Makinaria

Milleiros e milleiros de mozos arremuíñanse cada fin de semana onda as pistas de terra por onde as poeiras deixan entrever o paso fugaz dos coches de competición. Son os mesmos malotes que buscan a seguinte carreira no GZrally.com e devoran as montaxes do Galiza a ras da finde na Galega. Son os que procuran converterse en heroes da disco o sábado á noite tras xogar no gume da navalla do asfalto, o alcohol e o techno nas madrugadas da comarca. Veñen sendo os que converten o tunning nunha relixión que reclama o salario de todo un mes no andamio.

Aceleracións de vertixe, cheiro a goma queimada, entrarlle á morte en cada curva.

Ferro a fondo, “monta comigo, nena, agora e xa”, cheiro a gasolina, a euforia da cocaína, rebentar cos decibelios.

E a historia non ten final feliz, como tantas que se suceden no telexornal. Aquela foi a curva derradeira, rematou a partida real no Need for Speed.

“Ti non entendes nada, Mamá”. Claro que entendía a vella, foron moitas noites de insomnio a agardar pola presentida chamada do 061. Podía ser. E foi.

Así é Makinaria, un libro a cara descuberta, espido, real. Un feixe de versos sen moralexa pero doloroso, que por iso mesmo consegue chegar ao lector, interpelalo e, se cadra, lograr que chegue a vello, como desexa o autor para os rapaces de Dodro que lle descubriron o segredo do risco e a velocidade. Versos que contan historias, a vida de moitos mozos que pode que se recoñezan nun poemario, o que non é pouco.

Thunder Road

Deixa
que os motores
ruxan salvaxes
imos xuntos
queimar
a madrugada
esnifar
unhas cantas raias
da estrada

a tope
cos malotes de sempre
a arrasar
nena
a arrasar
que o día de maña
din que nunca existiu

e ti tes uns ollos azuis
e flipantes
e eu un burato de medo
no medio da chapa do peito

que se cadra ti
esta noite
es quen de encher

agora
corpo a corpo
antes de que oxiden
as horas e a vida
sexa
fume de tubo de escape
unha derrapaxe
en falso
na seguinte curva.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s