Arquivo da categoría: IES Porto do Son

O meu Son

No curso que vén de rematar “O meu Son” colleu o testemuño de Vinte Dez TV, unha iniciativa de SonCine e o Equipo de Normalización Lingüística que tiña como obxectivo rexistrar a vida escolar do IES de Porto do Son e que mereceu un accésit nos Premio de Innovación en NL 2009-2010. Desta volta, David e o alumnado de 3º de Audiovisuais armaron un proxecto que tenta reflectir a súa xeografía vivencial, emocional, de Porto do Son. Os rapaces e rapazas levaron consigo unha cámara e filmaron o seu lugar preferido, e foron saíndo traballos moi interesantes, que podedes ver aquí reunidos e nos que paga a pena deterse amodo. Tahúme, a Lagoa de San Pedro, a Fervenza da Madanela, os Muíños de Cabanela e Noal foron pasando por diante nosa e hoxe xa figuran entre os mellores rexistros audiovisuais sobre o concello. Mais aínda houbo tempo para captar a intensidade dunha mata, achegarse ao pequeno microcosmos de Mirian, brincar sobre as areas de Baroña ao lombo de Ventisca ou revivir os mellores tempos do cinema de Queiruga.

E para poñerlle o ramo a este curso dedicado ao audiovisual (Cinefórum, Encontro do Audiovisual Escolar Galego, XII Premio Leixaprén a Manolo González, exposición o cinema e cartaces), nada mellor que a última peza do noso Son, o documental (unidade didactica audiovisual) “A seca. Praia de Cabeiro”, todo un exemplo de escola activa, motivadora, inserida no seu contorno e galeguizadora, próxima a iso que chaman ensino informal.

Vodpod videos no longer available.

Rebrincan os arroás diante dos nosos ollos. A beleza do mundo nas mans… pero o sargassum muticum, alga invasora aí impedindo a diversidade da vida: + info aquí sargassum.es/​invasions.html.

Tiñamos unha débeda coa praia de Cabeiro: a praia do noso IES, a praia de noso. Foi boa de pagar grazas a Antón, a Xulio e a Lucía, do Departamento de Ciencias da Natureza, e ao alumnado de 3º de SonCine e aos de 5ºA, que fixeron as fotos para un seu traballo. Escoitando a Antón dan ganas de ser outra vez un rapaz para ir á escola. Algúns mandaríns din que non traballamos; non ho!. A nosa ilusión sería que fose útil noutras escolas.

Texto tirado de SonCine

Advertisements

Unha festa do audiovisual escolar e da lingua

Mañá reunímonos en Porto do Son un bo grupo de docentes e alumnos e alumnas de 18 centros educativos de secundaria de toda Galiza para compartir proxectos, experiencias e coñecementos no Encontro do Audiovisual Escolar Galego. Tras uns cantos meses de traballo chegou o momento da celebración, o convivio e a aprendizaxe a carón do lume vivo de tanta enerxía creativa, que a hai e moita entre as paredes dos colexios e institutos. Unha boa mostra témola aquí. Tamén no Son se vai facendo camiño: SonCine, Vinte Dez TV, O meu Son, o Cinefórum

O Encontro serve de marco idóneo para entregar o XII Premio Leixaprén, da Coordinadora de ENL da comarca do Barbanza e da ría de Muros Noia, a Manolo González, en recoñecemento ao seu labor de promoción do audiovisual galego e da lingua galega no audiovisual, e como expoñente dun traballo colectivo, labor calado e de base, de todas aquelas persoas que introduciron e dinamizaron o audiovisual nos ámbitos afeccionado e escolar.

Quizais todo comece na cabina de proxección dun cine. Nun neno que mira como o seu pai coloca as bobinas no proxector, apaga as luces da sala e abre as portas á luz dos soños. O cine. Se cadra todo consista na fidelidade entusiasta a esa experiencia: a necesidade de saber, de compartir, de producir a posibilidade dunha expresión soberana, de dar lugar a que suceda a creatividade. Manolo sempre construíu canles: de produción, de difusión, canles de creatividade. Dalgunha maneira nunca deixou esa cabina de proxección no cine da súa infancia. E iso é o que queremos agradecerlle.

SonCine: ollar, sentir, ler…

Os pasados 7 e 8 de abril tiveron lugar en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 10/11, que reuniron uns 300 docentes responsábeis das bibliotecas integradas actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Nas xornadas participou o noso compañeiro David Pérez para partillar cos asistentes a experiencia do Proxecto SonCine que se densevolve no IES de Porto do Son dende o ano 2006.

Permítome reproducir o seguinte texto de Sonia Ces, a nosa compañeira que coordina o Equipo da Biblioteca, para sintetizar a mensaxe do relatorio:

O título “académico” dicía así: “Rexistrando as actividades da biblioteca”, e o que el expuso era “Ollar, sentir, ler”. A realidade, o sistema, crítica, erros, acertos, consellos, posibilidades, arelas. Ou como fuxir do cadrado se o que se pretende é facer algo “redondo”. Case sempre se fai audiovisual nas aulas con dúas intencións: unha, incitar a aprendizaxe: en natureza, literatura, química ou educación física (vaite ti ver); dúas, aprender a contar. En realidade, non o sabes ata que sabes contalo. (…) E o audiovisual é a arma máis forte que temos para facelo. O valor dos audiovisuais medra cada día que pasa porque esas imaxes son a mesmiña escrita do Tempo”. É nisto no que cre, e esta é a razon que, para fortuna nosa, o leva a participar connosco nas actividades que organizamos dende a biblioteca. Como xa sabedes, está a ser a nosa mirada no centro e ten conseguido que algúns de vos manifestedes xa tamén a vosa mirada e a vosa voz.

Acredito, e comparto a fortuna de ver traballar a David e de que o seu alumnado e mais el “rexistrasen” estas fermosas e intensas vivencias educativas. Recomendo visualizar a seguinte presentación: así se constrúe o audiovisual dende as/nas aulas.

E, coma xa aconteceu nalgunha ocasión anterior, na volta da viaxe sempre hai un agasallo. Onde vai o cineasta sen cámara, aínda que sexa un aparello modesto pois os rapaces e rapazas levan para a casa os bos para filmar nas tardes e na fin de semana?

Isto non é un vídeo. É indignación e un agradecemento sen límites aos docentes de Galicia. Foi capturado, no mesmo día, en dous espazos próximos, cunha cámara de 5ª fila. Hai quen o dá todo día día nas aulas, inventándose os medios que non ten, comendo o xenio e ofrecendo luz, imaxinación e ilusión ás nenas e nenos galegos. Saúde e ánimo.

Vodpod videos no longer available.

Bibliotecas, posted with vodpod

Engádega do martes, 26 de marzo de 2011: Aulas a ritmo de cine, reportaxe de Culturagalega.org sobre SonCine, o Encontro do Audiovisual Escolar Galego e a escolma de cinema escolar feita por David.

Das lecturas partilladas ao sur do Miño

Froito dos contactos que fixemos a finais do curso pasado na excursión a Viana do Castelo dos clubes de lectura dos IES de Porto do Son e Caldas de Reis e do CPI de Cuntis, na biblioteca do noso centro inaugurouse unha nova sección dedicada á  literatura portuguesa. Grazas ao asesoramento do persoal da  espléndida Biblioteca Municipal de Viana, fixémonos cunhas primeiras lecturas que funcionan entre o alumnado de secundaria dos licéus lusos, así como con algunhas obras destinadas ao público xeral.

Seguimos estando tan preto e tan lonxe coma sempre mais continuaremos a dar pequenos pasiños para nos aproximar algo máis. Igual que trouxemos unhas cantas propostas no noso fardel, sementamos uns cantos títulos galegos en Viana mais bótase en falta unha planificación institucional específica e decidida para exportar a literatura e a cultura galegas á Lusofonía e estreitar lazos entre o ensino galego e portugués.

Vodpod videos no longer available.

Unha primeira recomendación lectora chega da man de Sonia, do equipo da biblioteca do noso centro:

Daquela visita de final de curso, gardamos  a primeira recomendación, a obra de Joao Tordo, As três vidas. O autor, vencellado ao mundo do xornalismo e o cine, e influenciado pola escrita de Edgar Allan Poe, Herman Melville ou Dostoievski e a novela negra,  viña de presentar en Viana esta novela, gañadora do Premio Literario José Saramago 2009.

As três vidas, as tres vidas de António Augusto Milhouse Pascal, as tres vidas de Gustavo, Camila e Nina, as tres vidas dun mozo, dun “rapaz que nunca cresceu”, todos eles atravesando a “corda bamba” da existencia. Éste último transfórmase, 25 anos despois, no narrador da memoria de Milhouse Pascal, un psicanalista pouco convencional,  afastado nun illado caserón –a Quinta do Tempo-  con tres netos indolentes, un xardiñeiro escuro e unha peculiar clientela que se move nos límites da loucura. Trala morte do pai, un anuncio nun xornal lévao a traballar para ese enigmático ancián, un traballo que acabará afastándoo da realidade, atrapándoo nas vidas de complexos personaxes que afondan as raigames dos seus trastornos nos máis sanguentos conflitos do século XX: a 2ª Guerra Mundial e a Guerra Civil Española. Así, esta novela transfórmase en transcritora, nunha revisión da historia do século pasado, ao tempo que profunda nos medos do ser humano instalados no antepeito entre a lucidez do real e o irreal, nun espazo e nun tempo kafkianos, no “tempo fóra do tempo”.

O relato desta “memoria” transfórmase para o narrador en necesidade, en liberación de fantasmas propios e alleos, de sospeitas, abraios e paixóns.

Trátase dun romance de estrutura ben conformada que atrapa ao leitor nunha sucesión de episodios suspensos perigosamene á marxe do verificable  e do xustificable. Do Alentejo a Lisboa ata Nova York ou Londres. Cun pé na novela negra e outro na recreación histórica.

Lois Pereiro 2011

Na biblioteca do noso centro dámoslle a benvida ao Ano Lois Pereiro.

Arredor da lectura

As présas (neste caso boas e benvidas) do alumnado por coñecer as propostas de lectura para o segundo trimestre obrigáronme a adiantar a listaxe de títulos e a “deseñar” o boletín correspondente, que vén dar continuidade á primeira selección do curso, Narrar o medo. Coma sempre, de entre os libros escolmados o alumnado debe escoller a lectura obrigatoria, e as optativas que queira, para elaborar o traballo segundo o esquema fixado. As diferentes capacidades lectoras existentes, que chegan a amosar unhas diferenzas notábeis, aconsellaron incluír, por indicación das propias alumnas (e neste caso o uso do feminino está xustificado), dende clásicos que non acostumaba ter en conta neste nivel (Os camiños da vida por exemplo) até un bo número de títulos das coleccións narrativas de referencia das editoriais. O boletín complétase cunhas breves indicacións para realizar unha reseña literaria.

Aproveito a ocasión para publicar unha ficha de lectura pensada para o 1º ciclo da ESO e adaptada para o galego dunha ficha orixinal do profesor de lingua e literatura castelá Héctor Monteagudo, que podedes seguir nas bitácoras Aguja de Marear e Anatomía del Verbo ou a wiki PLETIC, siglas dun interesante grupo de traballo sobre Proyectos de Lectura y Escritura desde las Tecnologías de la Información y la Comunicación. Empregamos esta ficha no clube de lectura coa finalidade de guiar os alumnos no comentario e na valoración dos libros coa vista posta nas reunións do clube.

Por último, a seguinte ficha serve de base para unha actividade lúdica de fomento da lectura que imita o xogo do amigo invísibel. Puxémola en práctica na última xuntanza de decembro do clube de lectura e parece que deu xogo. Os membros do clube pensaron nos seus libros preferidos, comentáronos brevemente por escrito, buscáronos na biblioteca, escolleron un que presentaron en público e, finalmente, entregáronllo a outro membro do grupo (non identificado até ese momento), que se comprometeu a lelo para a próxima sesión.

Reparar na escrita e reparar nas prácticas propias

Hai xa algún tempo subiamos a este blogue un primeiro e sinxelo patrón de autocorrección dos textos propios, ao que lle seguiu unha segunda entrega algo máis elaborada, e as causas que motivaron que experimentasemos este método co alumnado seguen sendo as mesmas hoxe en día: mellorar o dominio da expresión escrita e asumir responsabilidades e maior autonomía na tarefa da corrección e na aprendizaxe por parte do alumnado, e procurar unha práctica metodolóxica efectiva, práctica e didáctica por parte do profesor.

Comprobado tamén que se converte nunha tarefa difícil de manter de maneira sistemática  ao longo do curso, e que os logros, na medida en que apliquei o patrón de xeito irregular, non son os desexados, cando menos fomos adaptando o patrón ao que o estudante pode corrixir en cada momento e establecendo diferentes fases de aplicación destes sistema de signos e abreviaturas ao longo do ano conforme se vai precisando avanzar (tipos de textos, propiedades textuais, erros de redacción, etc.).

No título desta entrada xogo cunha referencia xa clásica, Daniel Cassany, que ten en Reparar la escritura un dos seus traballos máis prácticos. Nel, formula problemas e ofrece un abano de solucións, isto é, unha serie de técnicas de corrección da expresión escrita para a súa aplicación inmediata nas aulas. Recomendo tamén a súa lectura para reflexionar sobre as prácticas propias, especialmente, do primeiro apartado, no que é ben fácil verse retratado no papel tradicional que se lle asigna ao docente de lingua na corrección. Tirando dun esquema de Enseñar lengua (páx. 287), sintetizamos eses roles preestablecidos para o profesor, tamén para o alumno, no proceso da corrección:

Profesor

  • A corrección é responsabilidade exclusivamente súa, porque ten o coñecemento necesario para facelo.
  • Está obrigado a corrixir todos os exercicios. É case a demostración da súa capacidade e traballo.
  • Ten que corrixir todos os erros do texto, que ha de ficar perfecto. Ten que dar a solución correcta.

Alumno

  • Non está capacitado para autocorrixirse ou para corrixir un compañeiro, xa que non ten coñecementos de abondo para facelo e podería equivocarse.
  • Agarda que se lle corrixa todo. Non ten sentido escribir se non é corrixido.
  • Non pode cometer erros porque crean hábito. Esta é unha visión condutista do erro.

En rachar estes roles andamos e estes novos patróns que presentamos a continuación foron os que adaptei para cuarto e segundo da ESO en consonancia co propio currículo e cos libros de texto que manexamos neste curso, por aquilo de manter sempre unha ligazón co marco de referencia máis claro que adoita ter o alumnado.

Celebrando as lecturas compartidas

A finais do curso pasado, no mesmiño día no que se entregaban os boletíns de notas, os membros do clube de lectura do instituto parabamos en Caldas e Cuntis para recoller os amigos e amigas dos clubes iESCALDasletras e As Campaíñas. A excursión foi curta e o programa intenso e deu para coñecérmonos mellor, falar de libros, coñecer Viana e especialmente a súa fermosa e activa biblioteca, compartir agasallos, escribir relatos colectivos e mesmo gravar unha minicurtametraxe de medo nun escenario que ben lle acaía.

Vinte Dez TV achéganos a súa visión da experiencia, que xa é o punto de partida para novas actividades que imos facer conxuntamente en breve.

Vodpod videos no longer available.

En Vinte Dez TV:

Aquí vos quedan as moi doces horas dunha VIAXE A VIANA.

Xuño 2010. Remataran as clases…
Alá marchamos cara o sur tres clubes de lectura de tres centros: o IES do Son, o CPI de Cuntis e o IES de Caldas.
Celebramos a fin do curso.
E o traballo feito desde as bibliotecas escolares.
E a esperanza, a alegría e a liberdade.

Clube Lector “As Campaíñas” de Cuntis: blogoteca.com/​ascampainhas/
Clube de Lectura “iESCALDasletras” de Caldas de Reis: iescaldasletras.nireblog.com/
Clube de Lectura Fraga de Novio de Porto do Son: etikeles.blogaliza.org (obrigados á Biblioteca Municipal de Viana do Castelo por acollernos / e a Paco, o noso condutor, pola súa atención e compañía).