Libros á carta… para ler á vontade!

Cada mes de setembro reaparece unha vella teima entre o profesorado de lingua e nos seus departamentos: as lecturas obrigatorias e voluntarias, optativas ou recomendadas ou como queiramos chamarlle, que lle habemos poñer ao noso alumnado para o novo curso. Até o de agora, optei por escoller uns títulos obrigatorios aos que, de maneira voluntaria, os rapaces e rapazas podían engadir algunhas lecturas optativas. No curso 2007-2008 esta foi a listaxe de lecturas obrigatorias e optativas para 4º da ESO, que combinaba algúns valores seguros da literatura xuvenil con algúns títulos das “coleccións para adultos” da última literatura galega ao lado dalgúns clásicos… por se soaba a frauta. A expectación do profesor ante o “que dirán?”, o “e gustaralles?”, etc. é evidente e só as primeiras valoracións por parte dos alumnos e alumnas máis aplicados, normalmente os lectores máis avezados, vannos safando ese pequeno reto de dar coas lecturas axeitadas… mais isto non oculta a diversidade de gustos e intereses, de capacidades e de motivacións, dun alumnado heteroxéneo, e en parte reacio, nisto da lectura. As pequenas vitorias non poden ocultar a nosa obriga de responder a todos eles.  

No presente curso 2008-2009 mudei de estratexia, non hai lecturas obrigadas. No seu lugar, aparece unha listaxe bastante ampla para que o alumnado escolla á súa vontade. Para iso, reparto en cada curso un Boletín de Lecturas que inclúe unha breve presentación, a nómina de títulos, as portadas e as reseñas editoriais das obras e, finalmente, o sistema de avaliación, unha ficha-modelo de traballo da lectura e unhas ligazóns de apoio para a realización dos traballos. Ademais desa primeira referencia que pode ser a presentación editorial e a portada que atopan no boletín, faise unha exposición de lecturas conxuntamente coa Equipa da Biblioteca para que o alumnado se achegue aos libros e poida tocalos, abrilos, sentilos, ler un pouquichiño… coma se estivesen nunha libraría.

A listaxe nútrese maioritariamente das chamadas coleccións xuvenís, apostando polos títulos xa contrastados e que máis soen gustar xunto con algunhas novidades. Hai, ademais, unha aposta modesta pola literatura traducida e polas novelas de terror e fantasía clásicas e modernas e un guiño ás novas editoriais galegas como Urco, Morgante, Kalandraka ou Rinoceronte. Clásicos da literatura galegas apenas uns poucos e das coleccións adultas obras de Rosa Aneiros, Xosé Miranda, Xurxo Borrazás, Domingo Villar, etc.

Como, cando menos para min, non é unha cuestión fácil de resolver, sempre hai que botarlle unha ollada ao que fan os compañeiros e compañeiras por aí adiante. Así, poderedes atopar algunhas listaxes de lectura de diversos centros, e outros materiais, na páxina de Rosa Salgueiro, a quen agradezo as súas sempre acertadas observacións. Habería que destacar tamén unha bitácora moi interesante, As estelas dos ronseis, na que o alumnado vai dando conta das súas lecturas, ademais da Revolta da Freixa, un blogue de aula cun arquivo xa importante de traballo coa lectura. Blogues de clubes de lectura de Secundaria hai uns cantos, case medio cento podedes atopalos aquí, ao que lle hai que sumar a páxina  Fervenzas Literarias, que inclúe novidades, reseñas, espazo para os lectores, tamén para os novos… e as xa coñecidas webs de referencia como o Portal de Literatura do culturagalega.org ou a publicación en papel e dixital Praza das Letras da Consellaría de Cultura.

Na páxina 12 deste boletín de lectura inclúese unha ficha-modelo de traballo da lectura, que será empregado polo alumnado durante todo o curso no caso de que non dispoña de guións de traballo elaborados para obras concretas. De momento, contan con estes guións específicos, aos que se lle poden sumar outros ao longo do curso:

Guión de traballo de Corredores de sombra, de Agustín Fernández Paz.

Guión de traballo de Do outro lado do espello, de Jordi Sierra i Fabra.

Guión de traballo de Morning Star, de Xosé Miranda.

As mans do medo, de Xosé Miranda, cuestionario 1 no blogue Revolta da Freixa.

As mans do medo, de Xosé Miranda, cuestionario 2 no blogue Revolta da Freixa.

Cuestionario sobre A sombra descalza, de An Alfaya, no blogue Revolta da Freixa.

Ademais, os proxectos de animación á lectura de Xerais serven de axuda para confeccionar novos guións e cuestionarios para traballar as obras editadas na colección “Fóra de Xogo”.

Advertisements

3 respostas a “Libros á carta… para ler á vontade!

  1. Ben bonito che quedou!

    Iso si, loce bastante máis en papel.

    Parabéns, profe.

  2. Pingback: Libros á carta… para ler á vontade!!! (2ª parte) « Caderno de Lingua

  3. Pingback: Máis cuestionarios e guías de lecturas « Caderno de Lingua

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s