Arquivo por etiquetas: ANL Vigo

Europa é plurilingüe: quen sabe galego sabe máis!!!

                                    máis

E tivo que chegar a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e facer o traballo que non fixo a Consellaría de Educación nin a Secretaría Xeral de Política Lingüística nestes meses que van dende a aprobación e a entrada en vigor do Decreto 124/2007 até hoxe. A campaña As linguas no sistema educativo galego, apoiada nestes primeiros pasos polos concellos de Vigo, Pontevedra e Ourense, procura divulgar as vantaxes do plurilingüismo na educación partindo do novo regulamento do galego no ensino non universitario e vén motivada pola dura e demagóxica campaña de acoso ao proceso de normalización lingüística iniciado por diferentes sectores políticos, mediáticos e sociais.

Dende os centros de ensino, dende as equipas de normalización e dende todos os ámbitos sociais nos que cada un/unha de nós teñamos algo que achegar, podemos apoiar e difunfir esta campaña de moitos modos. Non só debemos cargarnos de máis e mellores argumentos neste escenario de confrontación ficticio e provocado, tamén debemos facer un intenso labor pedagóxico entre toda a comunidade educativa.

Todas as formas de difusión que se nos ocorran son boas (colgar publicidade nos taboleiros e nos blogues, informar ao profesorado, etc.) pero non hai que agardar a que nos chegue algúns trípticos e cartaces aos colexios e aos institutos para facelo. De feito, a páxina web dispón dun espazo para descargar e imprimir en diferentes formatos os materiais para procurar unha maior divulgación. A campaña é, en certo sentido, horizontal, xa que persegue activar moitos impulsos por todo o país multiplicando os seus efectos a través de moitas e moitas mans. Xa está ben de que nos dean todo feito! 

Dende aquí lanzo unha modesta tormenta de ideas que nos achegue diferentes formas de tirarlle proveito a estes materiais. Comezo eu: no canto de incluír unha información relativa á campaña na revista escolar que ha de saír nesta recta final de curso, insertaremos un tríptico (a cor, hai que facer un esforzo extra, tanto orzamentario como de traballiño manual -cortar, encartar…-, porque as cousas entran, primeiro, pola vista) en cada exemplar para visualizar nitidamente este material.

multilinguismo   

Polo demais, no marco desta iniciativa, profesores/as de sociolingüística ofrecerán charlas divulgativas en centros de ensino primario e secundario, para docentes, para asociacións de pais e nais, ou para estudantes. En canto á adhesión á campaña non sei se se buscará explicitamente o apoio dos ENDL e dos centros. 

Agardo as vosas ideas nos comentarios!