III Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

Pasadomañá comeza o IIIº Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino en Pontevedra, Ferrol e Ourense cun programa que combina experiencias normalizadoras concretas, moi atractivas polas referencias que teño mais entre as que boto en falta programas desenvolvidos en colexios de infantil e primaria, con módulos teórico-prácticos sobre a planificación lingüística nos centros. Non hai dúbida de que estes seminarios supoñen un paso adiante na formación e a posta en común de experiencias no ámbito da normalización mais creo que a formación que precisan os ENDL e os dinamizadores lingüísticos sobre o desenvolvemento dos PLC chega un pouco tarde, co perigo de que os primeiros que se elaboraron fiquen arrombados nun caixón e apenas formen parte da inxente cantidade de documentación que a inspección acumula de cada centro educativo. Malia todo, trátase de documentos flexíbeis suxeitos á avaliación anual, de aí que non estaría de máis que a propia inspección e grupos de traballo especializados revisasen os documentos e fixesen as observacións pertinentes aos equipos redactores: aos primeiros corresponderíalles facer cumprir a lexislación e colaborar coas equipas directivas nese obxectivo (non poden ser unha reedición do modelo anterior mais cun novo e ampuluso nome) e aos segundos asesorar co fin de converter eses planos lingüísticos en ferramentas áxiles para o avance social do idioma no centro e o seu contorno.

Con ser isto importante, hai un aspecto que, se cadra, éo máis: o espírito construtivo, que non acrítico, dos asistentes. Da primeira á segunda edición notei un cambio para mellor neste sentido: foron menos os lamentos e as actitudes derrotistas e foi maior a curiosidade cara ás experiencias mostradas e o aplauso de recoñecemento ás iniciativas dos/as compañeiros/as. Os reproches cara ás administracións (Educación e Política Lingüística especialmente) son máis que necesarios, sobre todo se se acompañan de propostas e abandonamos o espírito pusilánime.

PD: para as cidades que comezan o mércores ampliouse o prazo de inscrición até hoxe mesmo. Outros cursos de interese que terán lugar ao longo do curso son A competencia en comunicación lingüística nunha Europa plurilingüe e pluricultural  (Pontevedra, do 7 ao 15 de novembro), para o que a inscrición remata este mércores 1 de outubro, e Competencia en comunicación lingüística. Implicacións metodolóxicas (en diferentes sedes e ao longo de todo o curso).

Advertisements

3 respostas a “III Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

  1. Pingback: Os ENDL móvense « Caderno de Lingua

  2. Pingback: IIº Concurso de Cartas de Amor no CPI don Aurelio « Caderno de Lingua

  3. Pingback: normalizagaliza: Planeta de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística « Caderno de Lingua

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s