Libros á carta… para ler á vontade!!! (2ª parte)

Así como o outro día publicamos o  Boletín de lecturas de 4º da ESO, tócalle agora a quenda á listaxe de lecturas obrigatorias e optativas para 3º e 2º da ESO asomar ao Caderno de Lingua a través do boletín correspondente. Nesta listaxe obsérvase un maior peso das coleccións xuvenís e segue habendo un pequeno espazo para a tradución, sobre todo para os clásicos do terror. Se cadra, a listaxe máis descompensada é a dirixida á segundo da ESO pois esta elaborada, en concreto, para un Agrupamento Específico no que se detectan diferenzas notábeis na competencia lectora do alumnado. Así hai que entender a entrada de títulos de coleccións como “Merlín” de Xerais que xa len nenos e nenas de 6º de Primaria ao lado de obras dirixidas a un público adolescente que tenta responder aos intereses de alumnos e alumnas de 14, 15 e mesmo 16 anos.

Para algunhas lecturas recollidas neste segundo boletín hai guións específicos de traballo ou cuestionarios máis amplos:

Guión de traballo de Unha estrela no vento, de Ledicia Costas.

Guión de traballo de Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo

Guión de traballo de ¡Asústate, Merche!, de Fina Casalderrey.

Guión de traballo d’A banda sen futuro, de Marilar Aleixandre.

Guión de traballo de Rúa Carbón, de Marilar Aleixandre.

Guión de traballo de Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz.

Guión de traballo de Aire negro, de Agustín Fernández Paz.

Cuestionario sobre Cartas de amor, de Fran Alonso, no blogue Revolta da Freixa.

Cuestionario sobre As soidades de Ana, de Jordi Sierra i Fabra, no blogue Revolta da Freixa.

Cuestionario sobre O neno do pixama a raias, de John Boyne, no blogue Revolta da Freixa

 

7 respostas a “Libros á carta… para ler á vontade!!! (2ª parte)

  1. Ola Román,
    Que tal? Xa vexo que moi ben. Só era para felicitarte polo blog que procuro mirar todos os días desde que Mar me falou del.
    Paréceme moi interesante o dos libros á carta. Supoño que publicarás o resultado e a avaliación desta iniciativa.
    Nada máis.
    Un saúdo.
    Rita

  2. Ola, Rita!

    Canto tempo! Grazas polos parabéns pero aínda hai moita leira que sachar. E grazas tamén polo feito de comentar porque eu creo que o máis me está achegando este blogue é a posibilidade de entrar en contacto con persoas que teñen intereses comúns, neste caso, o ensino de lingua e as TIC. Os comentarios, tanto se apuntan defectos como achegan ideas, son do máis produtivo.

    Sobre “o resultado e a avaliación das lecturas”, no curso pasado o único que fixemos foi valorar as lecturas cunha nota, ademais de facer os traballos pertinentes. Neste curso, xunto cunha profesora de castelán, queriamos que as lecturas tamén servisen para facer unhas fichas básicas sobre elas cunha reseña moi básica dos lectores, coa súa portada en ccor e todo, e ir colgándoas en sitios visíbeis e próximos á biblioteca e nos espazos comúns do centro para que os lectores chamen os lectores, que é ao final do que se trata. E o que ti dis dá para cavilar, sería necesario. A ver se alguén nos ilumina con algunha idea.

    Bicos

  3. Ola Román,
    Hai tempo que leo os blogs que xorden por Cuntis. Tes a Héitor Picallo moi contento por seguires por aí. Á parte dos parabéns, quero darche as grazas por compartir con todos o teu traballo. Xa teño botado man dos teus materiais e a semana pasada usei as túas propostas de “lectura á vontade” para acabar de animar os indecisos, e resultou!
    Un saúdo,
    Fátima Ruibal

  4. Román nos limos Unha estRela no vento, e gustounos moito, tamén nos dixeron que
    – !Asústate Merche!
    – A banda sen futuro
    – Cartas de Inverno
    – Aire negro

    que están ben…eu (natalia) tamén lin As soidades de Ana, é o Neno co pixama de raias pero en castelán…
    A nós gústanos máis esta pRoposta xa que ter que leer un libro que non che gusta pode resultar realmente aburrido.

  5. Ola Román!
    Eu son profe substituta namorada das TIC e das posibilidades que nos abre para a animación á lectura. Ando a ver se fago un pequeno blogue para animar os rapaces a ler con cazas do tesouro, libros ceibos e pequenos xogos que se me irán ocorrendo. Grazas polo teu traballo porque animas a que nos animemos e axudas coas túas balizas a percorrer o sendeiro. Sei que ao non me facer cargo todo un curso dun grupo as miñas ambicións teñen que ser cativeiras, pero aínda con todo agardo espertar no meu alumnado as mesmas ansias que me espertaron a min. Usarei as túas recomendacións de lectura para acabar de decidir en que mares imos navegar!!! Moitas grazas.

  6. Ola, Luz!

    Grazas polas palabras, que son excesivas, e por contaxiar a túa ilusión. Agardo que nos deas noticia do teu traballo para aprendermos das túas propostas lectoras… ou lectoTIC.

    Saúdos

    Román

  7. Pingback: Máis cuestionarios e guías de lecturas « Caderno de Lingua

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s