O número 6 de Ollos de aula, a revista para as familias do alumnado que edita a CGENDL, inclúe -como vén sendo xa costume grazas ao bo facer dos/as colaboradores/as e da persoa que a coordina- uns artigos ben interesantes e útiles. Nesta ocasión, Agustín Fernández Paz reflexiona sobre a importancia que debe ter a lectura na formación do alumnado e como se debe apostar por ela no seo das familias e no ensino; o psicólogo Alberto Casqueiro dá unha serie de pautas a ter en conta para enriquecer a comunicación de pais/nais e fillos/as; Lines Salgado informa sobre os Programas de Cualificación Profesional e Inicial (PCPI); e Gracia Santorum, coma sempre, achéganos as súas interesantes proposta de lectura, música e ocio.
Quería, especialmente, aconsellar a lectura da sección “De lingua”, porque é preciso unha vez máis reflexionar sobre o obvio e aclarar que supón estender o uso do galego como lingua vehicular do ensino para acadar a competencia comunicativa -tamén en galego, a lingua minorizada- que establece a lexislación nun marco de cooficialidade. Cando se prostitúe a linguaxe e fermosas palabras como “liberdade” se asocian ao discurso da falsa imposición (que non cesa: un e dous) a pesar das sentenzas dos órganos competentes, faise novamente necesario, sobre todo porque o mal xa foi feito (un de tantos) e a imaxe social do idioma, na que afondan or propios medios de comunicación galegos (Encapuchados e con acento galego e Sospeitosos), non fixo máis que empeorar con novos prexuízos.
Falar de aprendizaxes
Falar de aprendizaxe de linguas e de competencia lingüística na nosa terra volveuse complicado, e máis tendo en conta que moitas das palabras que se deben usar nesa conversa deixaron de ter un enfoque pedagóxico e pasárono a ter político. Quizais os dous mellores exemplos sexan os termos liberdade e imposición, que tanto se usaron nos últimos anos en Galicia.
Segundo o dicionario, o termo impoñer quere dicir “obrigar a aceptar ou padecer [algo]”, mentres que liberdade é o “dereito e posibilidade de poder actuar unha persoa segundo os propios criterios e de decidir por ela mesma aquilo que lle atinxe, sen estar sometida ás imposicións doutros”. Confrontar os dous termos a nivel de ensino non ten moito sentido, xa que cando a administración educativa organiza o currículo buscando a promoción da nosa lingua, non está buscando “impoñela”, senón que o alumnado a aprenda, ou sexa, que “adquira o coñecemento de [algo], e chegue a saber por medio do estudo, a práctica, a observación, a experiencia…” e sexa competente ou, o que é o mesmo, desenvolva “capacidade e habilidade para facer ben unha cousa”.
Por iso o Tribunal de Xustiza de Galicia, na súa sentenza sobre o Decreto para o plurilingüismo, lle di á Xunta que non pode abdicar das súas funcións ata o punto de permitir, en aras da “liberdade”, que os pais escollan se queren ou non que os seus fillos e fillas aprendan galego na escola. E non con ánimo de “impoñer”, senón de que se cumpra á Lei de Normalización Lingüística, que se creou precisamente porque a nosa lingua propia precisa de axuda e promoción para poder manter vivo un patrimonio que é símbolo do noso pasado e do noso futuro.