Arquivo por etiquetas: lingua

Idioma

Idioma_odavide

Pasan os días e sigo rillando unha e outra vez neste texto do amigo David. Non hai codia ningunha nel, todo é miolo.

‎#recitandocelsoemilio

Houbo quen deu unha idea: ‎#recitandocelsoemilio. Pero tamén había un motivo: darlle á lingua. Logo madureceu o proxecto por medio dun a-xente.

Escolleuse o poema; os destinatarios; e unha data: o 12 do 12 do 2012 ás 12h no ano do centenario de Celso Emilio Ferreiro.

Logo foi tomando corpo, cun chisco de pementa pop, un “anuncio”, un marabilloso agasallo do AudioVisual As Barxas e Luz Beloso e Seso Durán (un millón de grazas e un lote grande de parabéns!).

E agora só queda darlle forma a todo isto, que non é pouco.

Felicita o nadal coa postal da Coordinadora Galega de ENDL

Vodpod videos no longer available.

Ti tamén podes personalizar e enviar ás túas amizades unha felicitación coma esta se premes aquí.

Feliz 2010 para ti, para os teus… para a nosa lingua!

Todos/as sabemos que os soños non se alcanzan sen esforzo, por iso no ano que comeza contamos contigo para seguirmos traballando a prol da lingua.

www.coordinadoraendl.org/videos/nadal.swf

Ti tamén podes personalizar para as túas amizades unha felicitación coma a que podes ver na ligazón anterior premendo aquí.

A lingua galega e a relación coas TIC

Os asistentes ao III Seminario de Dinamización Lingüística que se celebra estes días en Pontevedra puidemos coñecer no día de onte a primeira experiencia práctica no eido da normalización que se presentou nas xornadas . Marcelino Veiguela Fuentes, Asesor Científico-Tecnolóxico do CEFORE en Tui, achegounos o traballo colaborativo “A lingua galega e a relación coas TIC” do IES de Chapela (Redondela), que contou co recoñecemento da Secretaría Xeral de Política Linguística como Premio á Innovación en normalización lingüística 2007. Este ambicioso proxecto, que podedes descargar na web da SXPL ou baixar como presentación en slideshare.net (a que vedes máis abaixo), asenta en catro liñas de traballo:

– Creación de weblogues da Biblioteca e da materia de Tecnoloxía de 4º da ESO do instituto.

– Elabración de webquest, miniquest e buscas do tesouro (exemplo).

– Podcast para o fomento do galego dentro e fóra das aulas do centro educativo (exemplo).

Videoconferencia das Letras Galegas 2008 mantida entre o alumnado de 1º ESO do IES Chapela e de 6º de Primaria do CEIP Alexandre Bóveda a través de skype.

Paga a pena deterse polo miúdo neste traballo, tanto no arquivo .pdf como no diaporama, (tamén está disponíbel a memoria) non só en canto aos contidos en si mesmos senón tamén pola calidade do proxecto. A súa estruturación, o cronograma, a concreción dos pasos dados ou as guías de cada unha das aplicacións empregadas no seu desenvolvemento (blogue, skype, podcast, audacity, etc.) incorporadas na presentación constitúen un bo punto de partida para botar a andar actividades semellantes nos nosos centros, xa dende un simple weblogue xa apostando por unha ferramenta máis complexa como os podcast. Afrontar un proxecto global require xa da implicación dun grupo interdisciplinar importante. Neste caso traballaron as áreas de lingua galega e tecnoloxía, o ENDL, o centro de recursos da zona e o departamento de música, que chegou a adaptar software para mellorar o son nos podcast.

Para todos eles, parabéns.

Na páxina do Departamento de Lingua Galega tamén hai recursos de interese para o traballo nas aulas.

Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego

O pasado mércores 23 de xullo un grupo de personalidades de diferentes ámbitos da sociedade galega presentaba en Compostela o Manifesto a prol da convivencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego. Nestes tempos nos que determinados resortes -ben coñecidos- do poder mediático e político do Estado denuncian entre falsidades e unha clara vontade manipuladora da opinión pública a suposta discriminación lingüística que sofren os falantes de español en países como Galiza (o mundo ao revés!), dende o Caderno de Lingua sumámonos a esta iniciativa que xa conta co apoio de numerosos colectivos e persoas a nivel individual.

As persoas que promovemos esta chamada queremos manifestar, perante as institucións de autogoberno e como aclaración perante a sociedade galega, o seguinte:

1.- O pobo galego ten dereito a que a súa lingua propia (orixinaria) sexa oficial a todos os efectos no seu ámbito territorial. Os usuarios do galego deben desfrutar no seu territorio do mesmo status legal que o castelán ten no seu.

2.- A situación do galego está moi lonxe de ser así. Non desfrutamos de dereitos lingüísticos plenos para desenvolver a nosa vida diaria con normalidade na nosa lingua na nosa terra. Son os falantes do galego os que resultan discriminados. É o galego o que corre perigo como idioma e os galego falantes os que non son debidamente respectados. Vivimos unha grande inxustiza que é a negación da igualdade e da verdadeira convivencia.

3.- Por iso, resulta realmente preocupante que, desde Madrid, con apoio de importantes medios de comunicación, haxa quen pretenda convencer á opinión pública de que o castelán corre perigo de desaparición e que os seus falantes son discriminados no noso país. Esta inversión da realidade ten como obxectivo que os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos e que os únicos deberes para as Administracións públicas se vinculen ao castelán.

4.- O verdadeiro problema non está na cooficialidade de idiomas como o galego, senón na actitude de quen nega a existencia de pobos e linguas diferentes no Estado español. Esta actitude si é a negación da convivencia e da igualdade. O proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir nesta lingua. O que compre é respectar a legalidade vixente (Estatuto e Lei de Normalización Lingüística) e avanzar con cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia. Xustamente a dirección contraria á proposta polos que pretenden a imposición do castelán como único idioma con dereitos e deberes para os cidadáns en todo o territorio do Estado.

5.-. Correspóndelle ao pobo galego, a través das súas institucións representantivas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma. Esperamos o compromiso das institucións de autogoberno na defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e na aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos. Neste labor contarán sempre co noso apoio.

6.- Alertamos á sociedade galega para non se deixar confundir e instámola a cavilar sobre a verdadeira situación do galego no propio país.
Defendemos un dereito humano elemental que nos define, ademais, como pobo diferenciado. Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado tanto nas administracións públicas, como na vida social.

Apoios ao Manifesto

Podes enviar o teu apoio a través da rede, fax (981 583 782), por correo electrónico (amesa@amesanl.org) ou ao enderezo postal (Rúa do Vilar, 15 – 1º dereita; Apartado 247; 15705 Santiago de Compostela) da Mesa pola Normalización Lingüística.

Poesía contra a ignorancia

Hoxe, 17 de maio de 2008, dámoslle saída a unha iniciativa dos Blogues pola lingua: reproducir  o poema “Deitado fronte ó mar”, que Celso Emilio ferriro publicou no poemario Longa noite de pedra.

DEITADO FRENTE Ó MAR…

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño…

Podedes atopar a versión hip-hopeira de MC García, de Dios ke te Crew, no Youtube, ou na fonte orixinal, a Fotobiografía sonora de Celso Emilio Ferreiro editada polo selo Ouvirmos. 

Éxito do Obradoiro de Hip-Hop no Musigal

Os músicos de Cerceda Martín e Carlinhos impartiron onte un obradoiro de hip-hop na biblioteca do noso colexio para o alumnado de 3º e 4º da ESO. Na súa charla trazaron unha historia do hip-hop e explicaron os elementos que se combinan neste movemento cultural (rap, break, grafitti, mc e beatbox). Ademais, Carlinhos deunos un pequeno curso de iniciacíón ao beatbox que deixou coa boca aberta a máis dun/dunha. Deseguida, Martin achegounos algunhas cantas claves para a composición das letras das cancións que, de seguro, fixo saltar algúns resortes nas cabezas do alumnado.

Á pregunta típica de por que cantades en galego? seguiulle unha resposta do máis natural, porque falamos en galego, oe… pregúntame pola música que fago!, e, xa metidos en fariña, escoitamos unha versión reague do himno galego, acrecentado nuns cantos versos por Martín, que nos conduciu á reflexión sen deixar de gozar cos ritmos xamaicanos. 

obra1    obra2

Finalmente, chegou a parte máis práctica e participativa: a confección e rapeado, mesmo houbo quen se lanzou ao beatbox, duns versos. Un éxito que deixou bo sabor de boca entre o alumnado.
obra3

nitram