Unha cortina de fume: sobre as Xornadas de Formación dos Premios á Innovación en Normalización

O pasado sábado 30 de xaneiro os proxectos galardoados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística nos Premios á Innovación en Normalización Lingüística acudimos a un curso formativo que tivo lugar no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela. A inauguración das xornadas contou coa presenza de Anxo Lorenzo e Xosé Graña, subdirector xeral de Innovación Educativa e Formación do Profesorado. A seguir, o Secretario Xeral de PL leu (case literalmente) un relatorio no que  fixo un repaso e “revisión” das que deberían ser as liñas de traballo e as boas prácticas na dinamización lingüística nos centros educativos. Por suposto, non citou nin unha soa vez o termo “normalización”. Ao rematar, abriuse unha quenda de preguntas que derivou nun debate entre o profesorado dos 11 centros premiados e Anxo Lorenzo, un “intercambio de pareceres” moi esclarecedor dos posicionamentos que rexen a política lingüística oficial para o ensino. En breve, daremos conta máis polo miúdo, e co apoio das imaxes, do contido dese relatorio e, sobre todo, do bate-papo posterior. Logo, tocoulle a quenda a Felipe Zayas, que disertou na súa palestra acerca da competencia en comunicación lingüística e mais na competencia dixital. Con todo, e co inmenso respecto que merece o seu traballo, precursor e referencial para moitos de nós, se cadra os asistentes precisabamos unha formación máis específica no ámbito da normalización lingüística. Cando menos, isto foi o que se puido escoitar entre o público. Logo pasamos á parte máis interesante e verdadeiramente enriquecedora, a exposición dos proxectos premiados (este é o noso).

Tamén se sentiron outras queixas. Comentemos, de entrada, a proxección mediática destas xornadas. Como novidade, pois nunca se dera nas edicións anteriores deste curso formativo e polo xeral nos cursos presenciais para o profesorado, a TVG cubriu o evento, para ser máis exactos a inauguración e o relatorio do Secretario Xeral. Os telexornais do día deron boa conta da noticia. No entanto, o comunicado de prensa da SXPL non tivo eco nos medios escritos ao outro día, domingo, no que si tiveron proxección estas declaracións.

A súa intervención e a nota de prensa oficial non casan moi ben cos contidos dos proxectos que alí se expuxeron, evidenciando que hai unha ausencia total de sintonía entre o labor que moitos docentes, claustros, ENDL e equipas directivas están desenvolvendo sobre o terreo no día a día e as liñas estratéxicas do departamento que debería impulsar o seu traballo… e, o que é peor, as mensaxes que envía á sociedade. Así o expresa un dos participantes no seu blogue:

Ao señor Anxo Lourenzo

Leo con sorpresa na páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística: “..Iniciativas innovadoras para promover o uso da lingua galega. Os proxectos galardoados cos Premios de Innovación en Normalización Lingüística destacan, principalmente, por promover o uso do galego a través da introdución do audiovisual nas aulas, do achegamento ás novas tecnoloxías e da posta en valor do multilingüismo. As iniciativas gañadoras botan man de diversos medios, como campañas de difusión, blogues, obradoiros, teatro radiofónico e mesmo festivais escolares de cine, entre outros. Así mesmo, todas elas se caracterizan pola súa colaboración con diversas entidades culturais, asociativas, empresarias, deportivas etc…”

Ninguén discute o plurilingüismo como principio para a aprendizaxe das linguas. Pero a xente que alí estaba, con maior ou menor acerto, que supoño eu que houbo de todo, fundamentalmente o que puxo en valor foi o uso do galego na educación, sinalando a necesidade de fomentar o seu coñecemento e de afondar en novas formas de traballar coa lingua galega, especialmente a través dos proxectos galardoados.

Resulta sospeitoso que as informacións se modifiquen ao gusto de quen as emite. Mellor dito: non resulta sospeitoso, resulta patético e vergoñento.

Eu estiven alí, lin varios proxectos, e o acento que se pon en todos eles é a importancia de fomentar o uso do galego, niso si que destacan a maioría.

Nestas estamos, pouco hai que engadir, agás a carta que os ENDL premiados fixemos chegar a Anxo Lorenzo e aos medios para expresar a súa postura ante este despropósito.

Os ENDL galardoados nos Premios á Innovación en Normalización Lingüística puxeron en coñecemento do Secretario Xeral de Política Lingüística a carta que reproducimos máis abaixo no trascurso das Xornadas de Formación dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística, que tiveron lugar no día de onte, sábado 30, no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela.

Señor secretario xeral de Política Lingüística:

Reclamamos a súa atención para unhas breves consideracións que queremos transmitir ao goberno galego e que recollen o noso sentir unánime. O sentido da responsabilidade e o respecto que nos merece a súa persoal traxectoria docente e investigadora serán o contrapeso que nos permita conseguir continencia verbal á hora de lle expresar o noso malestar.

Aínda que para vostede non sexa agradábel escoitar as nosas queixas –e tampouco para nós formulalas-, temos a obriga moral de transmitirllas aquí e agora. Coa máxima cordialidade e co máximo respecto, nesta que debería ser xornada de xúbilo, temos que alzar a nosa voz para clamar contra a involución manifesta (redución do número de premios; dotación económica testemuñal; cambios regresivos na convocatoria de axudas para os equipos de normalización; actitude de desprezo polo patrimonio literario por parte do conselleiro do ramo; e, como colofón, as chamadas Bases do Decreto do Plurilingüismo).

A que era tenue e incipiente normalización nos centros foi posíbel grazas á implicación de profesoras e profesores comprometidos, ás veces para o alumnado os únicos referentes de uso do galego en todos os ámbitos. Con que fin pretenden que este profesorado teña que renunciar á docencia vertebradora? Cal é o fin de que se pretenda responsabilizar do ensino en galego a determinadas persoas sen competencia nin motivación para esta encomenda? A mellor garantía da presenza normalizada do galego no ensino é o profesorado que leva varios anos desenvolvendo en galego a docencia e a vida. Mais este histórico contributo de recuperación da identidade colectiva será cercenado polo marco legal proposto, que acentúa os comportamentos diglósicos e nega a posibilidade de ofrecer ao alumnado modelos de usos lingüísticos normalizados.

Por todo o exposto, os representantes aquí presentes dos Equipos de Normalización Lingüística que están a desenvolver en colexios e institutos proxectos cuxa calidade ten sido recoñecida nos premios de innovación convocados pola Secretaría que vostede dirixe solicitámoslle a retirada destas bases e o mantemento do Decreto en vigor, o que desenvolve as medidas consensuadas no Plan de Normalización da Lingua Galega e o máis axeitado para poder cumprir a tarefa que a propia administración educativa nos encomendou: promover o galego para normalizar o seu uso entre a comunidade educativa, asentando así as bases dun ensino plurilingüe.

Asdo.:

Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010

Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Aguiño (Ribeira), CEIP A Gándara (Carballo), CEIP A Pedra (Bueu), CEIP Bergantiños (Carballo), CEIP Quintela (Moaña) IES Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sardiñeira (A Coruña), IES Félix Muriel (Rianxo), IES Perdouro (Burela), IES Rodeira (Cangas) e IES de Porto do Son (Porto do Son).

Seguiremos en breve coa crónica anunciada e con outras consideracións relacionadas.

Unha resposta a “Unha cortina de fume: sobre as Xornadas de Formación dos Premios á Innovación en Normalización

  1. Moitas grazas pola crónica Román. Cómpren este tipo de actuacións día tras día para que non luxen as mans daquelas persoas e entidades que seguides a traballar día tras día pola normalización da nosa lingua e pola dignidade do noso país.
    Parabéns polo proxecto e polo traballo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s