Caderno de Lingua

Blogue de Aula de Lingua Galega e Literatura

O celtismo en Galiza: funcionalidade e estratexias de importación no campo literario galego

Publicado por romanlandin on Setembro 28, 2009

J. CAMARERO / S. SEROUR, eds., Literatura, cultura, transferencia, Actas del III seminario sobre el diálogo intercultural y la literatura comparada. Vitoria-Gasteiz, Facultad de Filología y Geografía e Historia (UPV/EHU), 8, 9 y 10 de marzo de 2005, EL FARO-ECSOM, 2006.

Baixo este título participei cunha ponencia no III Seminario sobre el diálogo intercultural y la literatura comparada que coordinaron os profesores Jesús Camarero e Salah Serour na Facultade de Filoloxía e Xeografía e Historia da Universidade do País Vasco en marzo de 2005. Naquela altura, impartía aulas de lingua e literatura galegas como profesor-lector no Centro de Estudos Galegos da universidade pública vasca e con este breve relatorio tentaba facer unha achega a un tema apaixonante (o das transferencias culturais, en sentido amplo, dos países celtas e Galiza) que alguén, como apunta Manuel F. Vieites, terá que abordar, con maior fortuna (evidentemente) no futuro.

Antes de comezar unha nova etapa (provisional) nun novo destino, cómpre  aproveitar estes modestos materiais de experiencias pasadas.

A utilización do celtismo como paradigma interpretativo da historia de Galiza, como construto intelectual e teórico, presenta unhas coordenadas temporais concretas facilmente identifícábeis en torno a unhas fases de eclosión, supremacía e decadencia. O feito de se tratar dun “acto voluntario” (en canto que invención) que hoxe resulta rexamente refutado cientificamente ou, alomenos, reducido a un problema simplemente filolóxico, arqueolóxico ou antropolóxico, non quita que teña sentido preguntarse cándo, para qué e porqué o celtismo se erixiu en paradigma explicativo da identidade de Galiza, sobre todo, tendo en conta que o que comezou sendo unha posición doutrinal de eruditos, historiadores e poetas, acabou por se converter nunha sorte de metáfora de Galiza enteira, na súa profundidade temporal e na súa amplitude espacial. Nunca, ningún outro aspecto da historia de Galiza contou co apoio de intelectuais tan relevantes nin nunca un construto intelectual sobre a identidade nacional penetrou tan fondamente no pobo. (para ler máis -versión orixinal en español- e descargar preme aquí)

Deixa un comentario

XHTML: You can use these tags: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <pre> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>