Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística

Hai agora tres meses comezaba unha recolla de blogues e webs, tamén de revistas dixitais e outros materiais, dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino. Aquela listaxe provisional nacía coa vontade de medrar coa achega de novos enderezos e baixo a premisa de coñecer e compartir o labor que moitos compañeiros e compañeiras, e o alumnado, están a facer por todo o país a prol da lingua dende o ensino. Como diciamos daquela, “non están todos os que son nin son todos os que están”, mais xa andamos sobre as 60 páxinas e recursos e teimamos na necesidade de que todo o mundo publicite, xa sexa a través das páxinas oficiais dos centros ou de blogues dos equipos, o que se está a facer. As razóns son varias.

Por unha banda, faise necesario visibilizar o labor dos equipos a nivel social e apostar pola comunicación, ben mediante os medios de comunicación ben por medio da rede porque hai que (e)levar a tensión lingüística, en termos construtivos, á sociedade. Por outro lado, é preciso compartir entre os ENDL as experiencias propias e aprender das alleas, sobre todo, cando se trata de actividades contrastadas, establecendo dinámicas de cooperación para rendibilizar os recursos, especialmente os humanos, e canles de contacto estábeis sen agardar polas iniciativas institucionais. Estes encontros promovidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística son positivos mais non deixan de ser espazos limitados e pouco áxiles para o intercambio de experiencias. Tamén hai que valorar positivamente os  Premios á Innovación en Normalización e Dinamización Lingüística mais na maioría das ocasións levamos a cabo accións máis modestas e puntuais que, de seguro, xa fixeron outros antes ca nós.

Neste sentido, hai que apostar por crear plataformas supramunicipais como as Coordinadoras de ENDL do Salnés, de Ferrolterra ou do Barbanza, programas conxuntos de actividades entre centros do mesmo concello como fan en Ogrobe ou pequenas accións comúns como os intercambios que van a máis nos últimos cursos. Se cadra, xa estamos dando pasos cara a unha necesaria plataforma a nivel nacional. De momento, temos a rede, que facilita moito os contactos e acceder á actualidade dos ENDL. Para iso, bota a andar este Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, que se actualiza constantemente volcando nun mesmo espazo as mensaxes de bitácoras e páxinas que comparten unha temática común, neste caso, o labor dos ENDL, aos que lle engadín as novas relacionadas coa lingua de galego.org ou Chuza, a actividade e as novas da CTNL ou da Área de Normalización da Universidade de Vigo, etc. Polo de agora, hai 65 webs asociadas, que siga medrando e sexa útil depende de todos/as. Se botades en falta unha web ou se unha das subscritas xa non está operativa non tedes máis que deixar unha mensaxe nesta mesma entrada ou enviar un correo a landin@edu.xunta.es

Advertisements

2 respostas a “Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística

  1. Obrigados por levar adiante esta rendíbel iniciativa, ante a pasividade institucional. Un paso necesario na ampliación dos intercambios para a mellora do labor dinamizador.
    Cómpre facer máis visíbel este planeta vizoso. Chuza xa está a contribuír á súa difusión.

  2. Olá, noraboa polo esforzo. Eu aparte de profe de lingua e galego, teño ideas e actividades que compartir :

    – Teño unha exposición miña sobre “tópicos contra a nosa lingua” en formato folio (son 30 e cando queirades).
    -Estou a traballar (sen acabalo) un traballo aplicado sobre o hip hop e as regueifas aplicados ás aulas.
    – Levo 4 anos sorteando a camisola da selección galega por onde ando e reparto textos meus sobre o tema.
    -Levei un ano ao Garcia (cantante de Dios Ke te crew) que lles falou aos rapaces sobre o rap , sorteei un cd desles e ben!
    – En fin, iso e algo mais pero teño que seguir vendo a páxina antes de repetir cousas que fixestes vos… Un saudo!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s