Na punta da lingua

Recibín hoxe unha boa nova na caixa dos correos, a “posta en rede” da web persoal de Rosa Salgueiro, profesora de LGL no IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Na punta da lingua é unha nova ferramenta artellada en torno a un proxecto de expresión escrita que se completa con outros materiais de literatura e lingua de elaboración propia. Baixo epígrafes tan atractivos como “Hortografía. O cultivo das palabras: un negocio con futuro”, Rosa promete ir facendo deste espazo un depósito de materiais disposto para todo aquel/a que os quixer empregar e manipular… á vez que se brinda para recoller todos os contributos doutras páxinas e mans amigas.

O que é meu é teu

O espírito dos dous C, Creative Commons, segue a marcar na actualidade o traballo de moitos/as educadores/as empeñados/as en facer da necesidade unha virtude. “Copiar, distribuír e comunicar publicamente” está no afán de moitas iniciativas semellantes que -sen querelo e sen buscalo- están a superar as carencias das autoridades educativas galegas.

Como lembra o Seminario Permanente do IES A sangriña (A Guarda) -autores desta marabilla-:

Debería haber un sistema de difusión dos recursos que se elaboran, tanto nos seminarios permanentes como nos grupos de traballo, eficiente que permitira que traballos como o noso tiveran a difusión que merecen. A Xunta e os Centros de Formación de Profesorado deberían ter grupos estables de traballo dedicados á elaboración de contidos en galego coa liberación horaria suficiente para garantir a eficiencia dos grupos.

E Remexer na lingua súmase a estas reflexións cun feixe de preguntas retóricas:

Os resultados da conxugación de dinamización e TIC (ou mellor, da dinamización co emprego das TIC) soen ser moi atractivos e mesmo sorprendentes, nalgúns casos admirábeis. É evidente a necesidade de estender este modelo ao conxunto da comunidade educativa (centros, ENDL, didácticas específicas…), mais, que plans, coberturas e asesoramentos hai ao respecto? O encomiábel voluntarismo por parte do profesorado é quen está a poñer a educación galega ao día neste aspecto (…). A iniciativa innovadora dos docentes é imprescindíbel tamén, mais nin é suficiente nin debera chegar ao sobreesforzo. Por parte da Consellaría, abonda con (…) webs dinámicas (pdf) nuns poucos centros, convocatoria de premios e cursos de formación? Non cumprirían espazos de divulgación e plataformas coma esas de Educastur? Ademais dunha dotación decente en todos os centros, formación colaborativa en horario lectivo e asesorías non atadas á burocracia, claro.

Abonda por hoxe que estamos de celebración… parabéns Rosa!

Advertisements

3 respostas a “Na punta da lingua

  1. Subscribo, claro, a necesidade de crear comunidade de intercambio (xa a medrar) e engado os meus parabéns a Rosa.

  2. Hey!!! o sitio esta currado, quen o fixo esmerouse, bo traballo.

  3. Noutras comunidades autónomas (na maioría delas) os seus gobernos implementan plataformas educativas na web para apoiar e estruturar a producción e o espallamento de recursos que posibiliten e fagan máis doada a inmersión da comunidade educativa no modelo educativo que se está a impoñer nos sistemas máis avanzados do mundo. Aquí seguimos ancorados nos libros de texto, nas estratexias educativas do século pasado e nun ollar o que se fai máis aló dos nosos límites xeográficos. Pero eses límites xa non existen no eido educativo (nin en tantos outros). O mundo xa non é estático e a educación non se limita a espazos nin tempos. Necesitamos apoio, formación, información, equipamentos, recursos, investimento, recoñecemento, non só para uns poucos centros ou grupos escollidos senón para todos. Cada día que pasa sen que isto se produza seguiremos a acumular un atraso irrecuperable que xa nos está a deixar á marxe dos tempos educativos. E os estudantes e o profesorado galego ¿cómo, con qué e con quén van poder competir e/ou colaborar o día de mañá?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s