Primeiro viñeron polos tatexos…

“Trabalinguas”, de Xelís de Toro.

O novo Decreto 124/2007 de promoción e difusión da lingua galega no ensino arrastrou dende a súa publicación un enorme lastre como foi a súa nula difusión social. Nos centros educativos o profesorado tamén se atopou cun novo regulamento do galego á volta das vacacións de verán aínda que o borrador circulase dende comezos do ano 2007 entre os sindicatos, os partidos, o persoal máis conscienciado… Non vou desculpar a nula vontade de moitos/as docentes para aplicar a letra do decreto na súa aula mais a Consellería non pode esixir o cumprimento dunha lexislación que conleva un esforzo notábel para unha boa parte do profesorado pois:

  • non deseña un plano de formación con liberación de carga horaria para profesorado e Persoal Administrativo tal e como acontece, por exemplo, na universidade vasca,
  • recolle que os libros de texto estean en galego ao igual que os materiais de aula nas materias vehiculadas en galego mais é imposíbel atopar un bo feixe de recursos na nosa lingua,
  • obriga a redixir un Proxecto Lingüístico de Centro para presentar en Inspección antes do 31 de setembro de 2007 cando aínda se están a facer os horarios, a constituír os grupos de traballo, etc.,
  • é a Secretaría Xeral de Política Lingüística a que se encargou de formar a aqueles que asistimos ao II Seminario de Dinamización, enfocado basicamente á redacción do proxecto, mais por alí non pasarons os/as responsábeis de educación,
  • como avalía a competencia lingüística en galego e castelán do alumnado ao rematar o ensino obrigatorio para ver se se cumpre daquela o obxectivo común do ensino galego (formar cidadáns competentes nas dúas linguas oficiais)?
  • ás familias chéganlle as enquisas un bo día, no mellor dos casos cunha nota explicativa da dirección, mais é pola prensa que nas casas saben dunha suposta “imposición” que denuncian os lingüicidas e non das vantaxes do bilingüismo no ensino,
  • á hora da verdade delega nos Equipos de Normalización difundir a lexislación, asesorar, defender un Decreto no que ao mellor tampouco se cre moito, etc., e en cada unha das persoas preocupadas polo futuro da lingua para bater os cornos no bar, na rúa, no traballo…

En fin, que isto todo vén a conto da denuncia que fai hoxe a Mesa pola Normalización Lingüística e que vén indicar que moitas cousas seguen igual.

Por que o “Trabalinguas” de Xelís de Toro? Lendo reaccións a esta denuncia da Mesa que se atopan pola rede, vendo o eco que teñen certos lobbys “bilingües”, comprobando como determinados axentes políticos quitaron a careta ou como as denuncias de discriminación lingüística seguen á orde do día… hai días nos que é difícil ser optimista.

Advertisements

3 respostas a “Primeiro viñeron polos tatexos…

  1. E así fan con tantos asuntos de interese social. No caso da incorporación das TIC ó ensino tamén resulta practicamente imposible atopar recursos educativos de calidade EN GALEGO, agás os que o teu blogue e outros similares nos achegades (pero non son de matemáticas, coñecemento, ciencias, etc.). Daquela, temos que incorporar as TIC en idioma castelán porque nel están os recursos que se producen fóra de aquí. É incrible que tantos gobernos autonómicos estean a potenciar e producir materiais curriculares TIC nas súas linguas dende hai bastantes anos e a nosa administración educativa non faga máis que reunirse con expertos británicos ou canadianos para logo non poñer practicamente nada nas escolas. Nin formación do profesorado, nin liberación horaria para os coordinadores TIC, nin recursos en galego… Bueno, está claro que se non fan o que deberían pola nosa lingua, ¿que se pode agardar que fagan polo demais?

  2. Que entendemos polo plan de formación que se recolle no primeiro punto? Non se presupón que o feito de obter unha praza como docente leva xa consigo o requisito de dominio da lingua? Índonos á realidade, cantos mestres pode haber que non teñan competencias lingüísticas para impartir a súa área en galego?

    Veño observando que este argumento é moitas veces manipulado e terxiversado polo profesorado que se escuda e autoxustifica na falta de formación e a falta de oferta da mesma por parte da administración para eludir a súa responsabilidade.

    E non deixo de ver que o feito de que un mestre teña o valor de dicir que non pode dar a clase en galego por falta de formación e quede de brazos cruzados é coma se un mestre especialista di que non pode dar as clases con rigor científico suficiente porque a ciencia avanzou e ninguén veu actualizarlle a formación.

    E non con isto estou dicindo que a administración non debe planificar e implementar un plan formativo en competencias lingüísticas, galego a nivel técnico nas diferentes áreas…, senón que está resultando un argumento moi cómodo para certos sectores do profesorado.

  3. Concordo contigo, “Fiona”, non se debe desculpar a nula vontade dun sector do profesorado, de feito así o indiquei na introdución. Recollino de primeiro como puido ir de último e só era o eco da denuncia da Mesa feita ese mesmo día. Tampouco se trata dunha táboa planificada de reclamacións, máis ben un desafogo.

    O certo é que debería provocar rubor en moitos profesores escudarse na súa suposta falta de competencia en galego porque iso implica unha falta de profesionalidade moi grave do mesmo xeito que se escoitan cousas como “eu non teño porque saber manexar un ordenador”, “a min non me pagan para que vaia de excursión”, “se un rapaz ten problemas na casa (e iso ten consecuencias na aula) non é problema meu”, “que non entendan o que lean é problema dos profes de lingua galega e castelá”, etc. até barbaridades do tipo “dese pasamos, é un delicuente” para finiquitar a avaliación dun alumno porque hai que marchar á casa canto antes…. non vaia ser.

    A pesar de todo, penso que é mellor dar absolutamente todas as facilidades para evidenciar que se trata dunha decisión persoal e que, polo menos e chegado o caso, cada un descubra a súa verdadeira cara. Como dis ti: “é coma se un mestre especialista di que non pode dar as clases con rigor científico suficiente porque a ciencia avanzou e ninguén veu actualizarlle a formación”. Pois habelos hainos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s