Arquivo por etiquetas: Lines Salgado

Maio, mes da lingua

Chega o mes das maio, o mes da lingua, un tempo de celebración e de traballo arreo en torno ás letras galegas e do idioma. No ensino, na república das letras e nas rúas, e ademais este ano con moita vida enriba dos escenarios para revivirmos o espírito Vidal Bolaño, unha voz de plena actualidade que non ficaría calada ante a actual situación de extrema urxencia social e cultural.

Mais é tempo de festexar, non de se laiar, tampouco da autocompracencia, porque a cultura galega, pese a todos os atrancos, ou precisamente debido a eles, vive “días de gloria” creativa, de modernidade, de imaxinación e dinamismo. Por iso, reproduzo este texto que pecha o nº 7 de Ollos de aula, a revista da CGENDL para as familias do alumnado, que expresa esta actitude moito mellor ca min.

Días de gloria

O vindeiro 17 de maio imos celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á figura do dramaturgo compostelán Roberto Vidal Bolaño; mais desde a CGENDL non pretendemos que esta conmemoración resulte unha especie de rito oficial no que participan unicamente algúns ilustres intelectuais, senón que nos gustaría que fose unha festa colectiva na que poden participar activamente as familias do noso alumnado.

Que podemos facer todos nós arredor das Letras Galegas? En primeiro lugar, ser conscientes de que podemos estar orgullosos de contarmos cunha cultura propia, moderna e contemporánea, e que se pode converter (a pouco que lle concedamos un mínimo apoio) nun dos sectores económicos máis puxantes do país. Porque a cultura galega ofrece traballo a moitos profesionais relacionados coa industria da edición e da comunicación, das artes plásticas e musicais, do cine e do teatro, da banda deseñada e o deseño gráfico. Xente, case toda ela, chea de talento e iniciativa.

Por iso, animámosvos a que, neste mes das Letras Galegas, fagades unha aposta en positivo pola lingua e a literatura de Galicia; as opcións que se nos ofrecen resultan, desde logo, múltiples e variadas: desde a posta en escena das obras de Roberto Vidal Bolaño, pasando pola celebración das Feiras do Libro ou a lembranza de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, obra que cumpre 150 anos da súa primeira edición. E, sobre todo, aproveitemos esta ocasión para visitarmos unha libraría e agasallar as persoas queridas cun libro na nosa lingua. Esa será, dende logo, a maior mostra de gloria destes días.

De imposicións, liberdade e aprendizaxe de linguas

O número 6 de Ollos de aula, a revista para as familias do alumnado que edita a CGENDL, inclúe -como vén sendo xa costume grazas ao bo facer dos/as colaboradores/as e da persoa que a coordina-  uns artigos ben interesantes e útiles. Nesta ocasión, Agustín Fernández Paz reflexiona sobre a importancia que debe ter a lectura na formación do alumnado e como se debe apostar por ela no seo das familias e no ensino; o psicólogo Alberto Casqueiro dá unha serie de pautas a ter en conta para enriquecer a comunicación de pais/nais e fillos/as; Lines Salgado informa sobre os Programas de Cualificación Profesional e Inicial (PCPI); e Gracia Santorum, coma sempre, achéganos as súas interesantes proposta de lectura, música e ocio.

Quería, especialmente, aconsellar a lectura da sección “De lingua”, porque é preciso unha vez máis reflexionar sobre o obvio e aclarar que supón estender o uso do galego como lingua vehicular do ensino para acadar a competencia comunicativa -tamén en galego, a lingua minorizada- que establece a lexislación nun marco de cooficialidade. Cando se prostitúe a linguaxe e fermosas palabras como “liberdade” se asocian ao discurso da falsa imposición (que non cesa: un e dous) a pesar das sentenzas dos órganos competentes, faise novamente necesario, sobre todo porque o mal xa foi feito (un de tantos) e a imaxe social do idioma, na que afondan or propios medios de comunicación galegos (Encapuchados e con acento galego e Sospeitosos), non fixo máis que empeorar con novos prexuízos.

Falar de aprendizaxes

Falar de aprendizaxe de linguas e de competencia lingüística na nosa terra volveuse complicado, e máis tendo en conta que moitas das palabras que se deben usar nesa conversa deixaron de ter un enfoque pedagóxico e pasárono a ter político. Quizais os dous mellores exemplos sexan os termos liberdade e imposición, que tanto se usaron nos últimos anos en Galicia.

Segundo o dicionario, o termo impoñer quere dicir “obrigar a aceptar ou padecer [algo]”, mentres que liberdade é o “dereito e posibilidade de poder actuar unha persoa segundo os propios criterios e de decidir por ela mesma aquilo que lle atinxe, sen estar sometida ás imposicións doutros”. Confrontar os dous termos a nivel de ensino non ten moito sentido, xa que cando a administración educativa organiza o currículo buscando a promoción da nosa lingua, non está buscando “impoñela”, senón que o alumnado a aprenda, ou sexa, que “adquira o coñecemento de [algo], e chegue a saber por medio do estudo, a práctica, a observación, a experiencia…” e sexa competente ou, o que é o mesmo, desenvolva “capacidade e habilidade para facer ben unha cousa”.

Por iso o Tribunal de Xustiza de Galicia, na súa sentenza sobre o Decreto para o plurilingüismo, lle di á Xunta que non pode abdicar das súas funcións ata o punto de permitir, en aras da “liberdade”, que os pais escollan se queren ou non que os seus fillos e fillas aprendan galego na escola. E non con ánimo de “impoñer”, senón de que se cumpra á Lei de Normalización Lingüística, que se creou precisamente porque a nosa lingua propia precisa de axuda e promoción para poder manter vivo un patrimonio que é símbolo do noso pasado e do noso futuro.