Arquivo por etiquetas: Ben falado

Os fonemas do galego

Hai xa bastante tempo queixabámonos aquí da ausencia para o galego dun recurso tan atractivo e útil como a simulación interactiva Phonetics, the sound of the spoken language, que describe os sistemas fonéticos do inglés, do alemán e do español e, así mesmo, contén unha introdución xeral sobre anatomía articulatoria.

Pois ademais dunha ferramenta como o Dicionario de pronuncia da lingua galega (ILG), contamos tamén cun valioso achegamento á fonética e fonoloxía do galego para as aulas de Secundaria grazas aos profesores Manuel Rosales Graña e Ana Rial, do IES Aquis Celenis de Caldas de Reis.

Fonética e Fonoloxía do Galego, de Manuel Rosales Graña

Fonética e Fonoloxía do Galego, de Manuel Rosales Graña

Xunto cuns breves apuntamentos sobre estas disciplinas e os trazos pertinentes que diferencian os fonemas, este sitio web inclúe unha descrición dos sistemas vocálico e consonántico, unhas indicacións para identificar as vogais semiabertas e semipechadas e unha breve caracterización da gheada e o seseo. No entanto, a achega máis interesante é a que cobre aquilo que botabamos en falta daquela, unha simulación da anatomía articulatoria dos fonemas do galego, que podemos atopar na sección Comparativa e completar co apartado Exercicios.

Sobre esta materia, podemos acceder a máis apuntamentos en formato descargable aquí e mais aquí, ou en formato dixital no blogue Has de cantar! Este vídeo do programa Ben falado ben pode completar o achegamento ás vogais do galego.