Arquivo por etiquetas: Ara

Xente normal e problemas reais

"Faladoiro". Plan de Convivencia. CEIP de Baamonde

Desconfiarei sempre de quen non respecte a miña lingua. Porque, ao facelo, demostra que non me respecta a min, e ao tempo tamén demostra que non respecta un ben cultural esencial.

Desconfiarei sempre de quen non considere normal o seu uso institucional e simbólico, porque non considera normal a miña realidade cultural e porque ademais pensa que ten dereito a decidir o que é a normalidade, e curiosamente a normalidade é el, e non eu.

Desconfiarei sempre de quen diga que o meu problema non é real, porque me fai de menos e porque pensa ter o poder de decidir o que é real, e casualmente tamén o é el, e non eu.

Desconfiarei sempre de quen diga que as linguas son para entenderse e non para crear problemas e utiliza este argumento para crear problemas coas linguas.

Desconfiarei sempre de quen manipule realidades deliberadamente e ouse acusar as linguas perseguidas de seren as perseguidoras.

Desconfiarei sempre de quen vexa como un gasto innecesario a promoción da miña lingua e como un investimento imprescindible a promoción da súa.

Desconfiarei sempre de quen queira acomplexarme porque falo con naturalidade a lingua de meus pais.

Desconfiarei sempre de quen me negue a lingua, porque me sinto comprometido cos que a salvaron para que eu llela poida aprender aos meus fillos.

E procurarei enfadarme pouco, só cando me pareza normal e diante de ameazas que considere reais. E sempre, pero sempre, plantarei cara.

CARLES CAPDEVILA, director do diario Ara.
Tradución ao galego do seu artigo “Gent normal i problemes reals”
Fonte: web de ProLingua