Arquivo por etiquetas: IES de Porto do Son

O meu Son

No curso que vén de rematar “O meu Son” colleu o testemuño de Vinte Dez TV, unha iniciativa de SonCine e o Equipo de Normalización Lingüística que tiña como obxectivo rexistrar a vida escolar do IES de Porto do Son e que mereceu un accésit nos Premio de Innovación en NL 2009-2010. Desta volta, David e o alumnado de 3º de Audiovisuais armaron un proxecto que tenta reflectir a súa xeografía vivencial, emocional, de Porto do Son. Os rapaces e rapazas levaron consigo unha cámara e filmaron o seu lugar preferido, e foron saíndo traballos moi interesantes, que podedes ver aquí reunidos e nos que paga a pena deterse amodo. Tahúme, a Lagoa de San Pedro, a Fervenza da Madanela, os Muíños de Cabanela e Noal foron pasando por diante nosa e hoxe xa figuran entre os mellores rexistros audiovisuais sobre o concello. Mais aínda houbo tempo para captar a intensidade dunha mata, achegarse ao pequeno microcosmos de Mirian, brincar sobre as areas de Baroña ao lombo de Ventisca ou revivir os mellores tempos do cinema de Queiruga.

E para poñerlle o ramo a este curso dedicado ao audiovisual (Cinefórum, Encontro do Audiovisual Escolar Galego, XII Premio Leixaprén a Manolo González, exposición o cinema e cartaces), nada mellor que a última peza do noso Son, o documental (unidade didactica audiovisual) “A seca. Praia de Cabeiro”, todo un exemplo de escola activa, motivadora, inserida no seu contorno e galeguizadora, próxima a iso que chaman ensino informal.

Vodpod videos no longer available.

Rebrincan os arroás diante dos nosos ollos. A beleza do mundo nas mans… pero o sargassum muticum, alga invasora aí impedindo a diversidade da vida: + info aquí sargassum.es/​invasions.html.

Tiñamos unha débeda coa praia de Cabeiro: a praia do noso IES, a praia de noso. Foi boa de pagar grazas a Antón, a Xulio e a Lucía, do Departamento de Ciencias da Natureza, e ao alumnado de 3º de SonCine e aos de 5ºA, que fixeron as fotos para un seu traballo. Escoitando a Antón dan ganas de ser outra vez un rapaz para ir á escola. Algúns mandaríns din que non traballamos; non ho!. A nosa ilusión sería que fose útil noutras escolas.

Texto tirado de SonCine

Advertisements

SonCine: ollar, sentir, ler…

Os pasados 7 e 8 de abril tiveron lugar en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 10/11, que reuniron uns 300 docentes responsábeis das bibliotecas integradas actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Nas xornadas participou o noso compañeiro David Pérez para partillar cos asistentes a experiencia do Proxecto SonCine que se densevolve no IES de Porto do Son dende o ano 2006.

Permítome reproducir o seguinte texto de Sonia Ces, a nosa compañeira que coordina o Equipo da Biblioteca, para sintetizar a mensaxe do relatorio:

O título “académico” dicía así: “Rexistrando as actividades da biblioteca”, e o que el expuso era “Ollar, sentir, ler”. A realidade, o sistema, crítica, erros, acertos, consellos, posibilidades, arelas. Ou como fuxir do cadrado se o que se pretende é facer algo “redondo”. Case sempre se fai audiovisual nas aulas con dúas intencións: unha, incitar a aprendizaxe: en natureza, literatura, química ou educación física (vaite ti ver); dúas, aprender a contar. En realidade, non o sabes ata que sabes contalo. (…) E o audiovisual é a arma máis forte que temos para facelo. O valor dos audiovisuais medra cada día que pasa porque esas imaxes son a mesmiña escrita do Tempo”. É nisto no que cre, e esta é a razon que, para fortuna nosa, o leva a participar connosco nas actividades que organizamos dende a biblioteca. Como xa sabedes, está a ser a nosa mirada no centro e ten conseguido que algúns de vos manifestedes xa tamén a vosa mirada e a vosa voz.

Acredito, e comparto a fortuna de ver traballar a David e de que o seu alumnado e mais el “rexistrasen” estas fermosas e intensas vivencias educativas. Recomendo visualizar a seguinte presentación: así se constrúe o audiovisual dende as/nas aulas.

E, coma xa aconteceu nalgunha ocasión anterior, na volta da viaxe sempre hai un agasallo. Onde vai o cineasta sen cámara, aínda que sexa un aparello modesto pois os rapaces e rapazas levan para a casa os bos para filmar nas tardes e na fin de semana?

Isto non é un vídeo. É indignación e un agradecemento sen límites aos docentes de Galicia. Foi capturado, no mesmo día, en dous espazos próximos, cunha cámara de 5ª fila. Hai quen o dá todo día día nas aulas, inventándose os medios que non ten, comendo o xenio e ofrecendo luz, imaxinación e ilusión ás nenas e nenos galegos. Saúde e ánimo.

Vodpod videos no longer available.

Bibliotecas, posted with vodpod

Engádega do martes, 26 de marzo de 2011: Aulas a ritmo de cine, reportaxe de Culturagalega.org sobre SonCine, o Encontro do Audiovisual Escolar Galego e a escolma de cinema escolar feita por David.

Lois Pereiro 2011

Na biblioteca do noso centro dámoslle a benvida ao Ano Lois Pereiro.

Celebrando as lecturas compartidas

A finais do curso pasado, no mesmiño día no que se entregaban os boletíns de notas, os membros do clube de lectura do instituto parabamos en Caldas e Cuntis para recoller os amigos e amigas dos clubes iESCALDasletras e As Campaíñas. A excursión foi curta e o programa intenso e deu para coñecérmonos mellor, falar de libros, coñecer Viana e especialmente a súa fermosa e activa biblioteca, compartir agasallos, escribir relatos colectivos e mesmo gravar unha minicurtametraxe de medo nun escenario que ben lle acaía.

Vinte Dez TV achéganos a súa visión da experiencia, que xa é o punto de partida para novas actividades que imos facer conxuntamente en breve.

Vodpod videos no longer available.

En Vinte Dez TV:

Aquí vos quedan as moi doces horas dunha VIAXE A VIANA.

Xuño 2010. Remataran as clases…
Alá marchamos cara o sur tres clubes de lectura de tres centros: o IES do Son, o CPI de Cuntis e o IES de Caldas.
Celebramos a fin do curso.
E o traballo feito desde as bibliotecas escolares.
E a esperanza, a alegría e a liberdade.

Clube Lector “As Campaíñas” de Cuntis: blogoteca.com/​ascampainhas/
Clube de Lectura “iESCALDasletras” de Caldas de Reis: iescaldasletras.nireblog.com/
Clube de Lectura Fraga de Novio de Porto do Son: etikeles.blogaliza.org (obrigados á Biblioteca Municipal de Viana do Castelo por acollernos / e a Paco, o noso condutor, pola súa atención e compañía).
 

Medo

Logo de moito traballo e moita ilusión, o verdadeiro motor dos soños, chega á rede o último froito do proxecto SonCine, unha humilde utopía escolar feita realidade no Instituto de Porto do Son.

Vodpod videos no longer available.

more about “Medo“, posted with vodpod

medo from SonCine on Vimeo.

Lemos na canle de SonCine:

é unha curta de medo / morre ata o apuntador / o profe di que cando matas un personaxe é que non sabes que facer con el / fixémola rapaces de 3º de ESO / o profesor di que o que importa é facer; que se non fas é como se non non soubeses; el di: saber é unha acción; e berramos acción canto quixemos / tamén di que o resultado é importante pero que moito máis o son os riscos que asumes e o que aprendes dos erros / se o mira por aí imos levar unha nota moi alta porque erros hai a mancheas / quizais por iso o puxemos (ao profe) nesta curta de profesor… fantasma

Gustoume andar preto desta xente durante este curso que xa vai chamando polo verán.

Para traballar a poesía de Uxío Novneyra

Dende o IES de Porto do Son achegamos uns recursos moi modestos para a celebración do Día das Letras Galegas 2010. Co fin de coñecermos a obra e a vida de Uxío Novoneyra, os Equipos da Biblioteca e Normalización e Dinamización Lingüística, xunto co Departamento de Lingua Galega, convocamos  un concurso de poesía visual no que alumnado recreará os versos do poeta do Courel por medio de caligramas e colaxes. Para iso, ademais de acudir aos materiais e recursos que numerosos docentes e colectivos poñen  á disposición de toda a comunidade educativa galega,  elaboramos unha breve antoloxía da poesía do autor, que inclúe composicións de diferentes graos de  complexidade para  a ESO e o Bacharelato, e unha presentación sobre as técnicas creativas do caligrama e a colaxe.