Arquivo por etiquetas: audiovisual

SonCine: ollar, sentir, ler…

Os pasados 7 e 8 de abril tiveron lugar en Santiago de Compostela os Encontros do Plan de mellora de bibliotecas escolares 10/11, que reuniron uns 300 docentes responsábeis das bibliotecas integradas actualmente no Plan de mellora de bibliotecas escolares. Nas xornadas participou o noso compañeiro David Pérez para partillar cos asistentes a experiencia do Proxecto SonCine que se densevolve no IES de Porto do Son dende o ano 2006.

Permítome reproducir o seguinte texto de Sonia Ces, a nosa compañeira que coordina o Equipo da Biblioteca, para sintetizar a mensaxe do relatorio:

O título “académico” dicía así: “Rexistrando as actividades da biblioteca”, e o que el expuso era “Ollar, sentir, ler”. A realidade, o sistema, crítica, erros, acertos, consellos, posibilidades, arelas. Ou como fuxir do cadrado se o que se pretende é facer algo “redondo”. Case sempre se fai audiovisual nas aulas con dúas intencións: unha, incitar a aprendizaxe: en natureza, literatura, química ou educación física (vaite ti ver); dúas, aprender a contar. En realidade, non o sabes ata que sabes contalo. (…) E o audiovisual é a arma máis forte que temos para facelo. O valor dos audiovisuais medra cada día que pasa porque esas imaxes son a mesmiña escrita do Tempo”. É nisto no que cre, e esta é a razon que, para fortuna nosa, o leva a participar connosco nas actividades que organizamos dende a biblioteca. Como xa sabedes, está a ser a nosa mirada no centro e ten conseguido que algúns de vos manifestedes xa tamén a vosa mirada e a vosa voz.

Acredito, e comparto a fortuna de ver traballar a David e de que o seu alumnado e mais el “rexistrasen” estas fermosas e intensas vivencias educativas. Recomendo visualizar a seguinte presentación: así se constrúe o audiovisual dende as/nas aulas.

E, coma xa aconteceu nalgunha ocasión anterior, na volta da viaxe sempre hai un agasallo. Onde vai o cineasta sen cámara, aínda que sexa un aparello modesto pois os rapaces e rapazas levan para a casa os bos para filmar nas tardes e na fin de semana?

Isto non é un vídeo. É indignación e un agradecemento sen límites aos docentes de Galicia. Foi capturado, no mesmo día, en dous espazos próximos, cunha cámara de 5ª fila. Hai quen o dá todo día día nas aulas, inventándose os medios que non ten, comendo o xenio e ofrecendo luz, imaxinación e ilusión ás nenas e nenos galegos. Saúde e ánimo.

Bibliotecas, posted with vodpod

Engádega do martes, 26 de marzo de 2011: Aulas a ritmo de cine, reportaxe de Culturagalega.org sobre SonCine, o Encontro do Audiovisual Escolar Galego e a escolma de cinema escolar feita por David.

Apagón no audiovisual galego

Pouco máis de dous anos despois do seu nacemento, a AGADIC desfaise de Flocos.tv, un sitio web de referencia para o audiovisual galego que chegou a conter máis de trescentas producións profesionais e afeccionadas, actuais e históricas, e que se convertera xa nun recurso didáctico de grande relevancia para as aulas ao alcance de tan só un clic. Concibido como unha rede social que retroalimentase a escena audiovisual poñendo en diálogo a industria, os creadores e demais axentes do sector co público, Flocos.tv proxectaba na rede unha nova peza cada semana até que en maio de 2009 os novos xestores políticos decidiron deixar morrer o sitio por inanición.

Asistimos a un paso máis no desmantelamento planificado do tecido cultural do país. Que será o seguinte?

Máis info. aquí, unhas cantas preguntas retóricas por aquí e unha proposta para acción no blogue da Profa.

Un artigo de opinión en Solución Salina.

Audiovisual e música 100% galegos

Mentres hai quen pon toda a vontade, e aínda máis, en desprezar, confundir e problematizar a lingua galega, xorden proxectos novidosos e frescos, apostas arriscadas e moi laboriosas e programacións ben ideadas e planificadas como os dous eventos que organiza o Equipo de Normalización Lingüística do IES Audiovisual de Vigo nas próximas semanas.

O vindeiro xoves 17 de febreiro terá lugar nese centro o Percebe Son, unha iniciativa que, ademais de se presentar como un foro cultural, musical e de entretemento, é un proxecto educativo no que o alumnado de 2º de PARE (Produción Audiovisual, de Radio e Espectáculos) leva á práctica aquilo para o que se está formando nas aulas do instituto. Este festival procura impulsar a escena musical galega e reforzar o galego como vehículo de expresión da sociedade tamén na música e na cultura.

O programa, moi completo, combina momentos para a reflexión coa emisión dun programa radiofónico ao vivo ou momentos estritamente lúdicos e participativos como un Galeoke ou os concertos de grupos  referentes na escena galega como Som do Galpom ou Ataque Escampe. Xurxo Souto, Tonhito de Poi, Xocas ou Aid serán os encargados de dar unha visión, dende a veteranía e a mocidade, sobre a música en lingua galega, á que se suma a perspectiva fundamental da distribución que achegará toupa.net.

Traballiño dende a mesma canteira dunha efervescente realidade da música galega que será algo máis visíbel grazas ao Percebe Son.

Poucos días despois, dende a mesma base do audiovisual chega o ciclo A Semana das Curtas, outra actividade organizada por este Equipo de Normalización, desta volta coa colaboración da Coordinadora Galega de ENDL. Dende o luns 28 de febreiro até o venres 4 de febreiro os centros educativos  terán a posibilidade de participar nunha especie de ciclo ou festival virtual simultáneo no que se proxectarán curtametraxes, videoclips e algunhas desas breves reportaxes documentais de eufalo.tv nas que os falantes toman a palabra para falar da súa experiencia máis persoal e íntima coa lingua.

Divulgación do traballo audiovisual galego e fomento do idioma a través de linguaxes atractivas para o alumnado, que sen abandonar a dimensión lúdica terá un papel activo no desenvolvemento desta iniciativa ao valorar e intercambiar as súas opinións con outros rapaces e rapazas a través do blogue da actividade.

Non queda máis que darlles os parabéns os responsábeis do Equipo de Normalización e demais departamentos colaboradores do IES Audiovisual de Vigo e convidarvos a todos e a todas a seguir e participar do Percebe Son e A Semana das Curtas.

Prácticas narrativas II

Nas Aulas de Lingua Galega de 3º da ESO seguimos ás voltas co texto narrativo a través de diferentes propostas. Aproveitando a vizosidade do chamado audiovisual galego, temos ao noso dispor unha boa cantidade de curtametraxes en lingua galega en canles temáticas, certames na rede, blogues especializados, páxinas dos propios autores e das produtoras… e nese universo infinito que é Youtube, Google Vídeos… Trátase, xa que logo, de peneirar a rede. Podemos comezar por:

Curtas na Rede (curtas gañadoras edición 2006, curtas participantes edición 2007)

Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI). Visionado de películas.

Axencia Audiovisual Galega

O Soportal do Audiovisual Galego  do Consello da Cultura Galega

Curtametraxes

Esta actividade integra a narrativa noutras linguaxes artísticas aos ollos do alumnado e pode servir de introdución á linguaxe audiovisual.

  • Obxectivos:
  1. Crear un relato a partir do visionado dunha curtametraxe.
  2. Achegar o panorama actual do audiovisual galego.
  • Desenvolmento:
  1. Segundo a natureza da curta, a súa complexidade, o número de personaxes… determinarase o número de alumnos/as que elaborarán o relato de xeito individual e dende diferentes enfoques narratolóxicos.
  2. Orientarase a creación cara a unha versión máis fiel ou unha recreación libre do relato audiovisual, mais nunca se procura a plasmación exacta da curta visionada. 
  3. Páutase a narración marcándolle a cada alumno/a o tipo de narrador e o punto de vista, a escolla dun personaxe, o plano temporal, a existencia (ou non) de diálogos (en estilo directo ou indirecto), etc. para obter as perspectivas do relato.
  • Conclusión: posta en común dos textos creados polo alumnado. 

O alumnado de 3º da ESO do CPI don Aurelio realizou esta actividade a partir dunha primeira escolma de curtas, nas que prima a introspección sobre a acción e deixa unha marxe máis ou menos ampla para a libre interpretación das historias. Traballaron 2 ou 3 alumnos/as sobre cada unha delas. 

A miopía (2003), de David Pardo.

Cores (2007), de Jairo Iglesias.

A rosa dos ventos (2008), de Jairo Iglesias.

Cruzarei ese mar (2007), de Jbcav, curtametraxe participante en Curtas na Rede 2007.

Baseada en feitos que puideron ter ocorrido (2006), de Ozo.

Galiza (2005), de Pachi Baranda e Manuel I. Nanín