Análise de distintas ferramentas de creación de contidos educativos na rede

Durante a segunda quincena de novembro desenvolveuse no Centro Autonómico de Formación e Innovación da Consellaría de Educación o curso “Competencia comunicativa e dixital nas áreas de Lingua”, dirixido ao profesorado de lingua galega e castelá co obxectivo de reflexionar sobre a integración das TIC no desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística nas aulas de linguas a partir do coñecemento dalgunhas experiencias, dunha boa escolma de boas prácticas, de secuencias didácticas de traballo co alumnado e de  determinadas ferramentas. Foi unha mágoa non asistir como alumno aos relatorios de compañeiros e compañeiras aos que sigo como Rosa Salgueiro, Luciano Fernández ou Loly Lago, alma mater do imprescindíbel O Segrel do Penedo, mais a través da Aula Virtual do CAFI podemos acceder aos seus materiais.

Pola parte que me toca tentei formular unha primeira reflexión e posta en común sobre algunhas implicacións metodolóxicas que debemos ter en conta ao integrar as TIC na nosa práctica profesional, cando menos como visión persoal e, polo tanto, parcial, non madurada teoricamente e resultado da vontade máis que da experiencia.

A seguir, durantes as dúas sesións do 18 e 21 de novembro, fixen un repaso por un abano de actividades de aula elaboradas con diferentes ferramentas da web 2.0 (wiki, Timerime, Mindomo, Glogster, Prezi, GoAnimate!, Toondoo, Showbeyond, VúVox, MapVivo e podcast) contextualizándoas na nosa área para comprobar se responden ao traballo das destrezas lingüísticas e microcompetencias máis directamente presentes na nosa materia. Para iso, establecín unha clasificación textual que contempla textos para aprender, textos para se expresar e textos para se comunicar tendo en conta o produto final e a súa intencionalidade comunicativa, malia que esas aplicacións citadas poden empregarse para obter textos moi diferentes.

Para acceder a esta presentación multimedia elaborada con Prezi, hai que premer na imaxe, xa que WordPress non permite embebela, nin sequera a través de VodPod como se facía antes.

Destacaría por riba de todo o catálogo de traballos que recollo na presentación, mentres que para coñecer un itinerario sistemático de relevancia didáctica recoméndovos vivamente esta entrada, e as súas bifurcacións, do blogue Remexer na Lingua.

E con este artigo cumprimos hoxe catro anos de vida deste Caderno de Lingua.

5 respostas a “Análise de distintas ferramentas de creación de contidos educativos na rede

  1. Moitos parabéns polo aniversario!

  2. E que sexan moitos máis abríndonos camiños! Parabéns!

  3. Moitísimos parabéns, a seguir traballando tan ben. Bks.

  4. Grazas polo bo facer e por compartilo! Que útil!

  5. Moitas grazas a vós polos parabéns. E, ademais, a Pilar, polo seu blogue case xemelgo e polo optimismo que transmite; a Xano, por abrir tantos camiños; a María L, por botar unha man sempre que se precisa e por ensinarnos moitas cousiñas que descoñecemos do seu mundo tecnolóxico; e a Sonia…, que hai que facer para que nos concursos de traslados nos digan onde hai unha xefa coma ti?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s