Caderno de Lingua

Blogue de Aula de Lingua Galega e Literatura

Máis un!

Publicado por romanlandin on Outubro 14, 2009

Recibo un correo da parte de Forcarei que anuncia un novo blogue dun Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, Lingua de Montes, do IES Chano Piñeiro, bitácora que vén sumarse ás 113 webs do Planeta ENDL, onde poderedes atopar unhas cantas ducias de páxinas dos equipos de centros escolares de todo o país.

E á Terra de Montes chegaron nestas primeiras semanas de curso a análise sobre a situación sociolingüística do país da man de Francisco Rodríguez, para convidar aos rapaces e rapazas de Forcarei á necesaria reflexión nestes momentos difíciles para a lingua, e a os sons e os bailes da rapeira Aid e b-boy Rubén, que achegaron as manifestacións máis vangardistas da cultura urbana galega. Como vedes, comezan forte no ENDL do IES Chano Piñeiro.

Para isto mesmo serven os blogues, webs, redes sociais, radios en liña, wikis, etc. dos equipos, para proxectar na rede as súas actividades, reflexións, experiencias, etc. e amosar o inmenso labor que se realiza nos centros coa fin de valorizar a nosa lingua entre a comunidade educativa e o seu contorno, así como para reforzar e desenvolver as competencias lingüísticas e artísticas do alumnado.

Precisamente, para fomentar a creatividade do alumnado dende o mesmo instituto animan a participar na elaboración dun conto a través do wiki setemaisun, irmán do blogue homónimo do grupo de PDC. Velaí tedes unha de tantas pontes que nos ofrecen as novas tecnoloxías para facer realidade a colaboración intercentros.

Estas, xunto con outras liñas de traballo, forman parte do Proxecto de Normalización e Dinamización lingüística pdo IES Chano Piñeiro de Forcarei. Un posible modleo para un contexto galegófono, que foi presentado no IV Seminario de Dinamización Lingüística (maio 2009) por Xaime Varela.

Unha resposta a “Máis un!”

  1. Xano dixo

    Interesante tamén o blogue 7+1, que non coñecía, grazas por compartir.
    E que medren as luzadas polo Son!

Deixa un comentario

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>