes eras un colega
pero agora
me cago en tu puta madre
me cago en tu puta madre

Neotrovadorismo (IV)
Ondas do mar de Vigo
se vistes meu amigo:
que marchei.

Colectivo Ronseltz, Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994).

Contrabando de amigo (Fragmento)

Sentada estou na illa de San Simón
esperando, meu amigo, ai, que volvas do Gran Sol
e pola ponte de Rande van e veñen sen parar
moitos coches, meu amigo, que non veñen do Gran Sol.

Mentiches meu amigo, mentiches meu amor
mentira meu amigo, ti non fuches ó Gran sol
contrabando de tabaco e de drogas de drogar
amor de batea o que ti me queres dar.

Antón Reixa, viva galicia beibe (1994).

Este poema de Reixa foi composto para o disco Ondas do mar de Vigo (1989), de Na Lúa. Prometemos subilo ao Caderno.

E do mesmo xeito cós poetas dos 80 e os 90, a rapazada bótase a trobar en canto pode. Como exemplo estas Cantigas de Escarnio e Cantigas de Amigo I, II, III e IV elaboradas polo alumnado de 3º do IES da Pobra do Caramiñal baixo a dirección do profesor Luciano Fernández no presente curso. Ou unhas Cantigas novas de amigo elaboradas polo alumnado de 3ºB, 3ºC e 3ºD do IES As Lagoas (Ourense) da man da profesora Celia Díaz no curso 2006-2007.

Para rematar un breve test sobre a literatura galego-portuguesa medieval.

Entradas relacionadas:

ACTUALIZACION: 18 de xaneiro de 2012.

Literatura trobadoresca galego-portuguesa: esquemas dos xéneros profanos.

Ilustración de Antón García Patiño sobre a cantiga “Levantou-s’a belida”, de Don Dinis.

Traio hoxe ao Caderno de Lingua as fichas de apoio da literatura medieval galego-portuguesa para 3º da ESO. Son esquemas de cada un dos xéneros da lírica profana que recollen as características esenciais das nosas cantigas medievais.

Achego tamén o traballo Un feixe de respostas simples a preguntas simples sobre a lírica galego-portuguesa elaborado polo Departamento de Lingua Galega do IES As Lagoas. Pódese consultar directamente na antiga web do centro ou baixar en formato PDF lixeiramente modificado para as miñas aulas.

Entradas relacionadas:

Como se facían os manuscritos medievais?

Cantigas de Martin Codax

Como se facían os manuscritos medievais

Aínda que teño moitos deberes pendentes por non poñer a andar o Caderno cando o precisaba, como subir materiais empregados nas aulas dende setembro, desta volta adiántome un chisco á materia de LG de 3º para mostrar un recurso fascinante que atopei da man de Catuxa Seoane, de ANABAD Galicia.

Trátase dunha animación interactiva que a Universidade de Cambridge dispón a través do Fitzwilliam Museum.

Este recurso amósanos “cómo se facían os libros manuscritos medievais. A animación está basada nunha paxina dun antigo libro do século XIV realizado para un obispo francés, Reynaud de Bar e que se coñece como o Pontifical de Metz”.

Cantigas de Martin Codax

Logo de que o grupo de 2ºAE vise durante as primeiras semanas de curso a Lírica Galego-Portuguesa Medieval, agora é a quenda dos grupos de 3º. É ben sabido que as cantigas naceron para seren cantadas mais os nosos cancioneiros medievais carecen de notación musical. Houbo que agardar á azarosa descuberta do Pergamiño Vindel en 1914 para coñecer as únicas mostras que se encontraron até hoxe da canción profana galaico-portuguesa xunto coas sete cantigas de amor de Don Dinís achadas no Pergamiño Sharrer.

vindel

Para facérmonos unha idea de como poderían soar as cantigas na altura, o Grupo de Música Antiga Martin Codax interpreta a cántiga “Mandad’hei comigo”.

Mandad’hei comigo
ca ven meu amigo:
e irei, madr’, a Vigo!

Comigu’hei mandado,
ca ven meu amado:
e irei, madr’, a Vigo!

Ca ven meu amigo
e ven san’e vivo:
e irei, madr’, a Vigo!

Ca ven meu amado
e ven viv’e sano:
e irei, madr’, a Vigo!

Ca ven san’e vivo
e del-Rei, amigo:
e irei, madr’, a Vigo!

Ca ven viv’e sano
e del-Rei privado:
e irei, madr’, a Vigo!