O Planeta ENDL no Galicia Hoxe

O xornal Galicia Hoxe dedica unha ampla reportaxe na súa sección “Maré” ao recén creado Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que botamos a andar dende o ENDL do CPI don Aurelio a semana pasada. Ademais de dar conta do funcionamento, dos obxectivos e dos contidos desta ferramenta, a xornalista Vanesa Oliveira recolle as declaración do coordinador do noso equipo a respecto da intención do novo goberno galego de derrogar o Decreto 124/2007.

En galego, en contacto

Con máis de 70 webs subscritas nunha semana, o Planeta de Equipos de Normalización Lingüística é unha nova ferramenta para saber “ao día todo o que acontece en relación coa lingua”

En só unha semana, máis de 70 páxinas web xa se uniron ao Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (ENDL) que impulsa Román Cerqueiro, profesor no CIP Aurelio M. Rei García de Cuntis e coordinador do ENDL do centro. A partir da aplicación da rede chamada Planetaki -unha rede de actualizacións dos portais máis visitados- xúntanse nun único sitio web as bitácoras e blogs que comparten traballo en defensa da lingua. “O planeta é apenas iso: baleirar nunha mesma páxina toda a información que xeran os blogues e webs dos ENDL. Foi un compañeiro do IES da Pobra, Luciano Fernández, verdadeiro motor do ensino da lingua galega en relación coas TIC, quen falou da posibilidade de crear unha páxina deste tipo logo de que eu compilase medio cento de enderezos nunha entrada do meu blogue, o Caderno de Lingua”, explica Cerqueiro.

A idea de converxer en espazos de encontro que deran a coñecer o labor dos ENDL é “unha reflexión compartida por moitos profesionais do ensino comprometidos coa normalización do idioma”. Unha necesidade expresada nos foros nos que coinciden os traballadores dos Equipos de Normalización que desenvolven “unha programación anual de actividades que supón unha carga de traballo moi elevada e marcada por un alto grao de voluntarismo”.

Este “Planeta” de relacións permite coñecer as experiencias que se están a desenvolver noutros centros, de maneira que se constitúe nunha ferramenta co fin de “estabelecer dinámicas de cooperación para rendibilizar os recursos, especialmente, os humanos e canles de contacto estábeis”.

O Planeta funciona dun xeito sinxelo. “Abonda con entrar e deixar o enderezo”, apunta o profesor. A maioría das webs que se poden atopar son “blogues de equipos, mais tamén agregamos páxinas de referencia como as canles de lingua de Vieiros ou Chuza, a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, a Coordinadora de Traballadores da Normalización da Lingua (CTNL) ou Servizos de Normalización dos concellos”. As bitácoras dos ENDL dan a coñecer as súas actividades como concursos, revistas escolares ou reflexións do alumnado pero tamén hai “un caudal importante de información sobre a actualidade da lingua, que é fundamental para mantérmonos ao día de todo o que acontece en relación co galego, dende a aparición dunha ferramenta nova até a actualidade cultural do país, pasando por reflexións de tipo sociolingüístico.”

“Non se aposta por levar a tensión lingüística á xente”

Ao ver de Román Cerqueiro, o traballo dos equipos “non pode ficar entre as paredes das escolas e dos institutos, ten que chegar na medida das nosas posibilidades a toda a comunidade escolar e ao contorno dos centros, pois realizan un labor positivo para o ­desenvolvemento educativo e cognitivo do alumnado e de toda a sociedade, que posúe na lingua galega un extraordinario valor cultural e comunicativo”. A principal eiva que invisibiliza o seu traballo reside “en nós mesmos, no feito de non apostar pola comunicación para (e)levar a tensión lingüística, en termos construtivos, á sociedade”.

Como en boa parte dos centros escolares galegos, o colexio Aurelio M. Rei de Cuntis conta dende hai máis dunha década cun Equipo de Normalización. Os alumnos deste centro “forman parte dos equipos, formulan propostas, toman decisións e participan no desenvolvemento e a recepción das actividades”, aínda que “non é sempre fácil incorporalos activamente aos proxectos”.

Nos últimos dous cursos, “vimos apostando polo traballo das competencias lingüísticas activas con obradoiros de teatro, de improvisación oral, de hip hop, organización de obradoiros de fotografía, deseño, graffitis e blogues, ademais de dotar o alumnado de competencia nas TIC”. De feito, traballan nunha rede social privada para dinamizar o intercambio co IES Lamas de Castelo de Carnota. Tamén crearon no centro unha fonoteca, unha comicteca e unha videoteca en lingua galega. “Estamos a participar na creación da Coordenadora de ENDL das Terras do Umia con centros de Caldas, Portas e Moraña”, conclúe o docente.

MEDIDA POLÉMICA
Derrogar o decreto, “unha involución”

Román Cerqueiro lembra que os ENDL “foron creados no seu día polo Partido Popular e no Decreto 124/2007, que materializa no ensino medidas recollidas no Plan Xeral de Normalización impulsado polo Goberno de Manuel Fraga e aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en 2004, recoñécese administrativamente a figura do coordinador ou coordinadora dos equipos por primeira vez”.

O decreto do galego no ensino incorpora “a obriga de elaborar un Proxecto Lingüístico de Centro”. Por iso, Cerqueiro coida que “a promesa de Núñez Feijóo de derrotar este decreto e a súa ruptura unilateral do consenso lingüístico augura unha involución evidente”. Na súa opinión, “se un instrumento que trata de xestionar o patrimonio lingüístico dotando de competenia plurilingüística o alumnado é derrogado por Núñez Feijóo baseándose nos prexuízos, en falsidades pedagóxicas e intereses políticos dunha minoría que estabelece un lugar secundario para o galego, estará rachando a cohesión social promovendo a segregación idiomática nas escolas”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s