Arquivo por etiquetas: cantigas

Cantigas de hoxe

Na procura de recursos para traballar as cantigas medievais nas aulas atoparemos na música, campo no que xa fixemos unha primeira incursión neste blogue, uns materiais ben interesantes que, se cadra e salvando as diferenzas, lle devolven ás cantigas a súa dimensión primixenia, a de seren cantadas.

Neste sentido, nos últimos meses naceu un proxecto moi atractivo, o blogue Son de poetas, unha “antoloxía de poesía galega musicada” impulsada polo departamento de lingua galega e literatura e o Equipo de Normalización do IES David Buján de Cambre. O seu obxectivo é achegar un poema musicado cada semana do curso 2007-2008 e abofé que están actualizando o blogue continuamente. Nel recóllense textos de todas as etapas da literatura galega dende as cantigas medievais até as últimas décadas e ofrece unha información moi completa sobre o/a poeta, o tema musical, o grupo ou solista, etc.

No que se refire á lírica medieval, Son de poetas achéganos dúas ducias de cantigas, entre as que destacamos:

A descuberta das cantigas medievais galego-portuguesas nas primeiras décadas do século XX deu orixe á corrente do neotrobadorismo, representada por Álvaro Cunqueiro e Álvarez Blázquez. Do primeiro coñecemos un fermoso poema, “No niño novo do vento”, que se popularizou a través da música. En Son de Poetas fornécennos varias versións musicais deste poema, dende a xa clásica de Luís Emilio Batallán á rockeira da banda do Morrazo Astarot, incluída no disco O sentir dunha terra (2000), pasando por Amacio Prada, os Milladoiro e Xoel López.

Estes solistas, bandas e grupos de cámara contribuíron a popularizar as cantigas, que seguiu dando os seus froitos na poesía. Nos anos 80 foron varios os autores que transitaron pola tradición literaria como o Colectivo Ronseltz ou Antón Reixa.  

Neotrovadorismo (I)
Os espárragos son diuréticos
E ti es o amor da miña vida
E ti es o amor da miña vida

Neotrovadorismo (II)
(Cantiga de amigo, escarnio e maldicir)
Antes eras un colega
pero agora
me cago en tu puta madre
me cago en tu puta madre

Neotrovadorismo (IV)
Ondas do mar de Vigo
se vistes meu amigo:
que marchei.

Colectivo Ronseltz, Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994).

Contrabando de amigo (Fragmento)

Sentada estou na illa de San Simón
esperando, meu amigo, ai, que volvas do Gran Sol
e pola ponte de Rande van e veñen sen parar
moitos coches, meu amigo, que non veñen do Gran Sol.

Mentiches meu amigo, mentiches meu amor
mentira meu amigo, ti non fuches ó Gran sol
contrabando de tabaco e de drogas de drogar
amor de batea o que ti me queres dar.

Antón Reixa, viva galicia beibe (1994).

Este poema de Reixa foi composto para o disco Ondas do mar de Vigo (1989), de Na Lúa. Prometemos subilo ao Caderno.

E do mesmo xeito cós poetas dos 80 e os 90, a rapazada bótase a trobar en canto pode. Como exemplo estas Cantigas de Escarnio e Cantigas de Amigo I, II, III e IV elaboradas polo alumnado de 3º do IES da Pobra do Caramiñal baixo a dirección do profesor Luciano Fernández no presente curso. Ou unhas Cantigas novas de amigo elaboradas polo alumnado de 3ºB, 3ºC e 3ºD do IES As Lagoas (Ourense) da man da profesora Celia Díaz no curso 2006-2007.

Para rematar un breve test sobre a literatura galego-portuguesa medieval.

Entradas relacionadas:

ACTUALIZACION: 18 de xaneiro de 2012.