Arquivo por etiquetas: Linguas minorizadas

Recursos para traballar na aula no Día Europeo das Linguas

Mañá luns, 26 de setembro, celébrase o Día Europeo das Linguas, unha efeméride organizada conxuntamente polo Consello de Europa e a Unión Europea dende o ano 2001 coa finalidade de festexar a diversidade lingüística e cultural europea e promover a aprendizaxe das linguas. Malia agochar a realidade das linguas minorizadas, a cada pouco máis minguadas e amezadas, baixo un xenérico chamamento a aprender outras linguas como unha vía para valorar a diversidade lingüística, coñecer outras culturas e valorar a herdanza plurilingüe do continente europeo, é unha boa ocasión para traballar na aula o plurilingüismo dende a perspectiva galega.

A Secretaría Xeral de Polítia Lingüística reúne, tamén de modo moi aséptico, como se esa riqueza lingüística non estivese en perigo no noso país, unha serie de recursos e propostas para traballarmos co alumnado, comezando pola versión galega dunha presentación divulgativa do Consello de Europa:

Neste especial atopamos propostas de aula (con algún pequeno traballo de investigación para a posterior posta en común e reflexión xunto con algunha idea apenas enunciada: elaboración dun traballo audiovisual); algúns xogos que cumpría adaptar ao galego; e o conxunto de recursos do proxecto Linguas no camiño, que achega materiais audiovisuais e ligazóns útiles mais que xa ten un antecedente de maior rendibilidade didáctica como Os camiños das linguas ou como facer unha rota do plurilingüismo, do profesor Luciano Fernández.

Complétase o monográfico con información sobre a incumprida (un, dous, tres e catroCarta Europea das Linguas Rexionais e minoritarias, cunha serie de ligazóns de interese, entre elas materiais elaborados polo profesorado (agradécese  a inclusión dunha presentación -moi sintética- deste blogue) e recursos tomados sobre todo de Linguamón. Como diciamos, tamén aquí se bota en falta a perspectiva das linguas rexionais e minorizadas que poidan achegar ferramentas como o Mercator e Eurominority, agora que pechou o incómodo EBLUL – European Bureau for Lesser-Used Languages por falta de financiamento.

Se nalgún centro vos sumades a esta efeméride, podedes cumprimentar un formulario provisto polo Consello de Europa para publicitar todos os eventos e actos desta xornada.

Para concluír, unha selección de recursos e materiais máis enfocados ás aulas:

Linguas en contacto: as linguas minorizadas (proposta de traballo)

Nesta altura do curso estamos inmersos nun traballo que procura aplicar e recoñecer na práctica os contidos introdutorios de sociolingüística previamente expostos na aula. Basicamente, trátase de que o alumnado  coñeza e identifique os principais fenómenos que se dan nos contextos de contacto entre linguas mediante un modesto traballo colaborativo de achegamento á situación de diferentes idiomas minorizados, a contextos problemáticos de contacto entre linguas e a casos paradigmáticos polas políticas lingüísticas desenvolvidas neses territorios. O repertorio de idiomas  proposto inclúe idiomas próximos ao noso contorno, por suposto as linguas do Estado (agás o galego), os casos de linguas minorizadas en Francia, Italia ou as Illas Británicas, situacións como a belga (dende o flamenco) ou a suíza  (dende o retorromanche) e linguas maioritarias en contextos de minorización (francés do Quebec, alemán en Alsacia ou español en Porto Rico), ademais doutras linguas máis afastadas (dende unhas perspectiva cultural) e con problemáticas  específicas como o curdo, o tamazight e o guaraní.

Como obxectivo último, incentivar o fomento dunha reflexión crítica sobre o perigo e as consecuencias da homoxeneización lingüística e cultural para as denominadas linguas minorizadas e sobre as políticas lingüísticas que procuran restituír a situación de desigualdade de dereitos que sofren os seus falantes. Dende unha valoración positiva da diversidade lingüística mundial e da consciencia das situacións de vulneración desa propia diversidade continuaremos máis adiante na exploración do caso galego.

O traballo desenvolverase en grupos de 3 ou 4 persoas e contempla a elaboración dunha presentación de diapositivas a partir dun guión común e a exposición oral do obxecto de investigación na aula. Procúrase, xa que logo, orientar o alumnado no manexo adecuado das fontes de información dixitais coa finalidade de elaborar, co apoio das TIC, traballos de investigación adaptados ao seu nivel, así como adestrar e mellorar a  súa capacidade de expresión oral. Ademais do guión, dispoñemos a continuación  dunhas proveitosas directrices ofrecidas por Pilar Ponte Patiño para a elaboración de presentacións académicas e unhas sinxelas orientacións para enfrontarse á exposición oral, que inclúen unha táboa de valoración que empregarán os propios alumnos para valorar os compañeiros, por exemplo, adxudicándolle a un grupo a avaliación doutro.

Guión do traballo

As presentacións académicas

Recomendacións e táboa de avaliación para a exposición oral

Contacto entre linguas nun mundo plurilingüe

Nas últimas semanas introducimos os primeiros conceptos sociolingüísticos nas aulas de 4º da ESO. Comezamos por dar conta do panorama lingüístico mundial, europeo e ibérico dende a perspectiva do plurilingüismo, para achegármonos logo ás situacións de contacto entre linguas. Abordamos, de xeito sintético, as seguintes cuestións:

  • O plurilingüismo no mundo.
  • A Europa das linguas.
  • Tipoloxía das linguas segundo o número de falantes, situacións de contacto entre linguas e recoñecemento legal dos idiomas.
  • As linguas peninsulares.
  • O galego: dominio lingüístico e marco legal.

Apoiámonos nun traballo propio que xa ten un tempo e cumpriría actualizar, mais temos acceso a outros materiais, como as presentacións Diversidade lingüística e Sociolingüística 4º ESO, elaboradas polo Equipo de Normalización do IES de Viós en Calameo, e Plurilingüismo, elaborada por Sofía Rama en Slideshare. Ademais, podemos acompañar estas achegas teóricas con actividades interactivas como Os camiños das linguas ou como facer unha rota do plurilinguismo, EDILIM deseñado por Luciano Fernández, e Linguas e máis linguas, unha caza do tesouro albergada na páxina de contidos da Consellaría de Educación.

Tamén de grande utilidade é a reportaxe In languages we live. Voices of the world, en galego Na lingua vivimos, un interesante documental de autoría danesa e inglesa facturado polo Canal de Historia que trata a diversidade lingüística e cultural mundial dende a perspectiva da problemática actual de moitas linguas minoritarias en camiño de extinción. Pódese ver dobrado ao español como Sobre el origen de las lenguas.

Vodpod videos no longer available.

O seguinte documento recolle os cadros que empregamos na aula para visualizar as linguas de Europa e na Unión Europea e responder algunhas sinxelas preguntas de síntese sobre as familias lingüísticas europeas e a existencia de estados monolingües e plurilingües no continente:

Por último, o visionado do vídeo “Principais fenómenos das linguas en contacto”, da autoría de Luciano Fernández, é un excelente recurso para introducir os conceptos básicos que hai que manexar para coñecer e comprender os contextos nos que coexisten dúas ou máis linguas, que é o escenario habitual no mapa lingüístico mundial: linguas maioritarias/linguas minoritarias; linguas dominantes ou hexemónicas/linguas minorizadas; linguas oficiais/linguas non oficiais; conflito lingüístico; bilingüismo e diglosia; e prexuízo lingüístico.

Vodpod videos no longer available.

Se fai falla definir e exemplificar estes conceptos para ampliar información e para asimilalos correctamente, pódese distribuír a seguinte ficha:

Anotacións relacionadas:

Europa, unha realidade plurilingüe

Europa é plurilingüe: quen sabe galego sabe máis!

Linguas minorizadas peninsulares I: euskera e catalán

Linguas minorizadas peninsulares II: aragonés e asturiano

Linguas minorizadas peninsulares I: euskera e catalán.

Posto que o blogue comezou a andar hai apenas un mes fican por subir algúns materiais de aula xa utilizados no que vai de curso. É o caso do que empregamos para nos achegar ás linguas minorizadas da Península Ibérica tanto en 3º como en 4º da ESO. No primeiro caso, o alumnado, disposto en parellas, tivo que preparar unha presentación en diapositivas dos diferentes idiomas (agás o galego, o portugués e o castelán) logo dunha pertinente e breve introdución teórica

En 4º mergullámonos na realidade plurilingüe do estado a través da música. Ao longo de varias sesións presentáronse as diferentes linguas introducidas por unha actividade de motivación consistente na audición de temas de varios grupos. Con cada un dos idiomas, entregouse unha ficha descritiva moi simple, que incluía información sobre a lingua e o grupo, ademais da letra e a tradución de cada unha das cancións. O obxectivo era escoitar esas linguas nun código moi próximo ao alumnado, a música. Malia que a realidade mediática e política estatal teima en facer invisíbeis os diferentes idiomas do Estado diferentes do español (e as expresións artísticas vehiculadas nesas linguas) aos ollos do cidadán medio, as novas tecnoloxías achegan máis ca nunca estas realidades e dispoñen materiais (fontes, vídeos nas diferentes linguas…) ao noso alcance que, ben aproveitados, poden dar estes magníficos resultados.

Comezamos co catalán e o euskera (“éuscaro”?) da man de Sorkun e Obrint Pas, visitantes asiduos das terras galegas, a primeira sobre todo acompañando a Fermín Muguruza e o grupo valenciano converténdose xa nun clásico dos festivais do país como puidemos comprobar -e gozar- no 2007 na xira de presentación do disco “Benvinguts al paradís” (mellor disco de pop-rock en catalán 2007 para o lectorado do Avui).

 

Sorkun: “Lurra”

  

Obrint Pas: “Benvinguts al paradís”

Na columna da esquerda, pódense ver os vídeos da solista vasca e a banda valenciana.