Arquivo por etiquetas: Carta Xeométrica

O Valedor xa ten a quen lle escribir

A cousa comezou tal que así, foi recollida desta maneira tan obxectiva polos medios e provocou numerosas reaccións, mais sobre todo unha, compracente e parcial, que rematou nisto. Daquela, moitas persoas e entidades diversas queixáronse ante o Valedor do Pobo, que aínda que non acostuma tramitar as denuncias sobre a discriminación que padecen os galegofalantes, e nin sequera as queixas feitas contra el mesmo, parece que remitiu nos días pasados unha resposta tipo (cónstame que houbo queixas formuladas dende diferentes puntos de vista) na que trata de xustificar a súa actuación con escusas de mal pagador, como que non ordenou retirar o libro (o político que orixinou a denuncia dixo o mesmo) e, como sinala no último parágrafo, que o libro en cuestión non é moi rigoroso xa que nun mapa se sitúa Compostela á altura das Mariñas; descoñece que Vicens Vives é unha das editoriais con máis solvencia científica entre os docentes da área de Coñecemento do Medio, Ciencias Sociais e Xeografía e Historia? Se de erros falamos (e nun libro de texto pode habelos se temos en conta que traballan moitas mans: autores, ilustradores, maquetadores, correctores, etc.), podía comezar por revisar os seus propios textos.

Vaiamos unha vez máis á Carta Xeométrica para dispoñer dunha análise lúcida e novidosa da resposta do Valedor: 3.1 versus 5.1.

Contestación do Valedor do Pobo libro censurado páx, 1 by romanlandin
Contestación do Valedor do Pobo libro censurado páx, 2 by romanlandin

Unha nova Carta Xeométrica para se orientar nos tempos galegófobos

Hai uns días sorprendiámonos, cando menos os seus numerosos seguidores, da caída do blogue Taboleiro Verdadeiro, que era o nome último da bitácora que se coñecía como O Taboleiro do Colmeiro, un espazo na rede “sobre o ensino en galego, con noticias en galego da lingua galega e da normalización do noso idioma, o galego”, que se caracterizou nos últimos meses por facer un seguimento constante e unha análise brillante do que está a acontecer coa nova política lingüística da Xunta de Galicia. Non imos entrar nas razóns  que provocaron a súa fin (moi significativas, por outra parte, do que está a pasar e pode pasar en breve no ámbito do traballo a prol da lingua nos centros educativos) mais si quixeramos recoller a actitude que marca esta súa nova etapa:

Nada máis saír do meu cadaleito atopei aquí mesmo, no Museo do Pobo Galego, unha reunión de profesores de ciencias que se xuntaron baixo un noble obxectivo: eles impartían as clases en galego e afirmaban que seguirían a facelo a pesar da implantación do funesto decreto 79/2010, o chamado de plurilingüismo. Mestureime entre les e enseguida comprendín a razón da miña resurrección; xa sei o que vin facer aquí, a esta nova vida, e así o declaro:

“Eu, que apliquei a trigonometría á terra para facer o mapa de Galicia e, como a terra quere lingua, quero agora aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso mellor ben colectivo: o galego”.

Tal e como celebran os/as amigos/as de Trafegando Ronseis, súmome á benvida dun novo blogue que recolle todo o arquivo de entradas daquel taboleiro para continuar ofrecendo unha información contrastada e actualizada e unha ollada crítica aguda e racional sobre a política de derrubamento sostido e planificado dun dos piares da nosa identidade colectiva, a lingua, nun ataque ao mesmo Estatuto de Autonomía e á Lei de Normalización Lingüística. Trátase de Carta Xeométrica, que como aquela que Domingo Fontán elaborou ao longo da primeira metade do século XIX ha servirnos de orientación nos tempos da galegofobia institucional. Xa a podedes atopar tamén no Planeta ENDL.

Quixera completar esta entrada con dous artigos que dan boa conta do percorrido da política lingüística oficial nos últimos quince meses: Onde quere situar Feijóo o estatus do galego?, de Manolo Bragado, e O que vai supoñer o decreto contra o plurilingüismo, publicación do ENDL do IES da Pobra, que ademais  de compilar algunhas mostras da involución sufrida neste ámbito e os posicionamentos plurais contra o decretazo,  ofrece unha boa folla de ruta  para responder dende o ensino.