Arquivo por etiquetas: equipos de normalización

Presume de Galego

A Coordinadora Galega de ENDL convídanos a partillar esta mensaxe de orgullo lingüístico máis alá do 17 de maio:. O traballo audiovisual é obra do Canal Artes Plásticas, ou o que é o mesmo, do profesor Joseba Plazuelo e o seu alumnado do IES María Soliño de Cangas do Morrazo:

Contamos con vós para que esta mensaxe non se destrúa automaticamente en cinco segundos.

Contamos con vós para instalar no Sistema un virus positivo, coa lingua na boca e un sorriso nos beizos.

Contamos con vós para que a nosa mensaxe salte por todos os medios a todos os medios.

Contamos con vós porque o 17 de maio non é a meta, senón a liña de saída.

Proposta para elaborar o Proxecto Lingüístico de Centro

A necesidade de contarmos cunha planificación lingüística de centro rigorosa e baseada en presupostos sociolingüísticos e pedagóxicos innovadores, ademais de útiles e produtivos para o alumnado e a sociedade, descarrilou coa chegada á Xunta de Galicia do goberno de Núñez Feijóo, que derrogou, por intereses electorais e dende presupostos ideolóxicos sectarios, o Decreto 124/2007 sen ser avaliado, a pesar de que se enmarcaba nun Plan Xeral de Normalización consensuado no Parlamento e polos axentes do ámbito educativo.

Como xa abordamos nalgunha ocasión con anterioridade, traemos ao Caderno unha proposta moi interesante para aplicar no marco lexislativo actual, o deostado e mal chamado Decreto para o Plurilingüismo. Esta presentación, de Susana Arís (do IES Illa de Arousa, modélico tamén polo seu compromiso co ensino público) é un moi bo modelo de intervención tanto pola contextualización inicial do PLC como pola guía que nos ofrece para elaborar o documento e as medidas prácticas contidas nel. Destacaría, especialmente, que se trata dunha proposta cunha sólida base teórica, moi traballada e que combina adecuadamente o traballo das competencias e os instrumentos utilizados. Incorpora tamén a avaliación e inclúe un consello na diapositiva nº 66 que, se cadra, ten que verse antes do resto. 😉 Aínda que está deseñada para a ESO, é adaptable a outros niveis educativos.

Complétase esta entrada con diversos modelos de enquisas sociolingüísticas elaboradas por Equipos de Normalización Lingüística recentemente (IES Pazó da Mercé das NevesIES de Chapela de Redondela e  IES Pintor Colmeiro de Silleda).

Encontro de equipos e de docentes pola normalización

A Coordinadora Galega de ENDL convoca o Encontro de equipos e docentes pola normalización, un foro que reunirá o profesorado que traballa pola normalización da lingua galega no ensino dende os equipos ou fóra deles. O programa contempla o intercambio de experiencias concretas desenvolvidas en diferentes centros educativos dende as máis variadas perspectivas: a normalización máis alá dos centros, a optimización de recursos, o papel das novas tecnoloxías e a radio escolar, os contornos castelanfalantes, o ensino en infantil e primaria, etc. Dende esta conxunción de esforzos, esta xornada de formación quere achegar un discurso optimista que revirta na calidade do ensino para lle outorgar ao galego o lugar que lle corresponde de seu na sociedade, tarefa na que como profesionais do ensino temos a obriga de nos implicar de maneira activa.

O encontro terá lugar o vindeiro 12 de marzo no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela.

Orgullos@s da lingua de noso

Vodpod videos no longer available.

more about “orgullo“, posted with vodpod

Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego, unha campaña para mostrar o orgullo que temos os galegos e as galegas pola nosa lingua. Sexa cal sexa a cor da nosa pel, onde naceramos, de quen veñamos sendo, ou se nos gusta máis a lúa ou o sol, somos moitos e moitas os que estamos orgullosos de termos unha lingua propia. Aquí encontrarás videos, materiais para imprimir e distribuír como queiras, cando queiras e con quen queiras, e moitas, moitas persoas coma ti que presumen da nosa lingua, do galego.

O Planeta ENDL supera as 100 subscricións

O Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística nacía a finais de  febreiro de 2009 co obxectivo de recoller nun único sitio web todas as novidades que chegan á rede relacionadas coa actividade dos ENDL dos centros escolares galegos a través dos seus propios blogues e webs. Ademais, agregáronse ao Planeta ENDL outras entidades, iniciativas e páxinas que tamén traballan a prol da normalización do idioma galego e que nos poderían facilitar aos equipos informacións e recursos de primeira utilidade para desenvolver o noso labor.

Tras unha primeira peneira da rede, ao longo destes meses fomos atopando e recibindo algunhas suxestións que permitiron actualizar unha listaxe de páxinas dos equipos. A intención é mantela actualizada e sempre aberta á incorporación de novos blogues, a pesar dos hándicaps que presenta esta ferramenta web, Planetaki, que non permite agregar todo tipo de páxinas (o que explica ausencias clamorosas como as webs da CGENDL, a Mesa, o Arquivo de Sociolingüística do CCG, a AS-PG ou de moitas seccións dos ENDL nas webs oficiais dos seus centros), e a dificultade que supón navegar na inmensidade deste océano que é a web. Polo tanto, esta listaxe ha de ser á forza incompleta ao descoñecermos moitas páxinas dos equipos, que ademais non son sempre constantes no tempo, ao tempo que non se agregaron numerosos blogues que, se ben recollen o traballo de ENDL, albergan as novidades das Bibliotecas e doutros equipos de traballo dos centros (haberá que ir pensando noutro planeta para as bibliotecas escolares!).

Imos falar, en todo caso, do que hai, que algo vai sendo. Á espera de comezar un novo curso, e de saber se moitos blogues dos ENDL continúan activos, a día de hoxe o Planeta ENDL suma 111 páxinas subscritas grazas á engádega d’O Recanto de Mik (CEIP Mestres Goldar de Vigo), o Galego sen Fronteiras (CEIP A Magdalena das Pontes), o ENDL do IES de Canido de Ferrol, o ENDL do IES A Paralaia de Moaña (tendes dous blogues?), a maxia da Orella Pendella, o SNL do Concello de Redondela, a iniciativa PuntoGal, as novas da SXPL, as Ciberirmandades da Fala, o Portal Galego da Língua, a Mesa de Ourense e a plataforma ProLingua.

Deica aquí rendemos contas e agardamos, coma sempre, a vosa colaboración e que este Planeta ENDL sirva de ponte de comunicación entre os ENDL para este curso 2009-2010, crucial para o futuro da lingua no ensino.

Liñas de traballo dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística

Aproveitando que a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de resolver as axudas aos ENDL subimos a seguinte presentación de Uxía Nogueira, coordinadora provincial dos Equipos de Normalización, dada a coñecer no marco do II Seminario de Dinamización Lingüística celebrado en Pontevedra no pasado mes de novembro.

A autora describe as funcións das novas coordinacións territoriais que comezaron a traballar no presente curso 2007-2008, dá conta dos criterios de avaliación dos proxectos normalizadores dos centros de ensino públicos recollidos na convocatoria pública de axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística e, finalmente, extrae unha serie de interesantes conclusións en relación ás liñas futuras de actuación dos equipos.