Arquivo por etiquetas: lingua galega

Entrevista a Mercedes Queixas Zas, Coordinadora dos ENDL

Mercedes Queixas Zas (A Coruña, 1968) é coordinadora provincial dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) da Coruña. Até marzo de 2007 exerceu de profesora de lingua e literatura galegas no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco. É, ademais, secretaria xeral da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).


Valentina Formoso é coordinadora do ENDL do IES Félix Muriel de Rianxo.

 

 

  

 

Mercedes Queixas Zas é, desde marzo de 2007, coordinadora territorial dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL) dos centros de ensino non universitario para a provincia da Coruña. Nesta entrevista feita por Valentina Formoso para o web da CTNL fálanos do seu traballo e da situación da normalización do galego neste eido.

 

“É exemplar a forte implicación do profesorado e do alumnado dos ENDL coa creación de novos espazos de uso para a lingua galega na escola”.

Poderías concretarnos cal é o traballo que desenvolvedes os/as coordinadores/as territoriais dos ENDL?


O noso traballo do día a día pretende responder a dous obxectivos básicos: asesorar e dinamizar os equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros educativos, tanto públicos como concertados. Tratamos de dar resposta ás súas dúbidas a respecto de como planificar lingüisticamente o seu centro, coordinar o seu traballo con outros centros educativos, próximos ou non, poñelos en contacto cos servizos de normalización lingüística existentes en moitos concellos para vehicular o traballo do centro educativo no contorno e viceversa, asesoralos na elaboración de proxectos de innovación en normalización lingüística ou proxectos de fomento do uso do galego no ensino, etc.

 

Sodes suficientes os catros coordinadores provinciais para abarcar todos os centros de ensino ou cumpriría unha rede con máis persoal ou quizais con outras “sub-coordinacións” comarcais ou por zonas?


Non é doado atender, co detalle que se necesita e merece, o inmenso labor que realizan a maioría dos ENDL, moitos deles cunha interesantísima perspectiva diacrónica que os converten en motores de iniciativas ben positivas para asegurar a competencia e o uso sen complexos da lingua galega. Ademais, desde o primeiro día, os catro coordinadores territoriais, xunto á nosa coordinadora central, propuxémonos dar un paso adiante que entendiamos moi necesario por cubrir unha eiva histórica: pornos ao pé dos compañeiros e compañeiras docentes que traballan nos seus equipos e conseguir a maior proximidade comunicativa, mesmo física, desprazándonos aos propios centros, cando fósemos requiridos. No meu caso, conseguir isto, que me parece unha aposta pola valoración do traballo de dinamización lingüística no ensino, non resulta doado dadas as características da provincia da Coruña, cun elevadísimo número de centros educativos que atender espallados entre 94 concellos e cunha concentración social en espazos xeográficos que presentan uns índices de castelanización elevadísimos: Ferrol, Vigo e A Coruña, xunto a áreas comarcais ou periurbanas que actúan neste momento tamén como espazos fortemente desgaleguizadoras. Outro tanto acontece coa provincia de Pontevedra, mais aínda en Lugo e Ourense, provincias con menor índice poboacional e menor número de centros, tamén se presentan problemas dada a forte dispersión xeográfica. Aínda así, temos que dicir que sempre que somos requiridos intentamos dar unha resposta positiva e á altura do que sabemos que se espera de nós.

 

Descarga a entrevista completa en formato .PDF

 

Obradoiro de Hip-Hop no CPI don Aurelio

O martes á tarde os músicos Martín e Carlinhos visitan o noso colexio para impartir un Obradoiro de Hip-Hop. Haberá dous pases, un primeiro para 4º da ESO, entre as 15:30 e as 16:45, e un segundo para 3º da ESO, entre as 16:45 e as 18:00.
Con esta actividade, o Proxecto Musigal pretende achegar un movemento musical que está pegando moi forte entre a mocidade, o hip-hop, unha cultura que funde elementos como o rap, o break, o beatbox ou o grafiti e que, a pesar do que é moi seguido en todo o mundo, as máis das veces faino por vías non comerciais xa que ás radio-fórmulas chegan soamente a propostas máis edulcoradas. O obradoiro contempla unha parte práctica e serán os/as alumnos/as os que se deben lanzar á creación de versos para o seu posterior rapeado.

Nitram forman parte de Machina, un dos últimos expoñentes do chamado “son Cerceda”, mentres que a Carlinhos podédelo atopar facilmente no Youtube facendo beatbox, neste caso na Fundaçom Artábria:

Vodpod videos no longer available. from cadernodelingua.word posted with vodpod

Machina xurdiu no ano 2002 pola iniciativa duns mozos da localidade que compartían gustos musicais comúns. A banda sufriu varios cambios dende a súa creación ata chegar á formación actual, que está composta por Gonzalo (guitarra), Anxo (baixo), Martín (voz) e Ángel (batería). Aínda que a media de idade dos integrantes deste cuarteto non supera os 24 anos, xa levan un bo número de ensaios e de concertos ás súas costas, froito das súas experiencias musicais previas en grupos como Sensancha, Cristal Pain, Osiris, Banda Melghacha, Presencia Zero ou Banda Potemkim. Entre as súas influencias figuran bandas como Deftones, Tool, 36crazyfits, Finch ou Berri Txarrak.

A primeira experiencia de Machina no estudio foi no ano 2005, cando gravou unha maqueta coa que conseguiu impoñerse no certame de rock universitario galego Campusons, aínda que nunca chegou a editarse. Agora veñen de editar Acouga, traballo que inclúe cinco cancións gravadas nos Estudios Océano de Nigrán baixo a batuta de Javier Abreu. O seu estilo é un pouco ecléctico, xa que alterna cancións salvaxes e escuras con outras máis melódicas. En canto ás letras, falan da vida, do sufrimento e do paradoxo da existencia.

Liñas de traballo dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística

Aproveitando que a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de resolver as axudas aos ENDL subimos a seguinte presentación de Uxía Nogueira, coordinadora provincial dos Equipos de Normalización, dada a coñecer no marco do II Seminario de Dinamización Lingüística celebrado en Pontevedra no pasado mes de novembro.

A autora describe as funcións das novas coordinacións territoriais que comezaron a traballar no presente curso 2007-2008, dá conta dos criterios de avaliación dos proxectos normalizadores dos centros de ensino públicos recollidos na convocatoria pública de axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística e, finalmente, extrae unha serie de interesantes conclusións en relación ás liñas futuras de actuación dos equipos.