A Revolução dos Cravos nun 25 de abril

Parte do monumento que hai na entrada da vila de Grândola para conmemorar o 25 aniversario do 25 de Abril

Parte central do monumento que hai á entrada da vila de Grândola para conmemorar o 25 aniversario do 25 de Abril

Da recente viaxe por terras portuguesas trouxen, coma sempre, novas descubertas, como o Cromeleque dos Almendres, a Anta Grande do Zambujeiro e a primavera do Alentejo nunha  Évora redescuberta. A Costa Vicentina  quere o seu tempo para saborear as praias de Carrapateira, os cantís sobre o areal da Arrifana, o solpor na barra do Monte dos Clérigos e o avistamento dos aniñamentos de cegoñas no Cabo Sardão. Lisboa pide cando menos unha parada técnica (quere a súa semana enteira mais…) e un café no Miradouro da Graça, mais Porto estase convertendo nunha cita habitual para ir na procura das novas tendencias e o cosmopolitismo máis próximo a nós. Falares, sabores, ritmos, o encontro (non sempre harmonioso) entre a tradición e a modernidade, xa están a pedir unha nova escapada.

Das paradiñas houbo unha en Grândola, que non sei canto terá aínda de “vila morena” mais que conserva a memoria da Revolução dos Cravos no nomenclátor e nas esculturas urbanas. Tamén nas paredes, pois do norte ao sul do país cidades e vilas, e mais axendas de xornais e revistas, estaban inzadas de actos e programas conmemorativos do 40º Aniversario do 25 de Abril, tinguidos, iso si, dunha reflexión amarga sobre a permanencia -fuxida- dos valores daquela fermosa revolta.

Pola rede adoitan chegar boas novas e dúas alertas de slideshare leváronme a cadanseu traballo de Alfonso Blanco (Biblioteca do IES Fontexería de Muros) e Sofía Rama (Dpto. de Lingua Galega do IES Félix Muriel de Rianxo) para traer a memoria do 25 de Abril ás aulas galegas, tarefa á que lle podemos achegar esta proposta de José Paz Rodrigues que atopamos no Portal Galego da Língua a partir do filme Capitães de Abril de María de Medeiros.

Unha visita recomendábel para coñecer unha parte do funesto Estado Novo é a Prisão da Fortaleza de Peniche, mellor se é tras a lectura dunha novela como Resistencia, de Rosa Aneiros (Unidade diáctica de Loli Cid), ou logo de procurar algunha información sobre a fuga de Peniche, de Álvaro Cunhal e outros prisioneiros políticos, para lle dar máis significado e emotividade á visita, pois a verdade é que como espazo museístico é pobre.

Non sei se é pecado non poñer o ramo musical a esta entrada co “Grândola vila morena”, do gran Zeca Afonso, mais por actualidade, tamén no contido, traio esta versión de “Os Vampiros” dos estradenses Nao, recén saída do forno e que se estrea ao vivo este sábado na Sala Capitol de Compostela. Ademais, conta coas colaboracións de Manuel Payno (Os Tres Trebóns, Caxade), Pikkio e Sigaro (Banda Bassotti) e Inés Álvarez .


Os Vampiros (Zeca Afonso)

No ceo cincento baixo o astro mudo
Batendo as ás na noite calada
Veñen en bandos con pés de veludo
Chupar o sangue fresco da manada

A todas partes chegan os vampiros
Pousan nos predios pousan nas calzadas
Traen no seu ventre despoxos antigos
máis nada os prende as vidas acabadas

Eles comen todo, eles comen todo
Eles comen todo e non deixan nada (bis)

No chan do medo tomban os vencidos
Óense os gritos na noite abafada
Xacen nos fosos vítimas dun credo
E non se esgota o sangue da manada

Son os mordomos do universo todo
amos á forza donos sen lei
enchen contedores beben viño novo
danzan a ronda no Pinhal do Rei

Eles comen todo, eles comen todo
Eles comen todo e non deixan nada (bis)

Per terra cadono impauriti i vinti
Si senton grida nella notte soffocata
Giaccion nei fossi vittime di un idea
Non s’esaurisce il sangue del gregge

Sono padroni dell’universo intero
Dominatori a forza signori senta legge
Riempion granai bevono vino nuovo
Danzano in tondo nella pineta del re.

Mangiano tutto, mangiano tutto
Mangiano tutto e non lasciano niente (bis)

A todas partes chegan os vampiros
Pousan nos predios pousan nas calzadas
se alguén se engana co seu ar sisudo
E lles franquea as portas á chegada

Eles comen todo, eles comen todo
Eles comen todo e non deixan nada (bis)

Engádega (25-04-2015): Unha ducia de horas do 25 de abril (Praza Pública)

Unha resposta a “A Revolução dos Cravos nun 25 de abril

  1. Beatriz Fernández

    Obrigada por partilhares este trabalho.

Deixar un comentario