Á caza do ghazafello lingüístico!

O texto da imaxe xa dá unha idea bastante aproximada desta actividade que comezamos nas aulas de Lingua Galega de 3º da ESO, para ampliar a 4º e ao meu agrupamento específico de 2º. Todos sabemos que nas zonas galegofalantes o alumnado que usa o galego de maneira habitual, en Cuntis unha porcentaxe moi alta, fala unha lingua de base oral e moi coloquial que, malia ser de boa calidade fonética, sintáctica e morfolóxica en liñas xerais, amosa un léxico fortemente castelanizado. Ademais, trátase dun alumnado con bastantes carencias á hora de artellar un discurso formal e culto na súa lingua, sendo este un tipo de rexistro que soen identificar co castelán.

Ser como era algo notorio até o de agora non o enfrontara con ningunha actividade especial, agás certas pautas que se presentan na aula ao comezo de cada curso, tales como “valorarase o uso dun galego correcto libre de interferencias lingüísticas”, ou algúns exercicios para traballar os castelanismos. No entanto, nestes días pasados déronse unha serie de circunstancias que dun día para outro cristalizaron nesta actividade. É moi simple: consiste en colgar unha táboa cos nomes do alumnado e mais do profesor no taboleiro que hai ao final da aula. Cando un/unha alumno/a detecta que alguén na aula, incluído o profesor, introduciu un castelanismo léxico ou morfolóxico (plurais, xénero, formas verbais…) e mesmo sintáctico (colocación incorrecta do pronome, o que é moi raro), tanto se está a falar para todo o grupo como se fala co compañeiro do lado ou a compañeira de diante, anótao nunha fichiña. No último minuto da clase faise un reconto e anótanse o número de ghazafellos na cartolina que hai no taboleiro. Só hai que ter en conta unha serie de regras:

– Enténdense como castelanismos susceptíbeis de ser recollidos todos aqueles que o propio alumnado recoñece como tales xa que é moi habitual que nun exercicio de recoñecemento escrito os detecten mais na súa fala non os eviten.

– Iranse incorporando todos aqueles campos semánticos e demais léxico que saia na aula, ao tempo que as formas verbais e outras cuestións menos evidentes aos ollos do alumnado.

– Nas primeiras sesións hai que deixar ben claro que esta actividade non debe entorpecer o normal desenvolvemento da aula, así que despois dun primeiro barullo comprensíbel o alumnado xa leva conta das correccións en silencio e individualmente. Pódese repartir unhas pequenas fichas dedicadas a este fin para que apunten os cazapos.

– A propia dinámica vainos/lles ensinando que hai determinadas expresións e léxico coloquiais xa fixados ou comentarios feitos en castelán cunha finalidade moi conccreta (a típica inclusión irónica do castelán nunha conversa ou nunha imitación) que non entran no catálogo de “ghazafellos lingüísticos”.

– Os resultados son tidos en conta na avaliación da materia con diversos matices (non todos/as interveñen por igual, por exemplo) e a propia actividade provoca por si mesma unha reflexión máis pausada no/a alumno/a que vai intervir que é de agradecer xa que beneficia o propio discurso oral.

– Máis alá da cualificación, haberá uns agasallos ao final do trimestre e os avances detéctanse rapidamente fóra das aulas onde os típicos “ejemplos” e “gallego” van deixando paso aos correctos “exemplos” e “galego”.

Por que “ghazafellos lingüísticos”?

Podería ser “a caza dos cazapos” mais paréceme un calco da expresión castelá “cazar gazapos”. O de ghazafellos vén motivado por unha recente estadía de dous días nas Fragas do Eume, que facemos a comezos de curso como unha actividade das titorías. Camiñando á beira do río, saltou o tema dos ghazafellos, que é como lle chaman aos biosbardos en Cuntis (ademais de ter outros significados). Como unha profesora non coñecía os ghazafellos varios/as alumnos/as comezaron a facer unha auténtica tipoloxía destes seres: de aspecto, de costumes, de anécdotas “reais” vividas por eles/as… sen revelar a realidade do “xogo” dos biosbardos. Tan ámena nos foi a camiñada que quedamos en editar un breve libriño sobre os ghazafellos e, ao final, incorporámolos tamén dalgún xeito a esta actividade de aula.

Por que copiar a campaña Chámate con xeito?

A posta en marcha do noso Fala con xeito servía, en primeiro lugar, para dar a coñecer esta iniciativa da universidade viguesa. Así, o día que se puxo en marcha o profesor entrou na aula cun mandil da campaña xunto cun alumno que vestía camisola e viseira tamén da campaña, que se explicou polo miúdo. En segundo lugar,  para establecer unha analoxía entre as raíces históricas do proceso de castelanización da onomástica galega e os prexuízos do uso dunha lingua inzada de castelanismos para o propio futuro do idioma. Ademais, repartíronse autocolantes da campaña e temos previsto indagar na onomástica do alumnado aproveitando recursos como este ou a Cartografía dos Apelidos de Galicia.

Unha actividade relacionada

A maiores, e xa que o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística ten previsto editar unha Guía de Léxico Escolar, comezamos a etiquetar na aula aqueles obxectos e mobiliario que habitualmente definimos cun castelanismo (ventá, xiz, taboleiro, andel, regra, etc.) e, así mesmo, sairemos polo colexio adiante para facer o mesmo. Algo semellante fai o ENDL do IES A Cachada de Boiro coa iniciativa Uso de non castelanimos.    

Advertisements

3 respostas a “Á caza do ghazafello lingüístico!

  1. Sorte e boa cazata. Non deixedes ghazafellos nin para a mostra.
    Lendo o artigo veume á cabeza o nome que lle dan no Morrazo, pero non logro lembrar ben se lles chaman ghamusinos ou ghambusinos…
    Haberá que preguntar.
    Parabéns pola actividade.

  2. Ola!

    A ver que tal se nos dá, de momento o alumnado é máis cruel có profesor, non pasa unha. Sobre gamusinos, eu teño entendido que é un castelanismo.

    Saúdos

  3. Román, a nós esta actividade gústanos moito, xa que así a parte de mellor a nosa fala de galego tamén o pasamos ben tentando pillar ao pRimeiro compañeiro que solte un ghazafello…we que nós decidimos a pasar, e esto está moi interesante podense apRender moitas cousas….
    beixinhOs!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s