A enchermos Compostela

Fonte: Xornal de Galicia

Fonte: Xornal de Galicia

Este vindeiro domingo temos unha cita ineludíbel en Santiago de Compostela para asistir á convocatoria da plataforma Queremos Galego, manifestación que pese a contar co apoio explícito dos partidos da oposición e doutras organizacións políticas extraparlamentarias, de sindicatos e de medio milleiro de colectivos de todo tipo e de todos os puntos do país, está a pasar desapercibida nos medios de comunicación de referencia, nomeadamente a televisión e a radio galegas.

Malia todo, nos últimos meses estamos asistindo a unha reactivación da mobilización social en torno ao idioma como non se vivía dende, practicamente, finais dos anos oitenta. Polo tanto, para moitos e moitas da miña xeración esta  situación de efervescencia é nova. Como sociedade, e salvando determinados momentos puntuais e  o traballo de colectivos concretos, andabamos anestesiados na falsa “pax lingüística” que nos facía crer en mundos irreais que non existían mentres o conflito lingüístico se agudiza(ba) e a substitución lingüística se acelera(ba) até limites dramáticos. Son precisamente determinados sectores políticos, sociais e económicos os que quitaron as caretas para, lonxe da cordialidade e as palabras doces que durante anos fomos asimilando (para non incomodalos) como actitudes para lograr o avance social do galego, espertar as conciencias cos seus ataques frontais aos dereitos democráticos dos galegofalantes.

Poderiamos citar o retroceso na administración pública cando aínda existen espazos vetados para o galego, a exclusión de facto da lingua no ensino coa volta a marcos lexislativos xa superados, os recortes en todas as vías de impulso do galego nas industrias culturais (libros, artes escénicas e audiovisuais, música, feiras sectoriais, etc.),  o eterno retorno a polémicas intereseiras e acientíficas como a da toponimia, o abandono (programación cultural e infantil, informativos en castelán, dobraxe, etc.) do papel estatutario da CRTVG como motor para a normalización do da cultura e o idioma que lle dan sentido á entidade, o abandono de programas pioneiros para a introdución do galego nas novas tecnoloxías, o cuestionamento da LNL e o PXNLG e até a fin dos usos ritualizados no ámbito institucional. Son todos eles pasos atrás que se sosteñen nun discurso galegófobo de tintes reaccionarios que lle reserva ao galego, daquela aos galegofalantes, un lugar secundario na sociedade onde os nosos dereitos pasan a ser conculcados sistemática e legalmente. Caíron certos clixés, veuse abaixo o discurso politicamente correcto de todos estes anos, desevendáronse aqueles que nunca aceptaron o proceso lexítimo e democrático que aspira a equiparar o estatus xurídico e social do galego respecto do castelán.

Recoñecendo os erros propios do movemento galeguizador, en canto ao discurso, a estratexia e a praxe, semella que a mobilización social comeza a callar con diversas propostas que converxen nun único obxectivo, a defensa e promoción da lingua galega. Á andaina de Queremos Galego súmase a plataforma ProLingua, presentada en sociedade o pasado sábado 3 de outubro; a iniciativa Galego. Patrimonio da Humanidade, que nos convoca para o 14 de novembro en Santiago; a marcha socializadora de Convers-ando;  ou os movementos reintegracionistas agrupados en torno ao Manifesto pola Hegemonia Social do Galego e Galego Sempre Mais.

E, por riba de todos estes encontros colectivos, aos que habería que engadir outros moitos que xurdiron dentro e fóra do noso país, o compromiso individual de cada persoa coa lingua.

2 respostas a “A enchermos Compostela

  1. Pingback: Dinamiza Caramiñal | Co galego hai máis futuro

  2. Pingback: Sarmenteiros da lingua en Pontevedra « Caderno de Lingua

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s