Arquivo da categoría: LGL 2º ESO

Ás voltas co texto argumentativo

Para traballarmos o texto argumentativo (tamén en presentación de Loli Cid) hai multitude de propostas e materiais que podemos levar ás aulas: dende as clásicas valoracións das lecturas até a organización de debates ben planificados e pautados pasando pola elaboración de anuncios publicitarios.

O traballo coa tipoloxía textual pódese enfrontar dende variadas perspectivas mais sempre orientándose cara á práctica, e así temos interesantes recursos:

Identificar vantaxes e inconvenientes en relación a un tema, elaborar unha valoración completa e persoal dunha lectura ou comentar unha película máis alá dos típicos “gustoume/non me gustou” non é nada fácil máis alá do alumnado que tamén mostra bos resultados noutras facetas académicas.

No colexio andamos niso e nestas semanas atrás botamos man dunha curtametraxe e unha reportaxe (“Matar por diversión”, de Diego Bagnera) que dan moito xogo para traballar nas aulas de Titoría, Alternativa ou Lingua Galega, aínda que o fixemos a dous niveis diferentes (2º ESO e 4º ESO) e tan só como primeiro un primeiro chanzo no proceso. A idea é seguir turrando deste tema, o da violencia gratuíta (máis próxima do que pensamos: un e dous), para rematar propoñendo un debate máis traballado nas aulas.

Telexornal Vidal Bolaño e documental sobre a súa obra

homenaxe a Roberto Vidal Bolaño

Un ano máis, o amigo Luís Aldegunde e o seu alumnado do CPI Os Dices de Rois son fieis á cita das Letras Galegas (Lois Pereiro un , dous e tresValentín Paz Andrade, e antes Novoneyra, Ramón Piñeiro…) e achegannos un dos materiais didácticos máis valiosos para aproximarse nas aulas a Roberto Vidal Bolaño de cara ao 17 de maio. No primeiro dos traballos audiovisuais repiten a fórmula do telexornal que tan ben funcionou no curso pasado e que supón un extraordinario modelo de formación documental e comunicativa asentado nas novas tecnoloxías e os medios. E que podemos dicir da canteira de Rois? Comprobade vós mesmos o seu bo facer.

O segundo traballo é un documental sobre a obra do dramaturgo compostelán elaborado sobre as intervencións de Miguel de Lira, Xabier Ron, Xosé Manuel Fernández Castro, Laura Ponte, Eduardo Alonso, Xulio Lago, Avelino González, Ernesto Chao, Rodrigo Roel, Roi Vidal Ponte, Belén Quintáns e Paco Macías.

Telexornal Valentín Vaz Andrade e aínda máis

Non podían faltar á cita anual das Letras Galegas os compañeiros Luís Aldegunde (CPI Os Dices de Rois) e Sara Paz (CPI de San Vicente da Baña) coa súa contribución audiovisual á divulgación do autor homenaxeado. Desta volta agásallannos con tres traballos sobre Valentín Paz Andrade que, repetindo a estrutura de anteriores entregas, como as que realizaron para Uxío Novoneyra e Lois Pereiro, inclúen este ano unha proposta orixinal, fresca, dinámica e de moi boa factura, un Telexornal Paz Andrade, que conta coa participación de escolares da ESO que o bordan nos seus papeis de presentadora e correspondentes.

O documental Compromiso con Galicia e e o vídeo divulgativo Paz Andrade, supervivente, que contan coa participación de Afonso Paz-Andrade Rodríguez, Tucho Calvo e Camilo Nogueira, completan este ciclo audiovisual de máis de 40 minutos de duración.

Parabéns -unha vez máis- aos autores.

Engádega 26-04-2012

Loli Cid Cid publicou no seu blogue dous cuestionarios de verdadeiro e falso sobre os traballos Compromiso con Galicia e Telexornal Paz Andrade. Estes son o tipo de traballos que crean comunidade na rede. Moitas grazas!

Recursos para traballar na aula no Día Europeo das Linguas

Mañá luns, 26 de setembro, celébrase o Día Europeo das Linguas, unha efeméride organizada conxuntamente polo Consello de Europa e a Unión Europea dende o ano 2001 coa finalidade de festexar a diversidade lingüística e cultural europea e promover a aprendizaxe das linguas. Malia agochar a realidade das linguas minorizadas, a cada pouco máis minguadas e amezadas, baixo un xenérico chamamento a aprender outras linguas como unha vía para valorar a diversidade lingüística, coñecer outras culturas e valorar a herdanza plurilingüe do continente europeo, é unha boa ocasión para traballar na aula o plurilingüismo dende a perspectiva galega.

A Secretaría Xeral de Polítia Lingüística reúne, tamén de modo moi aséptico, como se esa riqueza lingüística non estivese en perigo no noso país, unha serie de recursos e propostas para traballarmos co alumnado, comezando pola versión galega dunha presentación divulgativa do Consello de Europa:

Neste especial atopamos propostas de aula (con algún pequeno traballo de investigación para a posterior posta en común e reflexión xunto con algunha idea apenas enunciada: elaboración dun traballo audiovisual); algúns xogos que cumpría adaptar ao galego; e o conxunto de recursos do proxecto Linguas no camiño, que achega materiais audiovisuais e ligazóns útiles mais que xa ten un antecedente de maior rendibilidade didáctica como Os camiños das linguas ou como facer unha rota do plurilingüismo, do profesor Luciano Fernández.

Complétase o monográfico con información sobre a incumprida (un, dous, tres e catroCarta Europea das Linguas Rexionais e minoritarias, cunha serie de ligazóns de interese, entre elas materiais elaborados polo profesorado (agradécese  a inclusión dunha presentación -moi sintética- deste blogue) e recursos tomados sobre todo de Linguamón. Como diciamos, tamén aquí se bota en falta a perspectiva das linguas rexionais e minorizadas que poidan achegar ferramentas como o Mercator e Eurominority, agora que pechou o incómodo EBLUL – European Bureau for Lesser-Used Languages por falta de financiamento.

Se nalgún centro vos sumades a esta efeméride, podedes cumprimentar un formulario provisto polo Consello de Europa para publicitar todos os eventos e actos desta xornada.

Para concluír, unha selección de recursos e materiais máis enfocados ás aulas:

Arredor da lectura

As présas (neste caso boas e benvidas) do alumnado por coñecer as propostas de lectura para o segundo trimestre obrigáronme a adiantar a listaxe de títulos e a “deseñar” o boletín correspondente, que vén dar continuidade á primeira selección do curso, Narrar o medo. Coma sempre, de entre os libros escolmados o alumnado debe escoller a lectura obrigatoria, e as optativas que queira, para elaborar o traballo segundo o esquema fixado. As diferentes capacidades lectoras existentes, que chegan a amosar unhas diferenzas notábeis, aconsellaron incluír, por indicación das propias alumnas (e neste caso o uso do feminino está xustificado), dende clásicos que non acostumaba ter en conta neste nivel (Os camiños da vida por exemplo) até un bo número de títulos das coleccións narrativas de referencia das editoriais. O boletín complétase cunhas breves indicacións para realizar unha reseña literaria.

Aproveito a ocasión para publicar unha ficha de lectura pensada para o 1º ciclo da ESO e adaptada para o galego dunha ficha orixinal do profesor de lingua e literatura castelá Héctor Monteagudo, que podedes seguir nas bitácoras Aguja de Marear e Anatomía del Verbo ou a wiki PLETIC, siglas dun interesante grupo de traballo sobre Proyectos de Lectura y Escritura desde las Tecnologías de la Información y la Comunicación. Empregamos esta ficha no clube de lectura coa finalidade de guiar os alumnos no comentario e na valoración dos libros coa vista posta nas reunións do clube.

Por último, a seguinte ficha serve de base para unha actividade lúdica de fomento da lectura que imita o xogo do amigo invísibel. Puxémola en práctica na última xuntanza de decembro do clube de lectura e parece que deu xogo. Os membros do clube pensaron nos seus libros preferidos, comentáronos brevemente por escrito, buscáronos na biblioteca, escolleron un que presentaron en público e, finalmente, entregáronllo a outro membro do grupo (non identificado até ese momento), que se comprometeu a lelo para a próxima sesión.

Reparar na escrita e reparar nas prácticas propias

Hai xa algún tempo subiamos a este blogue un primeiro e sinxelo patrón de autocorrección dos textos propios, ao que lle seguiu unha segunda entrega algo máis elaborada, e as causas que motivaron que experimentasemos este método co alumnado seguen sendo as mesmas hoxe en día: mellorar o dominio da expresión escrita e asumir responsabilidades e maior autonomía na tarefa da corrección e na aprendizaxe por parte do alumnado, e procurar unha práctica metodolóxica efectiva, práctica e didáctica por parte do profesor.

Comprobado tamén que se converte nunha tarefa difícil de manter de maneira sistemática  ao longo do curso, e que os logros, na medida en que apliquei o patrón de xeito irregular, non son os desexados, cando menos fomos adaptando o patrón ao que o estudante pode corrixir en cada momento e establecendo diferentes fases de aplicación destes sistema de signos e abreviaturas ao longo do ano conforme se vai precisando avanzar (tipos de textos, propiedades textuais, erros de redacción, etc.).

No título desta entrada xogo cunha referencia xa clásica, Daniel Cassany, que ten en Reparar la escritura un dos seus traballos máis prácticos. Nel, formula problemas e ofrece un abano de solucións, isto é, unha serie de técnicas de corrección da expresión escrita para a súa aplicación inmediata nas aulas. Recomendo tamén a súa lectura para reflexionar sobre as prácticas propias, especialmente, do primeiro apartado, no que é ben fácil verse retratado no papel tradicional que se lle asigna ao docente de lingua na corrección. Tirando dun esquema de Enseñar lengua (páx. 287), sintetizamos eses roles preestablecidos para o profesor, tamén para o alumno, no proceso da corrección:

Profesor

  • A corrección é responsabilidade exclusivamente súa, porque ten o coñecemento necesario para facelo.
  • Está obrigado a corrixir todos os exercicios. É case a demostración da súa capacidade e traballo.
  • Ten que corrixir todos os erros do texto, que ha de ficar perfecto. Ten que dar a solución correcta.

Alumno

  • Non está capacitado para autocorrixirse ou para corrixir un compañeiro, xa que non ten coñecementos de abondo para facelo e podería equivocarse.
  • Agarda que se lle corrixa todo. Non ten sentido escribir se non é corrixido.
  • Non pode cometer erros porque crean hábito. Esta é unha visión condutista do erro.

En rachar estes roles andamos e estes novos patróns que presentamos a continuación foron os que adaptei para cuarto e segundo da ESO en consonancia co propio currículo e cos libros de texto que manexamos neste curso, por aquilo de manter sempre unha ligazón co marco de referencia máis claro que adoita ter o alumnado.

“Narrar o medo”, recomendacións lectoras para o primeiro trimestre

Aproveitando que a Biblioteca e o Clube de Lingua do noso instituto convocaron un Certame de Relatos de Medo e que a ambientación do terror asaltou os corredores do centro, nas aulas de lingua estamos traballando o conto. Prestámoslle unha atención moi limitada á teoría mais tentamos, iso si, achegarnos ás principais características deste subxénero narrativo. En 2º da ESO facémolo a través dunha unidade didáctica que combina a lectura e a comprensión de textos, a reflexión sobre as compoñentes da intriga e o misterio e o coñecemento dos personaxes e os lugares do medo. En 4º das ESO presentamos un obradoiro literario que procura traballar as catro destrezas lingüísticas e motivar a escrita dun conto, tarefa final que tamén culmina o proceso co alumnado do 1º ciclo.

Para acompañar todas estas actividades da materia e do centro, propuxémoslle ao alumnado unha selección de lecturas acaídas para este primeiro trimestre. Como toda escolma arbitraria, nesta listaxe de propostas que titulamos Narrar o medo botaranse en falta autores e obras, mais tentouse conxugar os clásicos do xénero, universais e galegos, con algunhas propostas máis actuais e mesmo algunha, moi pouca, banda deseñada. Destaca a presenza dos mestres ingleses xunto coas traxectorias destacadas de Ánxel Fole e Xosé Miranda nesta temática. Hai lugar, ademais, para un recoñecemento expreso ao traballo de Urco Editora pola súa aposta tan orixinal e ben coidada como arriscada.

Un slide (ver mellor aquí e ampliar zoom) como o seguinte non é o mellor formato para presentar unha proposta de lecturas mais tampouco en Issuu o resultado foi aceptábel. O pouco mimo e o pouco tempo dedicados teñen a culpa.

Para traballar a poesía de Uxío Novneyra

Dende o IES de Porto do Son achegamos uns recursos moi modestos para a celebración do Día das Letras Galegas 2010. Co fin de coñecermos a obra e a vida de Uxío Novoneyra, os Equipos da Biblioteca e Normalización e Dinamización Lingüística, xunto co Departamento de Lingua Galega, convocamos  un concurso de poesía visual no que alumnado recreará os versos do poeta do Courel por medio de caligramas e colaxes. Para iso, ademais de acudir aos materiais e recursos que numerosos docentes e colectivos poñen  á disposición de toda a comunidade educativa galega,  elaboramos unha breve antoloxía da poesía do autor, que inclúe composicións de diferentes graos de  complexidade para  a ESO e o Bacharelato, e unha presentación sobre as técnicas creativas do caligrama e a colaxe.