Arquivo por etiquetas: IES Pintor Colmeiro

Proposta para elaborar o Proxecto Lingüístico de Centro

A necesidade de contarmos cunha planificación lingüística de centro rigorosa e baseada en presupostos sociolingüísticos e pedagóxicos innovadores, ademais de útiles e produtivos para o alumnado e a sociedade, descarrilou coa chegada á Xunta de Galicia do goberno de Núñez Feijóo, que derrogou, por intereses electorais e dende presupostos ideolóxicos sectarios, o Decreto 124/2007 sen ser avaliado, a pesar de que se enmarcaba nun Plan Xeral de Normalización consensuado no Parlamento e polos axentes do ámbito educativo.

Como xa abordamos nalgunha ocasión con anterioridade, traemos ao Caderno unha proposta moi interesante para aplicar no marco lexislativo actual, o deostado e mal chamado Decreto para o Plurilingüismo. Esta presentación, de Susana Arís (do IES Illa de Arousa, modélico tamén polo seu compromiso co ensino público) é un moi bo modelo de intervención tanto pola contextualización inicial do PLC como pola guía que nos ofrece para elaborar o documento e as medidas prácticas contidas nel. Destacaría, especialmente, que se trata dunha proposta cunha sólida base teórica, moi traballada e que combina adecuadamente o traballo das competencias e os instrumentos utilizados. Incorpora tamén a avaliación e inclúe un consello na diapositiva nº 66 que, se cadra, ten que verse antes do resto. 😉 Aínda que está deseñada para a ESO, é adaptable a outros niveis educativos.

Complétase esta entrada con diversos modelos de enquisas sociolingüísticas elaboradas por Equipos de Normalización Lingüística recentemente (IES Pazó da Mercé das NevesIES de Chapela de Redondela e  IES Pintor Colmeiro de Silleda).

Bótame na pota… ou os larpeiros do Colmeiro

Grazas aos amigos e amigas da Mesa de Ourense, souben dunha interesante iniciativa do ENDL do IES Pintor Colmeiro de Silleda que, de seguro, vai espertar a larica dalgúns de vós. Bótame na Pota é unha actividade normalizadora na que os rapaces e rapazas, o profesorado ou as familias explican ante as cámaras como facer unha receita ao máis puro estilo larpeiro co obxectivo de divulgar o vocabulario gastronómico en galego. Ao ritmo dunha receita mensual, non quedará prato de tempada nin sobremesa típica que se lles resista aos larpeiros do Colmeiro. Desta volta si que se poderá afirmar, e con fachenda, aquilo de “sentir o galego no bandullo” ou “o galego, a pedir de boca”.

Sen dúbida ningunha, trátase dunha actividade orixinal e creativa que combina a dimensión educativa (traballo co léxico e manexo dos textos instrutivos, uso do rexistro oral da lingua, integración das novas tecnoloxías, etc.), un forte potencial para implicar a comunidade educativa e proxectarse no contorno do centro e unha innegábel e atractiva compoñente lúdica. Se alguén precisa máis información, pode contactar co ENDL do IES Pintor Colmeiro no seguinte enderezo: normalizacion@iespintorcolmeiro.org.

E, para comezar abrindo o apetito, un marmitako: https://vimeo.com/7248874.