Cando os prexuízos ideolóxicos gobernan un país

O pasado martes o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, fixo unha nova escala nesa turné sen fin polos medios madrileños á que nos ten acostumados dende que accedeu ao goberno. Desta volta estivo nun programa da televisión de El Mundo, Veo TV.

Polo dito, o ocultado, e polo que se entende entre liñas, a intervención de Feijóo explicita perfectamente as liñas mestras do seu ideario ideolóxico-político, e a súa acción política nestes case tres anos, no que respecta á lingua galega.

O decreto 79/2010, aprobado unilateralmente polo seu goberno malia o rexeitamente practicamente unánime de todos os axentes do mundo do ensino (organizacións sindicais, colectivos de docentes de diferentes áreas de coñecemento, asociacións de directores de centros públicos, asociacións de nais e pais, colectivos de renovación pedagóxica e o Consello Escolar, ademais da RAG e o Consello da Cultura entre outras entidades), define un modelo educativo que é o “menos malo dos sistemas” no marco da lexislación actual, segundo o noso presidente. Como cita o propio Estatuto, que acaba de ser cuestionado polo propio Valedor do Pobo, parece abrir unha vez máis a porta a mudanzas lexislativas de grande calado pois parece que o “problema” está no Estatuto ou, no seu defecto, a Lei de Normalización Lingüística de 1983, que vén sendo cuestionada por sectores do seu partido dende hai varios anos a raíz da polémica toponímica ou do propio Decreto para o Plurilingüismo, que na opinión dos xuristas atenta contra os seus principios básicos (vid. informes e análises aquí).

De especial gravidade son as afirmacións (a partir do 2’34”) de Feijóo cando, despois de defender a consulta ás familias para escoller a lingua en Infantil, sinala que se se dese opción de escolla lingüística entre un idioma e outro ás familias a situación evoluiría cara a un sistema diferente, “de tal forma que os galegofalantes quererían que os seus fillos só estuden en galego, os que falan español só en español e nos colexios e nos recreos habería, entre comillas, os alumnos nacionalistas e os alumnos non nacionalistas”. Esta aseveración verbaliza perfectamente, na miña opinión, a política educativa que vén aplicando dende hai case tres anos o goberno Feijóo. Equiparar a escolla do galego nunha enquisa como a que se fai en Infantil, ou nunha posíbel elección entre eses dous modelos, cunha determinada opción ideolóxica é falsa, como sabe calquera galego, e sectaria. Feijóo acaba de demostrar que na súa “cruzada” contra determinada opción ideolóxica a lingua forma parte desa “batalla”, de aí a teima persecutoria contra o idioma. O primeiro é lexítimo, o segundo non o é, é máis: é profundamente antidemocrático por moito entrecomillado que faga.

Nesta longa resposta tamén dá a entender que as persoas que desexan separar os alumnos e as alumnas por aulas en función da lingua escollida, ou falada, son as familias que optan polo galego: na actual enquisa “decídese, polo único sistema que coñecemos, que é o maioritario, se se ensina a ler e escribir en español ou en galego, e en moitos casos decídese que é o español, e sentímolo para aqueles que prefiran o galego. Lamentabelmente non imos nin duplicar profesores nin duplicar clases”.

Por último, cae nunha profunda contradición ao falar da introdución do inglés, que xa foi sinalada por detractores, e mesmo por defensores, do Decreto para o Plurilingüismo. Primeiramente, sinala, para vender o seu decreto ante o propio presentador, os contertulios habituais e aqueles sectores da audiencia dese programa que poidan pensar que Feijóo recuou nas súas promesas electorais de lingua á carta no noso sistema educativo, que o alumnado de Primaria e Secundaria pode escoller a lingua que desexe para se dirixir oralmente ao profesor ou para redixir os seus traballos e probas escritas nas materias que non sexan lingüísticas (artigo 12.3 do Decreto 79/2010). Logo, como xa lle escoitamos anteriormente, ao igual que ao Secretario Xeral de Política Lingüística, recorre coma sempre ao inglés para disfrazar unha lexislación que o que persegue é reducir a presenza do galego no ensino. Todos sabemos que para adquirir competencia nunha lingua estranxeira, tamén nun idioma minorizado como o galego, é fundamental a inmersión, neste caso, nas materias que sexan impartidas nesas linguas. As seccións bilingües, e agora os denominados propagandisticamente centros plurilingües, ensaian esta fórmula para o inglés (fundamentalmente) en materias como Educación Plástica e Visual, Coñecemento do Medio, Educación Física, Bioloxía ou Ciencias Naturais. É de supoñer que a fórmula ideal pasa porque o alumnado interactúe oralmente na aula, nos traballos e nos exames, en inglés. Para esta contradición non teñen resposta (lembremos o vídeo As aulas e o despacho, a partir do minuto 6’30”). Esta inmersión négase para o galego ocultando que a competencia en comunicación lingüística é tranversal, que se adquire en todas as materias e que pode ser avaliábel polo profesor de calquera delas. É, ademais, un dos fins fundamentais da LOE, que sinala que o alumnado debe rematar o ensino sendo competente en ambas linguas oficiais, outra lexislación vulnerada polo Decreto 79/2010 e que, como reflicten os datos (só hai que repasar os resultados desiguais en galego e castelán na avaliación de diagnóstico ou o estudo Situación do ensino da lingua e a literatura galega na ESO), cada vez estamos máis lonxe de conseguir para a totalidade do alumnado galego.

5 respostas a “Cando os prexuízos ideolóxicos gobernan un país

  1. Magnífica análise. Certeira e ben argumentada. Só nun pesadelo puidemos imaxinar que teriamos como presidente de Galicia a un individuo que aborrece o feito de ser galego.

  2. un patufo desleigado este frijolito, noxo de xente chea de autoodio.

  3. Parabéns polo artigo. Fronte ao dereito ao descoñecemento do galego que esixe o xornalista para as familias está o dereito a competencia do alumnado. Ese é o dereito que debe rexir na configuración do tratamento das competencias lingüísticas no ensino.

  4. Pingback: Proposta para elaborar o Plan Lingüística de Centro | Caderno de Lingua

  5. Pingback: Proposta para elaborar o Proxecto Lingüístico de Centro | Caderno de Lingua

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s