Arquivo por etiquetas: CPI don Aurelio Cuntis

Premios Na Nosa Lingua

O pasado venres 20 entregáronse na biblioteca do CPI don Aurelio os Premios Na Nosa Lingua convocados polo colectivo socio-cultural O Fervedoiro de Cuntis.

Este certame procura a sensibilización idiomática das xeracións máis novas a través do deseño de debuxos e lemas a prol do galego. Esta é unha das actividades que O Fervedoiro desenvolve ao longo do ano no marco da súa Campaña pola Normalización Lingüística 2008, para a cal tivo a ben estreitar lazos de colaboración co ENDL do noso colexio.

O Fervedoiro decidiu premiar cun MP-3 a Lorena Tato, alumna de 2º da ESO, por un debuxo que foi editado en centos de autocolantes e que tamén serviu de portada á revista A Nosa Voz. Ademais, imprimíronse marcapáxinas con todos os debuxos entregados.

No acto de entrega de premios tomou a palabra en nome do colectivo Héitor Picallo, quen animou aos presentes a comprometerse coa lingua sumándose “a xeracións enteiras de galeguistas, de activistas da palabra, de irmáns que loitaron pacificamente pola conservación e difusión dos nosos elementos de identidade, que nos distinguen do resto do mundo, pero que nos igualan no respecto a calquera outra cultura ou realidade social.”

O ENDL tamén se comprometeu a seguir afondando nestas dinámicas de traballo co Fervedoiro de cara ao curso que vén e felicita máis unha vez os seus integrantes por facer máis ilusionante e enérxico o camiño da normalización do idioma.