De como as mentiras acaban callando na sociedade… e nos claustros dos centros escolares

ProLingua vén de publicar un manual de autodefensa lingüística que nos é moi valioso socialmente para identificar e desmontar as falacias que existen sobre a lingua galega, unhas máis ou menos enraizadas na sociedade tras séculos dunha poalla incesante de autoodio, outras de nova fasquía que constrúen e propagan os sectores galegófobos contrarios aos tímidos avances no proceso de normalización do noso idioma. Todas elas, en conxunto e sen exclusión de ningún dos prexuízos aos que estamos acostumados, son aproveitados polos resortes do negacionismo político, social, mediático e económico, que queren reservar un lugar inferior, subsidiario do español e estigmatizado para o galego.

Desta selección de mentiras que nos achegan en forma de presentación Pilar Ponte e Xosé Henrique Costas, hai unha, a décimo sétima, á que estamos acostumados na rúa e nas aulas e que tentamos traballar con moita paciencia e pedagoxía, sobre todo, nos contornos galegofalantes. Di así:

Mentira 17: “O galego normativo, o que nos impoñen, non é o que nós falamos. É un galego artificial, aportuguesado, é un neogalego que ninguén fala”.

Ao que nesta presentación se responde, dun modo resumido, a seguinte contraargumentación:

  • Falso. O galego normativo é unha lingua de todos e de ninguén, baseada no galego moderno, popular e literario depurado de castelanismos. Como o son tamén o castelán estándar, e o portugués estándar entre outros.
  • O galego normativo está máis próximo do galego falado en calquera sitio de Galicia do que pode estar o español normativo do castelán falado en Andalucía, Canarias ou mesmo Galicia. As diferenzas son moi pequenas, e consisten sobre todo na recuperación e/ou introdución de moitos termos cultos e científicos que non había na lingua popular.

Pois ás veces non son os rapaces e rapazas os que saltan na aula con este tipo de prexuízos, senón compañeiros e compañeiras de profesión que manteñen unhas actitudes negativas, de maneira consciente ou involuntaria, cara á lingua, e que proxectan, repetimos que querendo ou sen querer, no alumnado.

O seguinte texto, que reproducimos coa autorización expresa do seu autor (ao que lle agradecemos o xesto), responde a esta dinámica, en concreto, a unha discusión que aconteceu nunha sala de profesores dun centro público galego hai apenas uns días. Do ánimo -construtivo- do autor de contraargumentar o prexuízo lingüístico nace esta resposta que nos deixa, con todo, o sabor amargo de ter que se esforzar por explicar o evidente, o cientificamente evidente, e facer tanta pedagoxía social. Pese a todo, nese camiño estamos… e este compañeiro viuse na necesidade de facelo.

De rarezas e risas

O outro día xurdiu na sala de profesores unha viva discusión sobre a palabra ‘colo’, a partir da mesma fago as seguintes reflexións, sen ánimo de ofender. De verdade que sen ánimo de ofender, se non fose así nin me molestaría, simplemente practicaría a indiferenza. Se o fago é porque aprecio as persoas que interviñeron na discusión e porque creo que ás veces cometemos erros inconscientemente ou por descoñecemento, pero que non debemos deixar pasar, porque son estes pequenos erros os máis perigosos, porque pasan inadvertidos.

En galego para referirnos á parte que une a cabeza co tronco dicimos COLO, de aí, por metonimia (igual que sucede en castelán ou noutras linguas), dicimos o COLO DA CAMISA; e o que se pon arredor do COLO é o COLAR.

Moita xente, como o descoñece, sorpréndese e rise, como se fose algo raro ou inventado onte. Por desgraza para a humanidade o descoñecemento é moi atrevido, pero por sorte segue sen estar ben visto.

Pero, vexamos que sucede noutras linguas:

LATÍN

COLLUM (lese COL-LUM)

italiano COLLO (lese COL-LO)
galego COLO / pescozo
portugués COLO / pescoço
francés COL (de obxectos ou prendas) / COU (do corpo)
catalán COLL
castelán CUELLO /pescuezo
romanés GÂT (para persoas) / CEAFĂ (de animal)
Inglés NECK, pero:COLLAR (para prendas de vestir)

detachable COLLAR: colo postizo

soft COLLAR: colo brando

wing COLLAR: colo da gravata de lazo

detachable COLLAR: colo de quita e pon

spare COLLAR: colo de recambio

En inglés o L dobre lese como un L simple

Despois do visto, onde está a rareza? No galego, desde logo que non.

En canto á risa, non estaría de máis lembrar aquela famosa pasaxe do Lazarillo que a seguir transcribo:

De manera que, continuando con la posada y conversación, mi madre vino a darme un negrito muy bonito, el cual yo brincaba y ayudaba a calentar. Y acuérdome que, estando el negro de mi padre trebejando con el mozuelo, como el niño vía a mi madre y a mí blancos, y a él no, huía dél con miedo para mi madre, y señalando con el dedo decía:

—¡Madre, coco!

Respondió él riendo:

—¡Hideputa!

Yo, aunque bien mochacho, noté aquella palabra de mi hermanico, y dije entre mí “¡Cuántos debe de haber en el mundo que huyen de otros porque no se ven a sí mesmos!”

Ben podiamos substituír a palabara “huyen” por “se ríen”.

Así que, temos o dereito (todos nós) a rirnos do que nos apeteza? Vexamos algúns casos e despois saquemos conclusións:

  • Temos dereito a rirnos dunha muller que leva velo, por anticuada? Pode ser, total que raros son, non?
  • Temos dereito a rirnos dunha persoa gorda ou moi delgada ou moi pequena ou demasiado alta, etc., porque non responde aos estándares  de beleza? Claro, que se amole, que fai metida nese corpo?
  • Temos dereito a rirnos dunha muller maltratada porque volve co seu home a pesar de que a maltrata? Por suposto, é que a tipa non aprende, vaille a marcha.
  • Temos dereito a rirnos dunha persoa que é ignorante?  Que aprenda, total nós somos listos.
  • Temos dereito a rirnos da nosa propia ignorancia? Supoño que si, non?, despois de todo o importante é rir.
  • Temos dereito a rirnos da forma de falar doutras persoas ou do seu idioma? Por supostísimo, é que os demais non falan, ladran.
  • Temos dereito a rirnos das súas crenzas, ideoloxía, costumes, etc.? Seguramente, son tan distintos aos nosos!
  • Se cremos que temos dereito a rirnos de todo iso ou de algo do citado deberiamos facérnolo mirar, pode ser preocupante, máximo cando os educadores seica debemos transmitir valores de respecto, tolerancia e interese pola cultura, entre outros.
  • Ás veces, a risa pode ser moi perigosa, pero cando vai acompañada de ignorancia resulta aterradora, porque nos embrutece, fainos manipulables e alimenta monstros e tiranos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s