Que a vida non nos sorprenda xamais desprevidos, calados e neutrais

Os centos de docentes que coordinan clubes de lectura nos centros de ensino secundario e que asistiron o pasado venres á IV Xornada dos Clubes de Lectura saben que non camiñan sós, e que o seu traballo, dedicación e profesionalidade é valorado polo alumnado, as familias e o conxunto do profesorado, e comeza a dar os seus froitos. Mais a administración dá mostras en ocasións (por desgraza con bastante regularidade ultimamente) de non acompañar nin valorar o seu labor, poñendo en risco as dinámicas colectivas que tantos recursos, sobre todo humanos, precisaron, de aí que asistamos perplexos e indignados ante a demolición (unha máis) do sistema educativo público.

O seguinte texto mereceu o aplauso unánime das persoas asistentes ao encontro e foi pronunciado por Carmen, impulsora de Nós tamén navegar, clube de lectura modélico do IES Lagoa de Antela de Xinzo da Limia. As súas palabras ben se poderían aplicar á lexislación e aos programas de fomento de uso do galego no ensino, proxectos que, a maiores da constante “tarefa” de desmantelamento que protagoniza a administración, teñen que aturar campañas de criminalización e intoxicación política, como ben saben nese centro: canto e que bo traballo realizan!

PARA QUE SERVE A LECTURA COMPARTIDA?

Un club de lectura crea un espazo de comunicación íntimo que promove o diálogo dende o respecto, provoca a reflexión, potencia a imaxinación, convida a viaxar de balde, contribúe a combater prexuízos e a desenmascarar estereotipos, crea complicidades, esperta a conciencia e a sensibilidade, incrementa a confianza, é un pasaporte ao pasado e ao futuro, favorece o coñecemento da propia identidade e do outro, polo tanto, axuda a aceptar as diferenzas, edifica espazos habitables e tende pontes entre culturas, destrúe muros, sobre todo os que constrúe a ignorancia, compensa desigualdades e contribúe á adquisición das competencias básicas. Ler fainos máis críticos e, polo tanto, máis libres. De aí que estea convencida de que a seguinte fase deste proxecto que é a lectura compartida se instale nas aulas. Como docentes comprometidos co ensino público creo que debemos rescatar a lectura das marxes e integrala no currículo e evitar así que se faga máis profunda a brecha entre favorecidos e desfavorecidos. Pero o camiño cara a ese horizonte non é fácil, máis ben se albisca arduo e cheo de obstáculos, pois, ademais de competir coa poderosa industria do ocio e consumo que vende produtos atractivos pero baleiros de contidos, ou cos medios que difunden vulgaridade e espectáculo, agora, por se fose pouco, debemos enfrontarnos ao inimigo na propia casa: a unha administración que ameaza con someter os proxectos de promoción da lectura a recortes drásticos, a unha administración que fai depender a existencia e continuidade destes proxectos do voluntarismo e da carga horaria do profesorado. Nós non somos heroes nin heroínas, nós só somos obreiros e obreiras da aprendizaxe que queremos desempeñar o noso traballo dignamente e que este sexa recoñecido, nin máis nin menos. Non, nós non somos heroes nin heroínas pero sabemos indignarnos.

E, por último, en palabras de Lois Pereiro: Que a vida non me sorprenda xamais desprevenida, calada e neutral. Porque se eles non nos deixan soñar, nós non os deixaremos durmir.

Este traballo de SonCine, gravado con ocasión do Encontro do PLAMBE (08-04-2011), ben vale de correlato audiovisual para este texto de Carmen.

Vodpod videos no longer available.

2 respostas a “Que a vida non nos sorprenda xamais desprevidos, calados e neutrais

  1. Eu tamén sei indignarme!
    NORABOA, HEROES E HEROÍNAS DO/ECENTES!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

  2. É unha honra que publiquedes o texto aquí.
    Un saúdo.
    Carmen

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s