Arquivo por etiquetas: Clube da Lingua

Porque me sae do galego

Por se alguén tiña dúbidas, así de clara e contundente chega a mensaxe dende o Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, a ritmo de hip hop nas rimas rapeadas de Gamy e a realización de Natasha Lelenco.

As palabras máxicas

Hai uns días os do Clube de Lectura do instituto fomos contarlles historias aos pequerrechos de varios colexios do Son. Nunca tal fixemos mais foi unha experiencia intensa e emocionante. Habemos repetir.

Coma sempre, Davide ten as palabras precisas, non fai falla engadir nada máis.

todos os días vivimos un tempiño no paraíso

dálle o teu tempo a estas imaxes, déixate ser coma un neno e asómbrate coas palabras máxicas dos contos

Vodpod videos no longer available.

Vídeo do Clube da Lingua en Vimeo

Vodpod videos no longer available.

 

Para publicitar as actividades do segundo trimestre do Clube da Lingua (grazas a Séchu e á rapazada do ENDL do IES Marco do Camballón, de quen tomamos prestado o nome, máis informal e atractivo có de ENDL) elaboramos unha presentación en powerpoint que se está a proxectar nos recreos de toda esta semana no corredor de acceso ao colexio e á cafetaría. A idea de chamar a atención do alumnado con imaxes,  música e uns códigos máis próximos a eles tomeina da amiga Chelo Gundín, que a levaba á práctica no IES Moncho Valcarce das Pontes de García Rodríguez con bos resultados.

Nun centro pequeno como o CPI don Aurelio de Cuntis, de 120 alumnos e alumnas na ESO, abonda con explicar nas aulas as actividades, colgar cartaces, mandar avisos polos delegados e delegados de aula, etc. para dar a coñecer as diferentes iniciativas do ENDL entre o alumnado. Con todo, non está de máis facer este tipo de publicidade a nivel interno e estoutra a nivel externo. Asegúrovos que capta a atención do alumnado, máxime se se proxecta de lado da cafetaría e se o tempo anda revolto como estes días e non poden saír ao patio. Nun centro máis grande esta pequena acción pode ter aínda máis sentido.

O que tedes arriba non é exactamente un vídeo mais parecer parécese. É esa mesma presentación powerpoint con efectos e música que logo podemos converter en vídeo con calquera programiña de balde que hai na rede. Para esta ocasión empreguei o Powervideomaker Professsional que se pode descargar aquí. O seu manexo é moi sinxelo. Só hai que cargar o powerpoint dende o disco ríxido, escoller onde queres gardar o vídeo producido e e o formato de saída do vídeo (MPEG, que é máis lixeirño, AVI…).  Se o powerpoint está ben feito  (que a música dea comezo e remate en diapos determinadas, os efectos…) o resto é ben fácil. Iso si, deixa unha marca de auga co nome do programa no ángulo inferior dereito.

Se subimos o vídeo á rede, pódese optar por Vimeo fronte aos máis populares Youtube e Google Vídeo pola calidade de resolución que ofrece. Sendo esta a miña primeira proba, e sen reparar para nada nas imaxes e no tipo de letra empregado no powerpoint (Arial), a diferenza é notábel xa que a resolución, do tipo HD, é moi superior no caso de Vimeo. Subir o arquivo a este sitio leva bastante máis tempo que a Youtbe ou Google, uns 125 minutos neste vídeo de 36 megas en formato MPEG, mais paga a pena. Evidentemente, perde moito ao subilo na rede, especialmente o texto mais, como sempre, é cousa de experimentar.