Dende o curso pasado veño empregando esta rúbrica (ese palabro!!!) para os traballos de lectura de 3º e 4º da ESO e pode dicirse que, logo dalgúns retoques iniciais, está razoablemente asentada non só para min senón tamén para o alumnado, que é o máis importante.
Con todo, hai que aplicala con cautela e flexibilidade de acordo cos procesos de autocorrección asentados na aula e cos contidos e destrezas traballados por cadaquén cos seus grupos. Pode entenderse que se lle dá moito peso ao formato e ao cumprimento dos prazos de entrega (30%) fronte á corrección estritamente lingüística (20%), mais entendo que no 2º ciclo da ESO así debe ser xunto coa expresión xeral, as propiedades textuais, a capacidade analítica e argumentativa.
A rúbrica compleméntase coas claves de autocorrección para a expresión escrita (moito máis simplificadas que aquelas quiméricas que ensaiei nalgún momento, madia leva!) e permite, evidentemente, unha segunda entrega do traballo xa revisado.
Por suposto, agardo as vosas suxestións e propostas. Se alguén a quere en formato word (tamén está en scribd), non ten máis que enviar un correo a landin@edu.xunta.es.
Ilustración da campaña de defensa do gaélico irlandés Sábháil Ár dTeanga (Salva a nosa lingua). Fonte: Portal das Palabras.
Aínda que non comparto a mensaxe que encabeza o artigo (A derradeira persoa que falou galego: Serás ti? Será alguén a quen coñezas?) nunha efeméride coma esta, por negativa e pouco construtiva -non nego que realista, pero xa estamos cheos de tantos diagnósticos de resultados máis que coñecidos-, paga a pena gardalo para as aulas de sociolingüística. Xaquín Loredo Gutiérrez (Seminario de Sociolingüística da RAG) actualiza cun par de gráficas moi clariñas os últimos datos sobre lingua inicial en Galiza: Lingua materna (Portal das Palabras, 19-02-2016).
Como última observación terminolóxica, a CTNL fai unha revisión interesante, e máis orientada á intervención social, do concepto “transmisión lingüística”, para falar da “socialización en galego na infancia”, do que boa mostra é o proxecto Apego. Fica ben explicado nesta entrevista a Nel Vidal (ex-presidente xa da CTNL) no programa Galicia por diante da Radio Galega (19-02-2016).
No primeiro trimestre publicaba unha selección de recursos sobre a lírica trobadoresca que acostumo a empregar nas aulas para acompañar unha proposta de comentario de cantigas. Cómpre agora unha nova actualización daquela entrada para traer ao blogue unha presentación de diapositivas moi completa (orixe, cronoloxía, autores e intérpretes, códices e xéneros maiores profanos, con abundantes exemplos de tópicos temáticos e recursos formais) asinada polo usuario de slideshare Vinseiro. Semella que este traballo terá continuidade nunha segunda parte para atender ao cancioneiro relixioso e aos xéneros menores.
Así mesmo, recomendo tamén considerar os materiais do colega portugués blog12cad:
Actualizamos os recursos sobre a literatura medieval con esta proposta de comentario literario para as cantigas coa intención de saír dos comentarios guiados con preguntas que se adoitan realizar neste nivel.
Ao mesmo tempo, acompañamos esta modesta achega con materiais de referencia de elaboración allea, en concreto da incansable Sofía Rama e de Ana Martíns.
Da primeira compañeira, á que lle agradecemos a inxente cantidade de materiais, recursos e propostas de calidade que partilla na rede con toda a comunidade LGL e os Equipos de Normalización Lingüística, traemos aquí unha presentación xeral sobre a literatura medieval da que destacaría a súa dimensión visual, importante para comprender os recursos formais:
Este traballo compleméntase co desenvolvemento do tema en formato textual e con esta proposta de esquema dese tema (que vén moi ben para traballar as tñecnicas de estudo e mesmo a análise de textos expositivos). Pasando xa ás cantigas de amigo, destacariamos, ademais dunha selección de textos de Sofía Rama, outros dous diaporamas sobre este xénero. Por unha banda, da mesma profesora temos unha presentación xeral que achega dúas interesantes relacións das cantigas de amigo coas carxas e co “neotrobadorismo” do Colectivo Ronseltz e mais Antón Reixa, ademais da xa mencionada achega visual aos recursos formais.
Por outra banda, Ana Martíns é autora deste traballo que se detén na tan interesante e suxerente simboloxía presente nas cantigas de amigo:
Non queda máis que agradecerlles a contribución a amabas e lembrar outras entradas anteriores relacionadas con esta temática:
Para descender a un nivel máis especializado, na páxina do Grupo de Investigación Lingüística e Literatura Galega ILLA dungha completa listaxe de recursoe en liña.
Parte central do monumento que hai á entrada da vila de Grândola para conmemorar o 25 aniversario do 25 de Abril
Da recente viaxe por terras portuguesas trouxen, coma sempre, novas descubertas, como o Cromeleque dos Almendres, a Anta Grande do Zambujeiro e a primavera do Alentejo nunha Évora redescuberta. A Costa Vicentina quere o seu tempo para saborear as praias de Carrapateira, os cantís sobre o areal da Arrifana, o solpor na barra do Monte dos Clérigos e o avistamento dos aniñamentos de cegoñas no Cabo Sardão. Lisboa pide cando menos unha parada técnica (quere a súa semana enteira mais…) e un café no Miradouro da Graça, mais Porto estase convertendo nunha cita habitual para ir na procura das novas tendencias e o cosmopolitismo máis próximo a nós. Falares, sabores, ritmos, o encontro (non sempre harmonioso) entre a tradición e a modernidade, xa están a pedir unha nova escapada.
Das paradiñas houbo unha en Grândola, que non sei canto terá aínda de “vila morena” mais que conserva a memoria da Revolução dos Cravos no nomenclátor e nas esculturas urbanas. Tamén nas paredes, pois do norte ao sul do país cidades e vilas, e mais axendas de xornais e revistas, estaban inzadas de actos e programas conmemorativos do 40º Aniversario do 25 de Abril, tinguidos, iso si, dunha reflexión amarga sobre a permanencia -fuxida- dos valores daquela fermosa revolta.
Pola rede adoitan chegar boas novas e dúas alertas de slideshare leváronme a cadanseu traballo de Alfonso Blanco (Biblioteca do IES Fontexería de Muros) e Sofía Rama (Dpto. de Lingua Galega do IES Félix Muriel de Rianxo) para traer a memoria do 25 de Abril ás aulas galegas, tarefa á que lle podemos achegar esta proposta de José Paz Rodrigues que atopamos no Portal Galego da Língua a partir do filme Capitães de Abril de María de Medeiros.
Unha visita recomendábel para coñecer unha parte do funesto Estado Novo é a Prisão da Fortaleza de Peniche, mellor se é tras a lectura dunha novela como Resistencia, de Rosa Aneiros (Unidade diáctica de Loli Cid), ou logo de procurar algunha información sobre a fuga de Peniche, de Álvaro Cunhal e outros prisioneiros políticos, para lle dar máis significado e emotividade á visita, pois a verdade é que como espazo museístico é pobre.
Non sei se é pecado non poñer o ramo musical a esta entrada co “Grândola vila morena”, do gran Zeca Afonso, mais por actualidade, tamén no contido, traio esta versión de “Os Vampiros” dos estradenses Nao, recén saída do forno e que se estrea ao vivo este sábado na Sala Capitol de Compostela. Ademais, conta coas colaboracións de Manuel Payno (Os Tres Trebóns, Caxade), Pikkio e Sigaro (Banda Bassotti) e Inés Álvarez .
Os Vampiros (Zeca Afonso)
No ceo cincento baixo o astro mudo Batendo as ás na noite calada Veñen en bandos con pés de veludo Chupar o sangue fresco da manada
A todas partes chegan os vampiros Pousan nos predios pousan nas calzadas Traen no seu ventre despoxos antigos máis nada os prende as vidas acabadas
Eles comen todo, eles comen todo Eles comen todo e non deixan nada (bis)
No chan do medo tomban os vencidos Óense os gritos na noite abafada Xacen nos fosos vítimas dun credo E non se esgota o sangue da manada
Son os mordomos do universo todo amos á forza donos sen lei enchen contedores beben viño novo danzan a ronda no Pinhal do Rei
Eles comen todo, eles comen todo Eles comen todo e non deixan nada (bis)
Per terra cadono impauriti i vinti Si senton grida nella notte soffocata Giaccion nei fossi vittime di un idea Non s’esaurisce il sangue del gregge
Sono padroni dell’universo intero Dominatori a forza signori senta legge Riempion granai bevono vino nuovo Danzano in tondo nella pineta del re.
Mangiano tutto, mangiano tutto Mangiano tutto e non lasciano niente (bis)
A todas partes chegan os vampiros Pousan nos predios pousan nas calzadas se alguén se engana co seu ar sisudo E lles franquea as portas á chegada
Eles comen todo, eles comen todo Eles comen todo e non deixan nada (bis)
Hai xa bastante tempo queixabámonos aquí da ausencia para o galego dun recurso tan atractivo e útil como a simulación interactiva Phonetics, the sound of the spoken language, que describe os sistemas fonéticos do inglés, do alemán e do español e, así mesmo, contén unha introdución xeral sobre anatomía articulatoria.
Fonética e Fonoloxía do Galego, de Manuel Rosales Graña
Xunto cuns breves apuntamentos sobre estas disciplinas e os trazos pertinentes que diferencian os fonemas, este sitio web inclúe unha descrición dos sistemas vocálico e consonántico, unhas indicacións para identificar as vogais semiabertas e semipechadas e unha breve caracterización da gheada e o seseo. No entanto, a achega máis interesante é a que cobre aquilo que botabamos en falta daquela, unha simulación da anatomía articulatoria dos fonemas do galego, que podemos atopar na sección Comparativa e completar co apartado Exercicios.
Sobre esta materia, podemos acceder a máis apuntamentos en formato descargable aquí e mais aquí, ou en formato dixital no blogue Has de cantar! Este vídeo do programa Ben falado ben pode completar o achegamento ás vogais do galego.
Para traballarmos o texto argumentativo (tamén en presentación de Loli Cid) hai multitude de propostas e materiais que podemos levar ás aulas: dende as clásicas valoracións das lecturas até a organización de debates ben planificados e pautados pasando pola elaboración de anuncios publicitarios.
O traballo coa tipoloxía textual pódese enfrontar dende variadas perspectivas mais sempre orientándose cara á práctica, e así temos interesantes recursos:
para iniciar nesta nada fácil tarefa aos máis cativos da ESO cunhas actividades ben pautadas, como esta ou estoutra de Xano Cebreiro.
ou para un nivel intermedio, como esta proposta (formulación), de Fátima Rodríguez Ruibal (3º da ESO), e este chanzo dentro dunha secuencia de produción máis ampla, de Xano (4º ESO).
No colexio andamos niso e nestas semanas atrás botamos man dunha curtametraxe e unha reportaxe (“Matar por diversión”, de Diego Bagnera) que dan moito xogo para traballar nas aulas de Titoría, Alternativa ou Lingua Galega, aínda que o fixemos a dous niveis diferentes (2º ESO e 4º ESO) e tan só como primeiro un primeiro chanzo no proceso. A idea é seguir turrando deste tema, o da violencia gratuíta (máis próxima do que pensamos: un e dous), para rematar propoñendo un debate máis traballado nas aulas.
Un ano máis, o amigo Luís Aldegunde e o seu alumnado do CPI Os Dices de Rois son fieis á cita das Letras Galegas (Lois Pereiro un , dous e tres; Valentín Paz Andrade, e antes Novoneyra, Ramón Piñeiro…) e achegannos un dos materiais didácticos máis valiosos para aproximarse nas aulas a Roberto Vidal Bolaño de cara ao 17 de maio. No primeiro dos traballos audiovisuais repiten a fórmula do telexornal que tan ben funcionou no curso pasado e que supón un extraordinario modelo de formación documental e comunicativa asentado nas novas tecnoloxías e os medios. E que podemos dicir da canteira de Rois? Comprobade vós mesmos o seu bo facer.
O segundo traballo é un documental sobre a obra do dramaturgo compostelán elaborado sobre as intervencións de Miguel de Lira, Xabier Ron, Xosé Manuel Fernández Castro, Laura Ponte, Eduardo Alonso, Xulio Lago, Avelino González, Ernesto Chao, Rodrigo Roel, Roi Vidal Ponte, Belén Quintáns e Paco Macías.