Arquivo por etiquetas: ensino de lingua

Máis propostas TIC para a normalización lingüística e a aprendizaxe do galego

O vindeiro venres comezan na Facultade de Ciencias da Educación da USC as II Xornadas sobre Linguas e Educación en Galiza, que nesta edición se centran na “planificación para a normalización lingüística nos centros de ensino non universitarios”. O programa recolle palestras e relatorios que teñen como eixo común a planificación lingüística como ferramenta para a normalización dos centros escolares e da súa contorna e o papel que xogan os docentes nos proxectos normalizadores. Ademais, daranse a coñecer experiencias concretas que nesta dirección se desenvolven en diferentes niveis e centros educativos enmarcados en contextos moi diversos.

No bloque de experiencias que abordan a Planificación lingüística orientada tamén á normalización da contorna social acompañarei (e digo ben, acompañar) a Pilar Ponte para achegar unha panorámica, algún proxecto xa testado e unhas cantas propostas e reflexións sobre o uso educativo das redes sociais no ámbito da normalización lingüística.

Como base da miña intervención recorrerei, entre outros materiais, a esta magnífica e moi traballada proposta do profesor de Lingua Galega e Literatura Xaime Varela Sieiro (actualmente por aquí), que é a base dun relatorio presentado hai xa un tempo nunha Xornada de Encontro dos Lectores de Galego. Aínda que o autor se centra no uso educativo das aplicacións da web 2.0, especialmente dos blogues, no ensino/aprendizaxe nos lectorados de galego (que só parcialmente se puxo en práctica neste Planeta GaLE), moitas das actividades (diapositivas 35-42) que propón nesta presentación son adaptábeis ao ensino non universitario para dinamizar unha rede social de intercambio entre equipos de normalización ou na materia de lingua, como el mesmo experimenta cos seus cativos londinenses (1, 2 e 3).

Cumpría xa, pois sen tempo non era, publicar este traballo:

Propostas TIC para o desenvolvemento da competencia lingüística

Baixo este epígrafe participei nas XIX Xornadas de Lingua e Literatura organizadas pola CIG-Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega en Santiago de Compostela durante o pasado mes de abril.  O obxectivo da miña palestra era achegar a miña curta experiencia aos asistentes para animalos, cando menos aos que aínda non se botaron a andar por estes camiños, a introducir as novas tecnoloxías na súa práctica docente a través de  ferramentas de uso sinxelo que non precisan duns coñecementos técnicos moi avanzados. A maiores, quixen reunir algunhas propostas de actividades que, en maior ou menor medida, tratan de integrar estas aplicacións da web 2.0 no ensino da materia de lingua e literatura. Algunhas delas son o resultado da miña propia práctica nas aulas durante estes últimos 3 anos pero as máis  son experimentacións e realidades contrastadas de compañeiros e compañeiras docentes que son guías para todos os que tentamos profundizar neste terreo.

A seguinte presentación (adiada neste blogue até hoxe incomprensibelmente) serviume de apoio naquela ocasión e inclúe unha sinxela, e xa clásica, sistematización de usos  educativos da web 2.0 na aula, propostas de actividades, ligazóns varias e tamén algúns materiais (vídeos e viñetas) que  convidan á necesaria reflexión sobre a renovación metodolóxica que precisamos para integrar con éxito as TIC na procura do desenvolvemento da competencia lingüística do noso alumnado.

Gustaríame reproducir aquí algúns dos apuntamentos finais desta presentación para incidir nalgúns principios e unhas cantas preguntas que debemos afrontar e resolver antes de máis nada, tanto os que aínda non experimentaron como aqueles que, coma min, precisan repensar algunhas dinámicas:

  • As TIC son unha boa oportunidade para o cambio e a innovación educativa.
  • O alumnado está inmerso nunha sociedade tecnificada, e nós?
  • Só se integrarán na práctica educativa cando se empreguen con fins curriculares e para  estimular o desenvolvemento de aprendizaxes no alumnado.
  • A innovación coas TIC non consiste en facer máis do mesmo, nin en facer exposicións en Powerpoint co proxector, nin mudar o taboleiro e o xiz pola pizarra e o punteiro dixitais.
E Xaime Varela, do IES Chano Piñeiro de Forcarei, afirmaba noutra ocasión:
  • Quizais non debamos usar a tecnoloxía para algo que facemos MAL na versión analóxica: exercicios estruturais, hot potatoes, webquests.
  • Quizais non debamos usar a tecnoloxía para o que facemos BEN na versión analóxica.
  • Quizais debamos usar a tecnoloxía para facer MELLOR algo que facemos BEN na versión analóxica.
Entón, preguntábame eu: Que tememos máis?  Ao uso dos medios ou ao cambio metodolóxico que iso conleva?

Segundo Jordi Adell, da Universidade de Castellón, o proceso de asimilación e acomodación das TIC nos docentes estímase, no mellor dos casos, entre 3 e 5 anos, e atravesa as seguintes fases:

  • Acceso: coñece e aprende as tecnoloxías.
  • Adopción: comeza a empregar a tecnoloxía con fins educativos, mais en actividades como as que realizaba antes.
  • Adaptación: a súa produtividade e a do alumnado mellora co uso das TIC.
  • Apropiación: desenvolve novos métodos de traballo integrando as TIC.
  • Innovación: implica a creación de procesos orixinais.
Eu atópome entre a segunda e a terceira fase e aínda vexo lonxe a seguinte. Ás veces non é estraño verse identificado na seguinte viñeta:
Naquela ocasión lanzaba unhas cantas preguntas para rematar:

  • En que estadio vos atopades vós?  E no voso centro?
  • Como se podería dirixir/redirixir o uso das TIC cara a unha verdadeira innovación metodolóxica?
  • E cara a unha verdadeira innovación metodolóxica en LGL?
  • Que podemos achegar nós para que iso aconteza?
  • Que opinades?

Pois iso, que opinades? Aquí e mais aquí xa podedes atopar algunhas respostas.

Entradas relacionadas: