Non só nos separa o Shanghai Express

A edición bergantiñá de La Voz de Galicia recollía onte unha serie de reflexións de interese sociolingüístico de Sonia Varela, amiga e profesora de lingua galega na Universitat Autónoma dende hai sete anos. O mítico tren Shanghai que une A Coruña e Barcelona facía eterna e tediosa a viaxe de moitas xeracións de emigrantes galegos mais, así mesmo, para un paisano da Costa da Morte o Shanghai facía tan familiar e próxima a cosmopolita cidade mediterránea coma unha parroquia veciña. Con todo, por estes camiños de ferro non chegaron ao noso país as querencias do pobo catalán polo seu idioma. Galiza e Catalunya, dúas realidades sociolingüísticas semellantes mais tamén diferentes. Por coñecidos non deixa de ser necesario lembrar estes lugares comúns.

«Desanima moito ver como se vai perdendo o galego entre xeracións»

Ensina galego na Universidade de Barcelona, e ponlle voz ou corrixe material didáctico que chega de Cataluña

Aínda hai moita xente que se sorprende de que Sonia ensine o galego fóra de Galicia. ¿Para que? Máis aínda cando se enteran de que é profesora nunha universidade, na Autónoma de Barcelona. ¿Ensinando galego fóra de Galicia, e ademais, nunha universidade?

Pois moita máis sorpresa se levarían os escépticos se soubesen que hai máis de 30 universidades (non españolas) de todo o mundo nas que se imparten clases da nosa lingua. Ou que, en España, Barcelona é un dos grandes centros de espallamento do idioma. Case non hai curso académico, sumando todos os niveis e asignaturas que imparte, no que Sonia non teña polo menos un cento de alumnos.

Sonia é profesora de Galego na Universidade Autónoma de Barcelona. Agora está como asociada, pero chegou a ela no 2002 (en setembro) como leitora. Dá clases en cinco asignaturas de Lingua e en catro niveis do Celga, o certificado ao que optan moitos que veñen ou voltan (ou sinxelamente queren) a Galicia. Non todo é dureza curricular: no ensino do galego hai tempo para as festas, os concursos literarios, as vinculacións cunha morea de asociacións…

Chegou a Barcelona tras pedir, no programa e leitorado da Xunta, a Cidade Condal e Oxford. Está claro cal foi o destino que lle tocou. Antes, tras licenciarse en Filoloxía Galega en Santiago, fixera o CAP, cursos de doutoramento e certos traballos e investigacións. Pasou polos centros Ramón Piñeiro e Instituto da Lingua Galega, e tamén lle dera clases a estranxeiros na Universidade compostelana.

Con seis anos en Cataluña, xa se poden facer balances axeitados. «A experiencia é interesante e enriquecedora». Aprendeu moito: «Non só de Cataluña. Cando chegas a outro país descobres moito del, pero tamén do teu. Aprendes cousas de Galicia, como nos ven, e serve para mirar con outros ollos».

Cando volve, e faino sempre por vacacións, segue vendo situacións que lle chaman moito a atención no que atinxe á lingua. «Desanima moito ver como se vai perdendo o galego entre xeracións, que non pase dunha a outra. Non se mantén esa transmisión educativa, porque non valoran o que teñen. Ver como pais galegofalantes educan aos fillos en castelán. Iso é síntoma de que aínda hoxe, e con todo o que se mellorou, pasa algo, é que hai aspectos non superados».

Diferenzas

Este panorama, por exemplo, non o ve en Cataluña. «Aínda teño por ver o primeiro caso de que uns pais catalanofalantes eduquen aos fillos en castelán, sería algo rarísimo». ¿E ao revés? «Hai pais que falan en castelán e aos fillos tamén llo falan, pero o curioso é que os rapaces van desenvolver o seu ámbito de vida en catalán e só manteñen o castelán cos proxenitores». Con este panorama enténdese que aquí en Galicia haxe xente que se abraie con que unha galega ensine galego en Cataluña. A Sonia dóelle constatar que aínda hai moitas persoas que non se decatan da riqueza que é ter varias linguas.

Ela, por exemplo, tamén fala catalán. Fixo os cinco cursos da Escola de Idiomas. E gústalle. Parécelle normal telo aprendido ao establecerse nun lugar que ten outro idioma. «Son máis facilidades para todo, estás menos limitada, coñeces máis xente e ademais, alí agradéceno moito se ven que te esforzas en aprendelo». É consciente de que no resto de España (aínda que sexa un debate que trascende o lingüístico) existe un certo rexeitamento a Cataluña, «que incluso se ve en Galicia». Pero non o entende.

Está claro que o galego apréciase polo menos en ámbitos universitarios barceloneses. Pero, coñécese Galicia? E saben os seus alumnos, amigos e colegas docentes onde está a súa terra, Carballo, a Costa da Morte? «Máis ou menos. Eu teño que situar a zona co triángulo Costa da Morte-A Coruña-Santiago. Así xa se decatan». Ela tamén pode dicir que é de Roure (carballo, en catalán).

A docencia universitaria non consome todo o seu tempo. Ao contrario, vendo o seu prograna de actividades, o que un se pregunta é de onde saca tanto.

Sonia ten, de sempre, unha vis dramática que saca de cando en vez. Foi a unha escola de interpretación, voz e danza, e ten participado na elaboración de contos e libros de relaxación para nenos, nunha campaña contra as drogas de La Caixa, en anuncios publicitarios en galego, na revisión de textos para editoriais, en temas de tradución… É curioso que teña que traballar en galego, con produtos para Galicia, dende Cataluña, pero deixa de selo tanto (e xorden outras reflexións) ao saber que iso é normal xa que alí hai moita industria editorial e, en Galicia, non a hai. Unha curiosidade. Sonia, e unha compañeira, fixo as correccións das traducións ao galego do famoso O Código da Vinci e Anxos e demos , do escritor Dan Brown. Non se vendiu tanto como a versión en castelán. Pode que se deba, entre outros motivos, a que a edición galega saiu moito despois que as castelán do best-seller. Nada que ver con Cataluña, onde son simultáneas.

Outra diferenza máis entre a xente aquí e de acolá.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s