Por que o Decreto para o Plurilingüismo é ilegal?

O pasado xoves tivo lugar en Lalín a presentación do ensaio Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo (Laiovento, 2010) nun acto convocado por Queremos Galego e o grupo Profes co Galego. Nesta publicación colectiva colaboran maxistrados, avogados e profesores universitarios especializados en diversos campos que, baixo a coordinación do xuíz Luís Villares, botan luz sobre este decreto e analizan, con rigorosidade e polo miúdo, as eivas legais deste novo regulamento aprobado polo goberno da Xunta, que conta co rexeitamento xeral da comunidade educativa e de institucións como Academia da Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega.

O maxistrado Luís Villares Naveira, titular do xulgado de primeira instancia da Fonsagrada e coordinador territorial de Xuíces para a Democracia, encargouse de situar as políticas de normalización lingüística no marco lexislativo actual e de explicar como a xurisprudencia existente xustifica o ensino en lingua galega cunha maior intensidade que a que tivo até o momento.

A seguir, Alba Nogueira, profesora de Dereito da USC, demostra que o Decreto para o Plurilingüismo é contrario a leis e tratados de ámbito internacional, estatal e autonómico, fundamentalmente, a Carta Europea da Linguas Rexionais e Minoritarias e a Lei de Normalización Lingüísitica, sen esquecer a Lei Orgánica da Educación, o Estatuto de Autonomía e a Constitución Española, normas de rango superior que tamén enmarcaron a intervención do xuíz Luís Villares.

Tras Lalín e Redondela, onde recuncaron ao outro día, Luís Villares e Alba Nogueira achegarán nos próximos días esta análise tan necesaria nestes comezos de curso a outras cidades e vilas do país nun exercicio de responsabilidade que procura proporcionar un mínimo de seguridade ao profesorado que vai seguir impartindo as súas aulas en lingua galega. Recomendamos difundir entre o profesorado galego a seguinte presentación, autoría de Alba Nogueira e Manuel Bermúdez (SNL da USC), que resume os principios de ilegalidade do decreto (tamén disponíbel como documento en Scribd).

A presentación do volume Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo foi, así mesmo, unha boa ocasión para convocar unha xuntanza do grupo Profes co Galego, que se organizou durante o verán a través das redes sociais (sitio no Facebook) e que aglutina profesorado das áreas máis directamente implicadas polo decreto 79/2010. A prensa de hoxe recolle unha carta sólida e contundente dirixida por este colectivo ao conselleiro de Educación. No seu blogue poderedes atopar modelos de textos para levar aos claustros e facer chegar ás familias co obxectivo de explicar cales son as razóns polas que o profesorado afectado aposta por seguir impartindo as súas materias en galego.

PD: obsérvese nos vídeos como, nunha reveladora alegoría, ás costas de Luís Villares e Alba Nogueira  se amorean un feixe de bolsas cargadas cos libros de texto do curso anterior, moitos dos cales serán tirados ao lixo por culpa deste decreto, como se os seus contidos xa non fosen aptos en lingua galega.

3 respostas a “Por que o Decreto para o Plurilingüismo é ilegal?

  1. Pingback: Tweets that mention Por que o Decreto para o Plurilingüismo é ilegal? « Caderno de Lingua -- Topsy.com

  2. Animo Román xa sabes que algúns dos pais dos teus ex-alumnos de cuntis estamos contigo. A seguir loitando pola nosa lingua.
    Fuches un dos mellores profesores de galego que pasou por cuntis.Moitos bicos.

  3. Non tes buscador de contidos no blog ou é que eu non o atopo?
    Se non o tes suxíroche que o poñas, axuda moito cando buscas algo en concreto ou, como no meu caso, perdes a páxina na que estabas. Bks.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s