Arquivo por etiquetas: Certame de Poesía Xosé A. Barral

Os motores do ensino

Alguén dubida vendo estas caras que palabras como entusiasmo, cooperación, vitalidade, compromiso, voluntarismo, dedicación… son fundamentais no ensino?

Dende o IES As Bizocas Seso Durán e o seu alumnado van queimando etapas de cara a  unha nova aparición pública da Orquestra Orff no Festival Música nas túas Palabras, que combina música e poesía nun repertorio que acolle tamén as partituras compostas para a ocasión polo profesor de música do centro e que serven de acompañamento aos textos premiados no IIIº Certame de Poesía Xosé A. Barral, un concurso escolar modélico que vai a máis en cada edición.

Parabéns á comunidade escolar das Bizocas!

IIIº Certame de Poesía Xosé A. Barral do IES As Bizocas

O Certame de Poesía Xosé A. Barral que organiza a Biblioteca do instituto meco das Bizocas chega á IIIª edición para se consolidar como un dos certames literarios máis orixinais do panorama escolar galego. En apenas tres cursos, pasou de ser un concurso aberto aos dous centros educativos de ensino secundario da vila para acadar unha dimensión galega.

A propia xestación do certame  foi ambiciosa de por si ao confluír coa creación da Orquestra Orff que, da man do profesor de música Xosé Manuel Durán, leva á partitura os poemas galardoados, que son interpretados para o público  no Festival Música nas túas palabras.   

Estas son as bases da súa terceira edición, que tamén podedes descargar aquí:

  1. Poderá participar todo o alumnado que estea cursando a ESO ou o Bacharelato durante o curso 2008/2009.
  2. Establécense, por tanto, dúas categorías: ESO e Bacharelato.
  3. Os poemas, de temática libre, presentaranse en lingua galega. Os textos terán que ser orixinais, inéditos e non ter sido premiados en ningún outro concurso. Só se poderá presentar un poema cunha extensión mínima de 20 versos e máxima de 25.
  4. Enviaranse 6 copias de cada poema baixo lema ou pseudónimo. Xunto ao traballo, nun sobre aparte, figurará o lema ou pseudónimo e a categoría na que participa. No seu interior incluirase unha nota onde figuren o nome e apelidos, enderezo, nº de teléfono e enderezo electrónico (se o tivese) d@ participante
  5. As obras faranse chegar por correo ordinario ou entregaranse en sobre pechado sen remitente identificador á Biblioteca do IES As Bizocas Balea s/n. Cp. 36988 San Vicente, O Grove (Pontevedra).
  6. A data límite de recepción de orixinais é o 16 de marzo de 2009.
  7. O xurado outorgará dous premios de 125 € e diploma para o poema gañador de cada categoría.
  8. O xurado, cuxo fallo será inapelable, poderá declarar os premios desertos, concedelos ex aequo, ou establecer mencións de honra se así o considerase.
  9. A decisión do xurado comunicarase a o gañador ou gañadora e anunciarase a través dos medios de comunicación o 2 de abril de 2009, día internacional do libro infantil e xuvenil.
  10. Os poemas g añadore s s e rán musicados e interpretados pola Orquestra Orff do IES As Bizocas e estreados no Festival Música nas túas palabras que terá lugar a finais de xuño de 2009, acto no que procederase á entrega dos premios
  11. Os traballos premiados quedarán en propiedade do IES As Bizocas para a súa publicación, os restantes serán destruidos.
  12. A participación nesta convocatoria implica a aceptación de todas e cada unha das normas contidas nas bases. 

IES AS BIZOCAS

Coa Colaboración da Concellaría de Cultura do Concello do Grove, a Compañía da Radio Televisión de Galicia e o IES Monte da Vila

Festival Música nas túas palabras

orff

O Festival Música nas túas palabras chegou á súa segunda edición no IES As Bizocas do Grove. Trátase dunha fermosa e moi laboriosa iniciativa do Equipo da Biblioteca e o Departamento de Música, é dicir, dos profesores José Manuel e Olga, e podemos asegurar que, pese ao pouco tempo transcorrido, estamos ante un proxecto novidoso e referencial no ámbito escolar galego.

Música nas túas palabras conxuga poesía e música: os poemas gañadores do Certame de Poesía Xosé A. Barral son musicados e interpretados pola Orquestra Orff do IES As Bizocas. O concurso poético vai tamén na súa segunda edición e neste curso tivo como presidente do xurado ao escritor cambadés Ramón Caride. Se nun principio podían presentarse a este certame alumnos e alumnas do concello do Grove, desta volta abrangueu todo o Salnés en dúas modalidades: ESO e Bacharelato. Pola súa banda, a existencia da Orquestra Orff do instituto demostra a vitalidade e as ganas de facer cousas dun docente que vén de sacar adiante a segunda promoción dunha orquestra escolar nun centro que… apenas supera os 150 alumnos!!! E, ademais, conta co hándicap de que parte dos alumnos e alumnas formados o curso pasado na orquestra seguen os seus estudos fóra do instituto, que non conta con bacharelato.  

E o festival medra co apoio do concello meco, da CRTVG, que xa o ano pasado desprazou a unidade móbil para gravalos, e a colaboración do CEIP As Bizocas. 

Parabéns a toda a comunidade educativa das Bizocas por contar con este luxo de festival e, en especial, a José Manuel. No seu novo blogue (benvido!), podedes acceder á crónica e ao programa do festival.

II Certame de Poesía Xosé A. Barral do IES As Bizocas (O Grove)

Dende a Biblioteca do IES As Bizocas avísannos que o xurado do IIº Certame de Poesía Xosé A. Barral decidiu ampliar o prazo de entrega de orixinais até o próximo 14 de marzo debido á boa acollida dun concurso que este ano se estende a toda a comarca do Salnés nas modalidades de ESO e Bacharelato.

O xurado está presidido polo escritor Ramón Caride e, segundo se recolle nas bases do certame, os poemas gañadores acadarán un premio de 125 euros e serán musicados pola Orquestra Orff do instituto. O 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coñecerase a resolución desta nova edición.

Dende o CPI don Aurelio de Cuntis non poderemos participar mais aproveito para lle enviar unha forte aperta á comunidade escolar das Bizocas, parte da cal podemos ver nesta fotografía que dá boa conta dunha fermosa experiencia educativa e humana.