Un podcast para a aula de lingua

No pasado mes de marzo acudín ao CFR da Coruña para participar en dúas sesións do curso “Internet como recurso na área de lingua galega”, no que compartín relatorios con Pilar Ponte, Xoán Costa e Loli Cid. Baixo o epígrafe “As posibilidades didácticas da web 2.0 para o desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística” tentei mostrarlles aos compañeiros asistentes algunhas ferramentas da web 2.0 que poden aplicarse nas aulas de lingua. Unha delas é o podcast.

1.- Podcast na aula de lingua e literatura

Como podcasting coñécese a distribución de arquivos multimedia, de son ou vídeo, mediante canles RSS que permitan que os usuarios da rede se subscriban ao servizo (iTunes, Blip.tv, PodOmatic, Big Contact…) e escoiten os arquivos en liña ou mesmo os descarguen para seren escoitados no computador ou nutros soportes portátiles de reprodución, tal e como se observa no seguinte esquema:

Para elaborar un podcast precisamos dar estes sinxelos pasos:

  1. Gravar o arquivo de audio empregando un micro ou unha gravadora e un programa de edición como Audacity (ver máis abaixo).
  2. Exportar o audio e editalo como arquivo mp3, ogg, etc.
  3. Subir o arquivo a un servizo web de podcast, onde se pode escoitar e descargar, e que xera un código que logo se poida embeber en calquera blogue ou noutro sitio web.

O potencial educativo dos podcast é alto para a aprendizaxe de idiomas e no traballo da oralidade pois permite elaborar numerosos materiais como gravacións de monólogos, debates, recitados, explicacións da materia, audicións comentadas, audioguías, simulacións de conversas, programas de radio, recollas de tradición oral, entrevistas, etc. para o posterior uso de alumnos e docentes. As seguintes presentacións, ambas da autoría de Luciano Fernández, abordan a utilidade desta ferramenta para o seu aproveitamento na área de lingua e literatura e o desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística.

2.- O programa de edición: Audacity

Audacity é un programa multiplataforma libre e de código aberto que se usa para gravar e editar sons. Permite gravar en tempo real e editar arquivos en diferentes formatos de audio (mp3, wav, ogg Vorbis, etc.), converter arquivos entre diferentes formatos, importar arquivos, agregar múltiples efectos sonoros, facer mesturas, etc.

Para exportar os arquivos en formato mp3 precísase o codificador LAME, descargábel neste sitio.

Audacity ofrece a configuración en lingua galega e, así mesmo, unha versión portábel que non precisa ser instalada no computador posto que funciona dende unha memoria USB.

Temos á nosa disposición manuais en lingua galega, tanto en pdf (Rosa Quinteiro Rendo) como en vídeo (Xacobo de Toro).

3.- O servizo web de podcast: PodOmatic, unha posibilidade

Podomatic é unha ferramenta web para crear podcast en liña. Permite subir un arquivo de audio ou gravalo directamente no mesmo sitio web, mesmo acompañándoo dun vídeo que gravemos a través da webcam. Os arquivos que ficarán aloxados nunha páxina persoal e o “podcast-blog” permiten acompañar cada entrada de audio con texto, imaxes, ligazóns… Para comezar, manuais aquí e aquí, en vídeo e en Issuu.

Unha produción a modo de exemplo: 48º emisión do programa “A fume de carozo” (01-03-11), elaborado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña e emitido por CUAC.FM (preme para ver as interfaces, moi atractivas, deste podcast e do blogue do programa en PodOmatic; WordPress non permite incrustar aquí os códigos flash).

Vodpod videos no longer available.

4.- Experimentando

O noso campo de probas en PodOmatic é Aula de Lingua, onde colguei algúns “falangullos”, termo proposto por Noguerol hai xa uns anos, tomando o recital de Lois Pereiro no Pub Moka da Coruña e a versión musicada do seu poema “Explórote cos ollos”, de Fanny & Alexander, incluído en “Finais dos 70s, comezos dos 80s”. Joanna, unha alumna do Son, prestou a súa voz para esta montaxe sobre un texto de Ramón Cabanillas:

Vodpod videos no longer available.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s