Arquivo por etiquetas: formación

O falar non ten cancelas… ou si? Sobre a necesaria promoción da oralidade en galego

O falar non ten cancelas... ou si?

Chega a terceira edición do Encontro de equipos e docentes pola normalización, que organiza a CGENDL. Nesta ocasión a xornada ten como obxectivo reflexionar, partillar experiencias e avanzar no impulso da oralidade no ensino (non só de lingua). O relatorio  “Reflexión sobre a importancia no ensino da comunicación oral” de Manuel Núñez Singala servirá de marco para dúas quendas de obradoiros nos que os docentes asistentes terán a oportunidade de coñecer diversas experiencias e enfoques prácticos para traballarmos a oralidade nas aulas e tamén a través das actividades que organizan os Equipos.

Por último, a CGENDL presentará a II edición do Premio Leixaprén (así foi a edición 2012) e as revistas Ollos de aula e A letra miúda, e volverase a vista sobre a actividade RecitandocelsoemiliO, que involucrou miles de alumnos o pasado 12 de decembro.

Advertisements

Crear comunidade en LGL

A innovación en LGL tamén pasa por encontrármonos en plataformas de intercambio de recursos, experiencias e reflexións; por coñecermos propostas e materiais; por crear grupos de traballo; por alfabetizármonos dixitalmente e por facilitarmos a alfabetización dixital do alumnado en paralelo ao desenvolvemento da súa competencia en comunicación lingüísitica.

A situación lingüística precisa de novos espazos de uso, presenciais ou virtuais, mais posibilitadores de actos comunicativos reais que respondan aos intereses do alumnado, por iso motivadores, nun contexto necesario que lle achega á lingua o capital simbólico das novas tecnoloxías e novos contidos para os novos soportes.

Trátase de situar os rapaces e as rapazas nun proceso educativo onde conflúan o ensino formal e informal, que potencie a aprendizaxe e a creatividade dende a interacción cos iguais, as emocións, a(s) identidade(s) e a soberanía persoal e grupal.

Este pode ser un bo lugar onde comezar; se cres que é unha iniciativa necesaria  primeiro debemos camiñar nós.

Audiovisual e música 100% galegos

Mentres hai quen pon toda a vontade, e aínda máis, en desprezar, confundir e problematizar a lingua galega, xorden proxectos novidosos e frescos, apostas arriscadas e moi laboriosas e programacións ben ideadas e planificadas como os dous eventos que organiza o Equipo de Normalización Lingüística do IES Audiovisual de Vigo nas próximas semanas.

O vindeiro xoves 17 de febreiro terá lugar nese centro o Percebe Son, unha iniciativa que, ademais de se presentar como un foro cultural, musical e de entretemento, é un proxecto educativo no que o alumnado de 2º de PARE (Produción Audiovisual, de Radio e Espectáculos) leva á práctica aquilo para o que se está formando nas aulas do instituto. Este festival procura impulsar a escena musical galega e reforzar o galego como vehículo de expresión da sociedade tamén na música e na cultura.

O programa, moi completo, combina momentos para a reflexión coa emisión dun programa radiofónico ao vivo ou momentos estritamente lúdicos e participativos como un Galeoke ou os concertos de grupos  referentes na escena galega como Som do Galpom ou Ataque Escampe. Xurxo Souto, Tonhito de Poi, Xocas ou Aid serán os encargados de dar unha visión, dende a veteranía e a mocidade, sobre a música en lingua galega, á que se suma a perspectiva fundamental da distribución que achegará toupa.net.

Traballiño dende a mesma canteira dunha efervescente realidade da música galega que será algo máis visíbel grazas ao Percebe Son.

Poucos días despois, dende a mesma base do audiovisual chega o ciclo A Semana das Curtas, outra actividade organizada por este Equipo de Normalización, desta volta coa colaboración da Coordinadora Galega de ENDL. Dende o luns 28 de febreiro até o venres 4 de febreiro os centros educativos  terán a posibilidade de participar nunha especie de ciclo ou festival virtual simultáneo no que se proxectarán curtametraxes, videoclips e algunhas desas breves reportaxes documentais de eufalo.tv nas que os falantes toman a palabra para falar da súa experiencia máis persoal e íntima coa lingua.

Divulgación do traballo audiovisual galego e fomento do idioma a través de linguaxes atractivas para o alumnado, que sen abandonar a dimensión lúdica terá un papel activo no desenvolvemento desta iniciativa ao valorar e intercambiar as súas opinións con outros rapaces e rapazas a través do blogue da actividade.

Non queda máis que darlles os parabéns os responsábeis do Equipo de Normalización e demais departamentos colaboradores do IES Audiovisual de Vigo e convidarvos a todos e a todas a seguir e participar do Percebe Son e A Semana das Curtas.