A unidade didáctica Linguas cruzadas xa está na rede

María Yáñez Mónica Ares

Portada da UD Linguas Cruzadas

Medio ano despois da súa pobre distribución nos centros de ensino (unha unidade para cada centro e ausente das librarías do país), a unidade didáctica Linguas cruzadas, editada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, xa está disponíbel para a súa consulta e descarga na rede. Ana Iglesias, profesora de Lingua Galega e especialista en sociolingüística, elaborou este traballo a partir do documental de María Yáñez e Mónica Ares, que se estreou na Galega o 17 de maio do ano 2007.

Linguas cruzadas é un interesante e ameno filme que se aproxima á conflitiva situación sociolingüística do noso idioma a través dos ollos da mocidade, de mozos e mozas de 30 anos que falan con sinceridade e nun ton moi próximo, distendido e sincero sobre a súa relación coa lingua, os seus usos, o seu futuro, os prexuízos existentes ou o papel da escola, enfiando preguntas e respostas nunha sorte de batepapo de corpo ausente moi ben guionizado e dirixido polas súas autoras.

A unidade didáctica de Ana Iglesias aproveita este estupendo material para traballar na aula de Lingua Galega. Contén un caderno para o alumnado e outro para o profesor e estrutúrase nun pequeno bloque de actividades previas ao visionado, que definen o perfil lingüístico, as actitudes e os coñecementos sociolingüísticos do alumnado, e nun bloque de actividades posteriores ao documental. Esta parte céntrase nos prexuízos lingüísticos que dan unidade ao filme (os neofalantes, as variedades lingüísticas, o uso do galego nos diferentes espazos sociais e nas manifestacións artísticas máis próximas á mocidade, etc.) así como no achegamento a conceptos como bilingüismo e plurilingüismo ou ao papel dos falantes como motores activos para o futuro da lingua. A lectura de textos de autores como Séchu Sende ou Manuel Núñez Singala, pequenas tarefas de busca de información, lectura de gráficas, pequenos xogos de roles, etc. posibilitan a abordaxe parcial desta unidade que en conxunto constrúe unha percepción bastante aproximada da realidade social, e persoal, da lingua no alumnado.

Fan falla aínda moitos materiais que veñan suplir o baleiro que existe na abordaxe de contidos sociolingüísticos, xa en formatos semellantes a este, como o “documento” (sic.) En galego, por que non? Contra os prexuízos e as simplificacións sobre a lingua galega, de Núñez Singala, publicado tamén por Galaxia en colaboración coa SXPL, xa explorando as posibilidades que abren as novas tecnoloxías, como podedes ver nesta dinámica ou no caderno Os camiños das linguas, ambos da autoria do profesor Luciano Fernández.

Pregunta: por que os materiais de Ana Iglesias e Manuel Núñez Singala non foron publicitados no apartado de novas da SXPL ou nos boletíns do Observatorio da Lingua Galega?

Nota: nun post anterior incluía un breve guión sobre Linguas cruzadas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s