Arquivo por etiquetas: hip-hop

Porque me sae do galego

Por se alguén tiña dúbidas, así de clara e contundente chega a mensaxe dende o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, a ritmo de hip hop nas rimas rapeadas de Gamy e a realización de Natasha Lelenco.

Éxito do Obradoiro de Hip-Hop no Musigal

Os músicos de Cerceda Martín e Carlinhos impartiron onte un obradoiro de hip-hop na biblioteca do noso colexio para o alumnado de 3º e 4º da ESO. Na súa charla trazaron unha historia do hip-hop e explicaron os elementos que se combinan neste movemento cultural (rap, break, grafitti, mc e beatbox). Ademais, Carlinhos deunos un pequeno curso de iniciacíón ao beatbox que deixou coa boca aberta a máis dun/dunha. Deseguida, Martin achegounos algunhas cantas claves para a composición das letras das cancións que, de seguro, fixo saltar algúns resortes nas cabezas do alumnado.

Á pregunta típica de por que cantades en galego? seguiulle unha resposta do máis natural, porque falamos en galego, oe… pregúntame pola música que fago!, e, xa metidos en fariña, escoitamos unha versión reague do himno galego, acrecentado nuns cantos versos por Martín, que nos conduciu á reflexión sen deixar de gozar cos ritmos xamaicanos. 

obra1    obra2

Finalmente, chegou a parte máis práctica e participativa: a confección e rapeado, mesmo houbo quen se lanzou ao beatbox, duns versos. Un éxito que deixou bo sabor de boca entre o alumnado.
obra3

nitram

Obradoiro de Hip-Hop no CPI don Aurelio

O martes á tarde os músicos Martín e Carlinhos visitan o noso colexio para impartir un Obradoiro de Hip-Hop. Haberá dous pases, un primeiro para 4º da ESO, entre as 15:30 e as 16:45, e un segundo para 3º da ESO, entre as 16:45 e as 18:00.
Con esta actividade, o Proxecto Musigal pretende achegar un movemento musical que está pegando moi forte entre a mocidade, o hip-hop, unha cultura que funde elementos como o rap, o break, o beatbox ou o grafiti e que, a pesar do que é moi seguido en todo o mundo, as máis das veces faino por vías non comerciais xa que ás radio-fórmulas chegan soamente a propostas máis edulcoradas. O obradoiro contempla unha parte práctica e serán os/as alumnos/as os que se deben lanzar á creación de versos para o seu posterior rapeado.

Nitram forman parte de Machina, un dos últimos expoñentes do chamado “son Cerceda”, mentres que a Carlinhos podédelo atopar facilmente no Youtube facendo beatbox, neste caso na Fundaçom Artábria:

Vodpod videos no longer available. from cadernodelingua.word posted with vodpod

Machina xurdiu no ano 2002 pola iniciativa duns mozos da localidade que compartían gustos musicais comúns. A banda sufriu varios cambios dende a súa creación ata chegar á formación actual, que está composta por Gonzalo (guitarra), Anxo (baixo), Martín (voz) e Ángel (batería). Aínda que a media de idade dos integrantes deste cuarteto non supera os 24 anos, xa levan un bo número de ensaios e de concertos ás súas costas, froito das súas experiencias musicais previas en grupos como Sensancha, Cristal Pain, Osiris, Banda Melghacha, Presencia Zero ou Banda Potemkim. Entre as súas influencias figuran bandas como Deftones, Tool, 36crazyfits, Finch ou Berri Txarrak.

A primeira experiencia de Machina no estudio foi no ano 2005, cando gravou unha maqueta coa que conseguiu impoñerse no certame de rock universitario galego Campusons, aínda que nunca chegou a editarse. Agora veñen de editar Acouga, traballo que inclúe cinco cancións gravadas nos Estudios Océano de Nigrán baixo a batuta de Javier Abreu. O seu estilo é un pouco ecléctico, xa que alterna cancións salvaxes e escuras con outras máis melódicas. En canto ás letras, falan da vida, do sufrimento e do paradoxo da existencia.