Arquivo por etiquetas: censura

O Valedor xa ten a quen lle escribir

A cousa comezou tal que así, foi recollida desta maneira tan obxectiva polos medios e provocou numerosas reaccións, mais sobre todo unha, compracente e parcial, que rematou nisto. Daquela, moitas persoas e entidades diversas queixáronse ante o Valedor do Pobo, que aínda que non acostuma tramitar as denuncias sobre a discriminación que padecen os galegofalantes, e nin sequera as queixas feitas contra el mesmo, parece que remitiu nos días pasados unha resposta tipo (cónstame que houbo queixas formuladas dende diferentes puntos de vista) na que trata de xustificar a súa actuación con escusas de mal pagador, como que non ordenou retirar o libro (o político que orixinou a denuncia dixo o mesmo) e, como sinala no último parágrafo, que o libro en cuestión non é moi rigoroso xa que nun mapa se sitúa Compostela á altura das Mariñas; descoñece que Vicens Vives é unha das editoriais con máis solvencia científica entre os docentes da área de Coñecemento do Medio, Ciencias Sociais e Xeografía e Historia? Se de erros falamos (e nun libro de texto pode habelos se temos en conta que traballan moitas mans: autores, ilustradores, maquetadores, correctores, etc.), podía comezar por revisar os seus propios textos.

Vaiamos unha vez máis á Carta Xeométrica para dispoñer dunha análise lúcida e novidosa da resposta do Valedor: 3.1 versus 5.1.

Contestación do Valedor do Pobo libro censurado páx, 1 by romanlandin
Contestación do Valedor do Pobo libro censurado páx, 2 by romanlandin

Manifesto ‘En defensa dos dereitos fundamentais en Internet’

Zé Oliveira

«Ante a inclusión no Anteproxecto de Lei de Economía sustentábel de modificacións lexislativas que afectan o libre exercicio das liberdades de expresión, información e o dereito de acceso á cultura a través de Internet, os xornalistas, blogueiros, usuarios, profesionais e creadores de internet manifestamos a nosa firme oposición ao proxecto, e declaramos que…

1.- Os dereitos de autor non poden situarse por riba dos dereitos fundamentais dos cidadáns, como o dereito á privacidade, á seguridade, á presunción de inocencia, á tutela xudicial efectiva e á liberdade de expresión.

2.- A suspensión de dereitos fundamentais é e debe seguir a ser competencia exclusiva do poder xudicial. Nin un peche sen sentenza. Este anteproxecto, en contra do establecido no artigo 20.5 da Constitución, pon nas mans dun órgano non xudicial -un organismo dependente do Ministerio de Cultura-, a potestade de impedir aos cidadáns españois o acceso a calquera páxina web.

3.- A nova lexislación creará inseguridade xurídica en todo o sector tecnolóxico español, prexudicando un dos poucos campos de desenvolvemento e futuro da nosa economía, obstaculizando a creación de empresas, introducindo atrancos á libre competencia e ralentizando a súa proxección internacional.

4.- A nova lexislación proposta ameaza os novos creadores e obstaculiza a creación cultural. Con Internet e os sucesivos avances tecnolóxicos democratizáronse extraordinariamente a creación e a emisión de contidos de todo tipo, que xa non proveñen prevalentemente das industrias culturais tradicionais, senón de multitude de fontes diferentes.

5.- Os autores, como todos os traballadores, teñen dereito a viviren do seu traballo con novas ideas creativas, modelos de negocio e actividades asociadas ás súas creacións. Tentar soster con cambios lexislativos unha industria obsoleta que non sabe adaptarse a este novo contorno non é nin xusto nin realista. Se o seu modelo de negocio se baseaba no control das copias das obras e en Internet non é posíbel sen vulnerar dereitos fundamentais, deberían procurar outro modelo.

6.- Consideramos que as industrias culturais necesitan para sobrevivir alternativas modernas, eficaces, críbeis e asequíbeis e que se adecúen aos novos usos sociais, en lugar de limitacións tan desproporcionadas como ineficaces para o fin que din perseguir.

7.- Internet debe funcionar de forma libre e sen interferencias políticas auspiciadas por sectores que pretenden perpetuar obsoletos modelos de negocio e imposibilitar que o saber humano siga a ser libre.

8.- Esiximos que o Goberno garanta por lei a neutralidade da Rede en España, ante calquera presión que poida producirse, como marco para o desenvolvemento dunha economía sostíbel e realista de cara ao futuro.

9.- Propoñemos unha verdadeira reforma do derecho de propiedade intelectual orientada ao seu fin: devolver á sociedade o coñecemento, promover o dominio público e limitar os abusos das entidades xestoras.

10.- En democracia as leis e as súas modificacións deben aprobarse tras o oportuno debate público e tendo consultado previamente todas as partes implicadas. Non é de recibo que se realicen cambios lexislativos que afectan a dereitos fundamentais nunha lei non orgánica e que versa sobre outra materia.

NOTA: Este manifesto foi redactado conxuntamente por xornalistas, blogueiros e internautas, nunha maratoniana sesión durante a tarde-noite de onte. Se estás de acordo, difúndeo por todas as vías que poidas.»

Vía Blogaliza.