Arquivo por etiquetas: ENDL

Porque me sae do galego

Por se alguén tiña dúbidas, así de clara e contundente chega a mensaxe dende o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, a ritmo de hip hop nas rimas rapeadas de Gamy e a realización de Natasha Lelenco.

‎#recitandocelsoemilio

Houbo quen deu unha idea: ‎#recitandocelsoemilio. Pero tamén había un motivo: darlle á lingua. Logo madureceu o proxecto por medio dun a-xente.

Escolleuse o poema; os destinatarios; e unha data: o 12 do 12 do 2012 ás 12h no ano do centenario de Celso Emilio Ferreiro.

Logo foi tomando corpo, cun chisco de pementa pop, un “anuncio”, un marabilloso agasallo do AudioVisual As Barxas e Luz Beloso e Seso Durán (un millón de grazas e un lote grande de parabéns!).

E agora só queda darlle forma a todo isto, que non é pouco.

Co outono, máis ‘Ollos de aula’ para as familias

O segundo número de Ollos de aula vén cargadiño de contidos nas súas humildes oito páxinas. As “Cadencias” de Gracia Santórum, apenas unha mostra de tantas e tantas boas recomendacións que nos fai en Trafegando Ronseis xunto con algunha proposta orixinal, a visión de Lois Ferradás (Decano de CC. EE. da USC) sobre as reválidas que recolle a LOMCE do Ministro Wert ou as pertinentes observacións e pautas sobre as entrevistas das nais e os pais cos titores dos seus fillos e as eleccións ao Consello Escolar, ademais da xusta defensa do labor educativo que desenvolven os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística na sección “Da lingua”, que recollemos máis abaixo.

Curriña, xeitosa, apenas unha neniña que comeza a botar os seus primeiros pasos e que quere medrar coa vosa atención e axuda, esta é a vosa Ollos de aula.

Da lingua Mellor en equipo

No número anterior, nesta mesma páxina, diciamos que, nos últimos anos, en Galicia o debate sobre o ensino non xirará ao redor do pedagóxico, senón do lingüístico, e explicabamos que a controversia foi tal que xerou unha especie de tornado que arrasou todos os acordos. No centro desa treboada foronsituados, por veces, e sen que eles o pretendesen, os Equiposde Normalización Lingüística (hoxe chamados Equipos de Dinamización da Lingua Galega). O seu traballo foi posto en cuestión, e algunha xente incluso se atreveu a propoñer a súa desaparición. O que desgraciadamente non se dicía nese debate é que detrás da vida cultural dos colexios e institutos está, en moitas ocasións, o traballo calado e constante dos equipos de normalización. Detrás da edición de blogs, dos encontros con escritores/as, do samaín, de centos de concursos, das obras de teatro, da revista escolar ou desta mesma revista que estás a ler agora, está o esforzo xeneroso de moito profesorado, alumnado e persoal dos centros. E é que os equipos veñen sendo, dende a súa creación no curso 1990-1991, moito máis ca un órgano destinado á promoción da nosa lingua. Grazas a eles en Galicia hai moito tempo que se fai aprendizaxe cooperativa (ás veces incluso sen ser conscientes diso), que ciclos e/ou departamentos traballan de maneira coordinada, que o alumnado ten ocasión de desenvolver competencias activas… Por iso nestes tempos de titulares e mensaxes simples hai que, como tamén diciamos no número anterior, reflexionar sobre estas cousas e pensar cales son os intereses que se agochan detrás destes debates.

Nace “Ollos de aula”

Coa volta ás aulas, retomamos tamén a publicación no Caderno cunha feliz nova: o nacemento de Ollos de aula, a “revista para as familias do alumnado” que edita a Coordinadora Galega de ENDL (podedes descargala aquí). Así se presenta esta nova publicación:

O que tes nas túas mans é o primeiro número de Ollos de aula, unha revista (revistiña) que chegou a ti grazas ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro no que estuda o teu fillo/a e á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Se todo vai ben, recibirala na túa casa unha vez ao mes.

O obxectivo da publicación é achegarvos información variada ao redor da educación e convidarvos a reflexionar sobre aqueles temas que vos poden preocupar como nais e pais. Ao longo das  distintas seccións procurarase darlle resposta ás preguntas que nos formuledes, afondar en temas de actualidade, explicar conceptos propios do ensino ou achegarvos suxestións (lectura, música, viaxes…) para poder compartir cos vosos fillos/as, sen esquecer, loxicamente, a nosa lingua e as reflexións sobre a súa aprendizaxe.

Buscaremos sempre que os artigos sexan asinados por profesionais do ensino ou por especialistas na materia que se trate, co obxectivo de que a información sexa rigorosa e se axuste o máximo posible á realidade que se vive nos centros e nas vosas casas.

Somos conscientes da humildade destas oito follas, pero gustaríanos que Ollos de aula fose unha canle de comunicación entre o centro e as familias e poder, así, acompañarvos na difícil tarefa de educar aos vosos fillos/as.

Parabéns aos/ás compañeiros/as por esta nova iniciativa… que non ha de ser a última neste novo curso.

II Encontro de equipos e docentes pola normalización

Chega a segunda edición da xornada formativa, de intercambio de experiencias e de convivio que é o Encontro de equipos e docentes pola normalización que organiza a Coordinadora Galega de ENDL. Terá lugar na mañá do sábado 11 de febreiro no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela e para inscribirse tan só  fai falla confirmar asistencia enviando un correo a correo@coordinadoraendl.org.

O programa ábrese cunha análise do modelo educativo dos centros plurilingües posto en marcha no sistema educativo galego pola Consellería de Educación a cargo de José Manuel Vez Jeremías, catedrático de Didáctica da Lingua e Literatura na Facultade de Ciencias da Educación da USC e fundador e presidente do Observatorio Atrium Linguarum. A seguir, Mercedes Queixas Zas, profesora de ensino secundario e autora de numerosos materiais divulgativos sobre a lingua e a literatura galegas, achegará unha visión do Tratamento Integrado de Linguas, unha proposta necesaria e seria para avanzar con realismo na adquisición da competencia lingüística plurilingüe. Dúas quendas de encontros para partillar experiencias e recursos entre os Equipos de Normalización Lingüística darán paso á presentación de actividades da CGENDL para desenvolver en rede durante o que resta de curso e da iniciativa Vitaminas para o Galego, unha das campañas que apostan  nestes últimos meses polo galego nos medios de comunicación. Así mesmo, haberá unha mostra de materiais producidos polos Equipos que queiran difundir e compartir parte do seu traballo.

En definitiva, un foro preciso para avanzarmos na normalización da lingua galega, unha ferramenta creada polos propios Equipos e o profesorado para aminorar, na medida do posíbel, as consecuencias do abandono da administración educativa.

Para traballar a poesía de Uxío Novneyra

Dende o IES de Porto do Son achegamos uns recursos moi modestos para a celebración do Día das Letras Galegas 2010. Co fin de coñecermos a obra e a vida de Uxío Novoneyra, os Equipos da Biblioteca e Normalización e Dinamización Lingüística, xunto co Departamento de Lingua Galega, convocamos  un concurso de poesía visual no que alumnado recreará os versos do poeta do Courel por medio de caligramas e colaxes. Para iso, ademais de acudir aos materiais e recursos que numerosos docentes e colectivos poñen  á disposición de toda a comunidade educativa galega,  elaboramos unha breve antoloxía da poesía do autor, que inclúe composicións de diferentes graos de  complexidade para  a ESO e o Bacharelato, e unha presentación sobre as técnicas creativas do caligrama e a colaxe.

Unha iniciativa necesaria

O ENDL e o ETIC do IES da Pobra do Caramiñal veñen de poñer en marcha unha wiki de materiais en lingua galega que estean disponíbeis na rede. Trátase dunha plataforma aberta ao profesorado para recoller e partillar recursos de todas as áreas didácticas de Secundaria e, como din os responsábeis do proxecto “aínda que a iniciativa é nosa, está aberto á colaboración de todo o mundo. Se o espallas e fas achegas, saímos todos e todas gañando…”. A que agardamos?

Parabéns!

Sarmenteiros da lingua en Pontevedra

Vieiros

Se pola Estrada e a Terra de Montes comezan a traballar nos cimentos dunha coordinadora comarcal de ENDL, pola banda de Pontevedra a Escola Oficial de Idiomas da boa vila, o CEIP San Benito de Lérez, o Colexio Príncipe Felipe, o CEIP Os Campos de Monteporreiro e o CEIP Campolongo dan os primeiros pasos para traballar en rede pola lingua dende e para o ensino creando unha nova coordinadora.

Na conxuntura actual, na que os recortes aos programas de fomento da lingua galega son só unha pinga na ofensiva contra o idioma no ensino e a antesala dunha desfeita aínda maior, é preciso sumar esforzos para traballar con enerxía e firmeza na promoción, na capacitación lingüística en galego do noso alumnado e na extensión de usos dentro e fóra das aulas. Parabéns, Sarmenteir@s!

Dun dos centros que forman parte desta nova coordinadora comarcal de ENDL, o CEIP de Campolongo, chega tamén un novo blogue e unha mascota moi xeitosa para o equipo, obra dunha alumna de 6º de Primaria:

Julia Reguera Penela (6º A), do CEIP Campolongo de Pontevedra