Aproveitando que a Biblioteca e o Clube de Lingua do noso instituto convocaron un Certame de Relatos de Medo e que a ambientación do terror asaltou os corredores do centro, nas aulas de lingua estamos traballando o conto. Prestámoslle unha atención moi limitada á teoría mais tentamos, iso si, achegarnos ás principais características deste subxénero narrativo. En 2º da ESO facémolo a través dunha unidade didáctica que combina a lectura e a comprensión de textos, a reflexión sobre as compoñentes da intriga e o misterio e o coñecemento dos personaxes e os lugares do medo. En 4º das ESO presentamos un obradoiro literario que procura traballar as catro destrezas lingüísticas e motivar a escrita dun conto, tarefa final que tamén culmina o proceso co alumnado do 1º ciclo.
Para acompañar todas estas actividades da materia e do centro, propuxémoslle ao alumnado unha selección de lecturas acaídas para este primeiro trimestre. Como toda escolma arbitraria, nesta listaxe de propostas que titulamos Narrar o medo botaranse en falta autores e obras, mais tentouse conxugar os clásicos do xénero, universais e galegos, con algunhas propostas máis actuais e mesmo algunha, moi pouca, banda deseñada. Destaca a presenza dos mestres ingleses xunto coas traxectorias destacadas de Ánxel Fole e Xosé Miranda nesta temática. Hai lugar, ademais, para un recoñecemento expreso ao traballo de Urco Editora pola súa aposta tan orixinal e ben coidada como arriscada.
Un slide (ver mellor aquí e ampliar zoom) como o seguinte non é o mellor formato para presentar unha proposta de lecturas mais tampouco en Issuu o resultado foi aceptábel. O pouco mimo e o pouco tempo dedicados teñen a culpa.
Pingback: Arredor da lectura « Caderno de Lingua