As Crónicas de Gáidil: o xogo de rol de fantasía castrexa.

Onte o carteiro deixaba na caixa dos correos un “agasallo”, non por esperado menos desexado, dun círculo de amigos da parte de Cambre. Trátase d’As Crónicas de Gáidil, o primeiro xogo de rol en galego da autoría de Pablo Fernández Otero e Nacho Rodríguez Domínguez con ilustracións de Víctor Rivas.

Que conste que son un neófito nisto do rol mais estas Crónicas de Gáidil convidan a introducirse nun mundo moi atractivo, cando menos como lector, xa se verá como xogador pois o rol non ten sentido se non se xoga.

O propio mapa que abre esta edición tan coidada sitúanos nunha Galiza fantástica recoñecíbel nos seus mares, ríos e montañas (o Mar do Solpor, o río Nai, o Mar Vello, os Altos Montes de Inverno), na toponimia de vilas e comarcas (Artabria, Lug, Face d’Ouro, Libredón…), nas xentes (límicos e chairegos), no imaxinario popular (lobishomes, cocas, nubeiros e trasnos) ou no pasado castrexo (os mouros, o Castro do Avia, As Laxes) mesturado cunha mitoloxía celta (Lugnasad, Samaín) tan rendíbel na tradición literaria galega.

E nesa xeografía espacial e humana non faltan os xiros galegos en boca dos personaxes (“a ver se gaño un pataco”, “depois de coller unha chea e ir cego coma un can”) e mesmo os aturuxos antes da batalla (“Ei, Carballeira!!!”) pois o Gael-leano é o idioma común das xentes de Gael-Leach, tamén coas súas variedades dialectais (“Poiss eu cheghín con el, preghuntinlle sse eramos amighos e dissome que ssi”).

Abonda con ler a contracapa para comezar a vivir unha boa aventura debedora, como recoñecen os autores, dos mellores relatos de Lovecraft ou Tolkien:

Os tempos son chegados… O trono de Breogantia en perigo. As terras dos lugóns ameazadas. As costas de Artabria en chamas. A beiramar tamarca arrasada. As ruelas de Libredón inzadas de inimigos… Os contos dos Guéghel falan de grandes heroes. Has ser quen de formar parte da lenda?

 

Vodpod videos no longer available. from cadernodelingua.word posted with vodpod

O rol ten un potencial tremendo e en Galiza as xentes de 13negativo están a desenvolver unha liña de traballo de rol ao vivo que contempla o mundo do ensino. Algúns dos seus traballos son Vampiros. A Mascarada e Irmandinhos. A Revolta.

Especial de Cultura Galega sobre o rol en Galiza

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s